A Xunta gastará no bus escolar un 15% máis do que prevía no concurso que anulou por "erros", no que faltaban 284 paradas

Un rapaz sobe a un autobús nunha imaxe de arquivo da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego aproba a nova licitación dos contratos dous meses e medio despois de recoñecer que o anterior proceso xeraba “confusión considerable”

Dous meses e medio despois de anular o anterior concurso público polos “erros” e “confusión considerable” que contiñan os seus pregos de condicións, o Consello da Xunta autorizou este xoves licitar novamente o servizo de transporte escolar da metade das liñas de Galicia. Son as que se prestan de xeito exclusivo a centros educativos e non compartidas co transporte regular. 

Se o anterior concurso prevía un gasto de 81 millóns para os dous próximos cursos, o novo sumará outros 12 millóns de euros no mesmo período, un 15% máis, segundo avanzou o presidente Feijóo, ata un total de 93,4 millóns. El mesmo informou tamén de que os novos contratos incluirán “12 rutas” e “284 paradas máis que os anteriores”.

Vehículos de transporte escolar no Courel e fragmento da resolución na que Educación freou en marzo a anterior contratación CC-BY-NC-SA Praza Pública

O anterior concurso foi anulado a comezos de marzo despois de recibir todo tipo de críticas de nais e pais do alumnado e recursos de autónomos e empresas por considerar que os pregos de condicións non tiñan en conta peculiaridades das rutas. Entre outras cuestións, a Xunta pasou de prever 5 minutos por parada a só 1, e as rutas deseñáronse empregándose Google Maps para determinar as distancias e tempos de desprazamento.

Hai dúas semanas a Xunta presumiu de que as empresas deberán cumprir a lei de igualdade e agora de que "en ningún caso os traxectos sexan superiores a unha hora"

Tras anular aquel concurso, hai dúas semanas o conselleiro de Educación asinou cos sindicatos un acordo de mellora das condicións laborais previstas do persoal que preste o servizo presumindo de que as empresas deberán cumprir a lei de igualdade. Este xoves o presidente Feijóo amosou a súa confianza en que o concurso que agora se convoque saia adiante “esta vez con absoluta conformidade polos axentes empresariais e polos traballadores”.

Reunión do Consello da Xunta deste xoves, co titular de Educación á dereita, no que se aprobou a nova licitación do transporte escolar CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Agora, fronte as 1.574 rutas do concurso anterior, o novo contará con 1.586, e fronte ás 11.269 paradas anteriores agora serán 11.553, un 2,5% máis que non se contemplaban previamente "de tal xeito que en ningún caso os traxectos sexan superiores a unha hora". A Xunta salienta agora que co incremento do 15% no custo total do servizo "o Goberno galego garante que o alumnado siga gozando do servizo de transporte escolar nas mesmas condicións que nos últimos anos", algo que non se garantía co concurso que tivo que anular.

Os erros e a cancelación do concurso anterior foron só o último tropezo da Xunta tras décadas de ilegalidades no sector dos buses, no que as empresas aférranse ás rutas escolares como principal garantía de ingresos estables.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.