A Xunta é obrigada a corrixir novamente o concurso para o transporte escolar, que volve adiar os seus prazos

Un rapaz sobe a un autobús nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Educación pedía ás empresas interesadas, dun xeito que o tribunal de contratación considera confuso, unha base fixa operativa preto das liñas a realizar, pero agora só deben comprometerse a tela se gañan o contrato

Tras anular un primeiro concurso para renovar a metade das liñas de transporte escolar de Galicia polos “erros” e a “confusión considerable” que ela mesma admitía que tiñan os seus pregos de condicións, a Xunta convocou a finais de maio un segundo proceso. Pero tamén este vén de ser corrixido sobre a marcha obrigado polo Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (Tacgal), o que fai que agora o Goberno galego veña de fixar unha nova data para a apertura das ofertas que se poidan presentar, o 5 de xullo, o que afianzas as previsións da propia Xunta de que non lle dará tempo a ter resolto o concurso para o novo curso escolar e terá que prorrogar novamente os contratos actuais tras anos de distintas prórrogas ilegais previas.

Nova corrección no concurso para o transporte escolar dos dous próximos anos CC-BY-SA Praza Pública

O segundo concurso convocado a finais de maio para a metade das liñas de transporte escolar de Galicia -as que se prestan de xeito exclusivo e non compartidas co transporte regular-, tras cancelar a Consellería de Educación o primeiro, tamén recibiu recursos, o que obrigou a paralizar o proceso. Agora o tribunal de contratación vén de resolver eses recursos estimando parcialmente os presentados por Hedegasa SL (empresa propietaria de Autobuses de Calo) e pola Asociación Empresarial de Transporte de Viaxeiros por Estrada de Galicia (Galibus) e a Xunta levanta a paralización tras introducir as correccións que lle ditaron. 

En concreto Educación pedía ás empresas interesadas, dun xeito que o tribunal de contratación considera confuso, unha base fixa operativa preto das liñas a realizar, pero agora só deben comprometerse a tela se gañan o contrato. Entre a documentación que lle requiría ás empresas interesadas estaba, na versión inicial dos pregos de condicións, “no seu caso, declaración xurada do contratista indicando a existencia e operatividade dunha base operativa fixa en cada un dos lotes aos que presente a oferta”, indicando nela a distancia en quilómetros desde a base “ao primeiro ou ao último centro sinalados como de referencia”. 

Porén, o tribunal considerou que esa redacción “pode dar lugar a erros nos licitadores respecto á esixencia de que as bases operativas deban existir e estar en funcionamento como tales no momento de presentar as ofertas”, o que suporía primar ás empresas xa instaladas en cada zona, e mesmo ás que xa realizaban esas liñas de transporte escolar, en detrimento de posibles competidores. Nas novas condicións do concurso xa corrixidas pasa a pedirse “no seu caso, declaración xurada do contratista na que se comprometa a dispor no caso de resultar adxudicatario dunha base operativa”.

Vehículos de transporte escolar no Courel e fragmento da resolución na que Educación anulou en marzo a anterior contratación CC-BY-NC-SA Praza Pública

Os erros e a cancelación do concurso anterior foron só o último tropezo da Xunta tras décadas de ilegalidades e prórrogas no sector dos buses

A nova corrección súmase a outras varias xa introducidas nos pregos do actual concurso a respecto dos do primeiro. Entre elas algunhas de peso como o custo ou o número de liñas. Se o primeiro concurso prevía un gasto de 81 millóns de euros para os dous próximos cursos, o novo elevou a cifra a 93,4 millóns, pasando das 1.574 rutas do proceso anterior a 1.586 deste (12 máis) e das 11.269 paradas anteriores a 11.553 (284 máis). Ademais, o concurso contempla a posibilidade de que os dous anos do contrato poidan ser prorrogados outros dous máis, e unha bolsa de cartos extra para posibles modificacións posteriores obrigadas por axustes do servizo que eleva o importe total de fondos públicos que podería mobilizar este contrato a máis de 200 millóns de euros.

Os erros e a cancelación do concurso anterior foron só o último tropezo da Xunta tras décadas de ilegalidades no sector dos buses, no que as empresas aférranse ás rutas escolares como principal garantía de ingresos estables.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.