Suspendido de novo, agora polo recurso dunha empresa, o concurso do transporte escolar que a Xunta tivo que repetir polos seus “erros”

Unha parada de autobús no rural galego CC-BY-SA Xunta de Galicia

A paralización cautelar da licitación aceptada polo tribunal de contratación detén tamén o prazo de presentación de ofertas para un servizo que Educación volverá prorrogar tras décadas de irregularidades

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (Tacgal) vén de adoptar a medida cautelar de suspender temporalmente a licitación dos contratos da metade do transporte escolar de Galicia tras o recurso dunha empresa. Á espera de que o tribunal se pronuncie sobre o fondo do recurso, queda adiado o prazo de presentación de ofertas dun concurso público de 93 millóns de euros que a Xunta tivo que repetir tras recoñecer “erros” nos pregos de condicións da primeira licitación que convocou a finais do pasado ano, nos que non se contemplaran 12 rutas e 284 paradas agora si incluídas no novo concurso. A Consellería de Educación xa asumiu que deberá prorrogar de novo os servizos actuais tras anos de prórrogas anteriores con todo tipo de irregularidades.

Suspensión cautelar do segundo concurso para o transporte escolar que a Xunta tivo que reiniciar polo "erros" que cometeu no primeiro CC-BY-SA Praza Pública

O primeiro concurso convocado a finais do pasado ano para renovar os contratos da metade do transporte escolar de Galicia, o que se presta de xeito exclusivo a centros educativos e non compartido co transporte regular, recibiu tal cantidade de críticas e recursos por parte de empresas e da comunidade educativa que a propia Xunta asumiu que tiña “erros” e o anulou. Entre outras cuestións aquel proceso, deseñado con Google Maps segundo admitía a propia Xunta, prevía que as paradas durasen só un minuto para a subida e baixada do alumnado.

Reiniciado o proceso polo Consello da Xunta presidido por Feijóo o pasado 20 de maio, o novo concurso convocouse por urxencia unha semana máis tarde e admitindo xa a Consellería de Educación que tería que prorrogar varios meses do próximo curso os servizos actuais ante a imposibilidade de rematar antes a longa tramitación da contratación. A declaración de urxencia do contrato fixo que as empresas tivesen só 20 días, ata o 14 de xuño, para presentar as súas ofertas aos 57 lotes en que se dividiu o servizo. Pero cando menos unha das aspirantes, Hedegasa SL, empresa propietaria de Autobuses de Calo, presentou un recurso contra o concurso e solicitou a súa suspensión cautelar, medida que o pasado venres foi aceptada polo tribunal de contratación.

O tribunal administrativo lembra que as medidas cautelares van dirixidas a "impedir que se causen outros prexuízos" e di que aínda no prexulga "ningún aspecto" do recurso de fondo contra o concurso

O tribunal administrativo lembra que, á espera de resolver sobre o recurso de fondo presentado pola empresa contra o complexo sistema de licitación das rutas, as medidas cautelares van “dirixidas a corrixir infraccións de procedemento ou impedir que se causen outros prexuízos aos intereses afectados”. Tamén salienta que o propio recurso especial en materia de contratación, sobre o que aínda non prexulga “ningún aspecto”, está concibido como “instrumento dotado das notas de axilidade e eficacia para garantir o cumprimento da lexislación sobre contratos públicos e a corrección das posibles infraccións dos poderes adxudicadores nunha etapa na que estas poden aínda ser corrixidas de ser o caso”. Neste caso o tribunal considera “prudente” suspender cautelarmente o prazo de presentación de ofertas que se vira ademais recortado ao declaralo urxente a Xunta.

Un rapaz sobe a un autobús nunha imaxe de arquivo da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

Os erros e a cancelación do concurso anterior foron só o último tropezo da Xunta tras décadas de ilegalidades e prórrogas no sector dos buses

Se o primeiro concurso prevía un gasto de 81 millóns de euros para os dous próximos cursos, o novo elevou a cifra a 93,4 millóns, pasando das 1.574 rutas do proceso anterior a 1.586 deste (12 máis) e das 11.269 paradas anteriores a 11.553 (284 máis). Ademais, o concurso contempla a posibilidade de que os dous anos do contrato poidan ser prorrogados outros dous máis, e unha bolsa de cartos extra para posibles modificacións posteriores obrigadas por axustes do servizo que eleva o importe total de fondos públicos que podería mobilizar este contrato a máis de 200 millóns de euros.

Os erros e a cancelación do concurso anterior foron só o último tropezo da Xunta tras décadas de ilegalidades no sector dos buses, no que as empresas aférranse ás rutas escolares como principal garantía de ingresos estables.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.