O sistema de vacinación en Galicia está a ser "duramente atacado", segundo o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que este martes sumou novas críticas da Xunta á posibilidade de que Galicia non se beneficie do envío extraordinario de 3,4 millóns de doses de Pfizer, unha adquisición anunciada por Pedro Sánchez o pasado 30 de xullo co obxectivo de acelerar a vacinación durante o mes de agosto e acadar o 70% de poboación con pauta completa antes de que remate o mes.
O sistema de vacinación en Galicia está a ser "duramente atacado", segundo o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña
Xa este domingo García Comesaña cualificara como "decepcionante" a decisión sobre o reparto das doses extraordinarias e criticou que Galicia vaia recibir en agosto menos vacinas que en xuño e xullo (meses nos que tamén houbo unha incorporación non prevista inicialmente de doses, co obxectivo de acelerar a vacinación das persoas entre 30 e 50 anos). Ao reparto das 3,4 millóns de doses de Pfizer únese ademais o atraso na chegada a España das doses previstas de Moderna, que o Goberno central compensará cun aumento do envío de doses de Pfizer.
Unha previsión excesivamente optimista do novo envío de doses obrigou ao Goberno galego a suspender a convocatoria de novas autocitas para vacinarse
Tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ven laiándose nas últimas semanas do reducido número de doses que Galicia recibirá nos vindeiros envíos, criticando a "falta de transparencia" nos criterios empregados en cada momento para decidir as contías correspondentes a cada territorio. Neste senso, dende o Goberno galego pídese que non só se teña en conta o peso dos grupos de idade aos que se debe administrar a vacina cada semana (o principal criterio empregado ata agora), senón tamén o número de positivos totais en cada comunidade autónoma (as persoas que xa superaron a enfermidade necesitan unha dose menos para acadar a pauta completa).
A previsión dun envío de doses inferior ao esperado levou ao Goberno galego a suspender a convocatoria de novas autocitas para vacinarse, mantendo unicamente as xa programadas. A Xunta decidira traballar cunha previsión excesivamente optimista de recepción de vacinas, a pesar de que o número de novas doses nunca se concretara e de que -segundo o Goberno central- sempre se apuntara que o groso do envío extraordinario beneficiaría a aquelas comunidades autónomas cunha poboación máis novas -como Madrid, Andalucía ou Murcia-, que ata agora recibiran un menos número de vacinas.
"Con esas vacinas extras vaise intentar un reequilibrio entre territorios e a Galicia tócalle ser solidaria, igual que o foron anteriormente con ela outras comunidades", destaca o Delegado do Goberno central en Galicia, José Miñones
En cambio, os territorios cunha poboación máis envellecida -Asturias, Castela-León e Galicia- deberían recibir unha porcentaxe inferior de vacinas estas semanas, pois nos últimos meses estiveron obtendo porcentaxes superiores ao peso real da súa poboación. Así o subliñou tamén este martes o Delegado do Goberno central en Galicia, José Miñones, que destacou a Xunta "xa coñecía" que este ía ser o reparto, pois dende o inicio do proceso de vacinación no Consello Interterritorial estableceuse "que había unha serie de comunidades que se ían ver beneficiadas" nos primeiros meses ao ter unha maior proporción de poboación vulnerable, como foi o caso de Galicia, que se beneficiou da "solidariedade" dos territorios de poboación máis nova.
"Agora ocorre o oposto, pois se está vacinando á xente nova", engadiu Miñones, "e con esas vacinas extras vaise intentar un reequilibrio entre territorios e a Galicia tócalle ser solidaria, igual que o foron anteriormente con ela outras comunidades".
Os datos
O obxectivo dese envío extraordinario de 3,4 millóns de doses era acadar antes do remate do mes de agosto o 70% de poboación vacinada coa pauta completa, unha porcentaxe que Galicia superou hai tempo
Pódese falar dunha discriminación a Galicia, dunha aldraxe? En primeiro lugar cómpre lembrar que o obxectivo dese envío extraordinario de 3,4 millóns de doses era acadar antes do remate do mes de agosto o 70% de poboación vacinada coa pauta completa, unha porcentaxe que Galicia superou hai tempo (na actualidade rolda o 73,4%), mentres que o conxunto do Estado se sitúa no 68% e comunidades como Andalucía, Baleares, Canarias, Murcia, Cataluña ou a Comunidade Valenciana roldan o 65%.
É certo que o Ministerio de Sanidade non vén comunicando coa transparencia debida os criterios exactos para o reparto de vacinas, aínda que dende o primeiro momento se indicou que en cada semana se ponderaría o peso en cada comunidade autónoma dos distintos grupos obxectivo da vacinación, profesionais esenciais e persoas vulnerables institucionalizadas nun primeiro momento e, posteriormente, os sucesivos grupos etarios, dende os máis maiores aos máis novos.
Galicia é o terceiro territorio que recibiu máis vacinas por persoa (1,4), fronte a unha media española de 1,28 e só por detrás de Asturias e Castela-León
Esa é a razón de que Galicia veña recibindo ata agora un maior número de doses por habitante que a media do conxunto do Estado e que a maior parte das comunidades. É, de feito, o terceiro territorio que ata agora recibiu máis vacinas por persoa (1,4), fronte a unha media española de 1,34 e só por detrás de Asturias e Castela-León. As comunidades cunha menor idade media (Murcia, Canarias, Madrid, Andalucía...) son as que menos doses recibiron.
Na gráfica anterior pódese observar a evolución semanal da porcentaxe de vacinas recibidas polo noso país. Entre marzo e mediados de maio Galicia recibiu entre o 6,5% e o 8% de todas as vacinas distribuídas no Estado, unha porcentaxe axustada á proporción de poboación maior de 65 anos sobre o total estatal (7,46%). Nos meses seguintes, momento en que a vacinación se centrou nos grupos de idade entre 40 e 65 anos, Galicia pasou a recibir ao redor do 5,6% do total, unha porcentaxe moi próxima ao peso da poboación desas idades (5,79%) e á proporción total da poboación galega, representa o 5,69% do total do Estado.
Entre marzo e mediados de maio Galicia recibiu entre o 6,5% e o 8% de todas as vacinas distribuídas no Estado, unha porcentaxe axustada á proporción de poboación maior de 65 anos sobre o total estatal (7,46%)
Xa na primeira semana de agosto, coa vacinación enfocada completamente a inmunizar ás persoas de menos de 40 anos, Galicia comezou a recibir unha menor porcentaxe de vacinas, ao redor do 5%, unha porcentaxe semellante ao peso da poboación galega entre 15 e 39 anos (4,91%) sobre o total estatal.
Nesta semana, iso si, Galicia recibiu unicamente o 3,44% das vacinas distribuídas, un descenso que tamén afectou ás outras comunidades que ata agora foran máis beneficiadas, como Asturias (pasou do 1,88% ao 1,29%) ou Castela-León (pasou do 4,32% ao 3,02%). En cambio, Andalucía, Madrid ou Cataluña incrementaron notablemente a súa porcentaxe, ao contar con máis poboación nova e sen vacinar.
Nesta semana, iso si, Galicia recibiu unicamente o 3,44% das vacinas distribuídas, un descenso que tame´n afectou a Asturias e Castela-León
Semella difícil falar de discriminación, en calquera caso, cando Galicia acabará recibindo as mesmas vacinas que os restantes territorios e, ademais, recibiunas de forma anticipada, seguindo criterios de protección das persoas máis vulnerables. Mesmo así, este martes o conselleiro de Sanidade repetiu en varias ocasións que "Galicia non é a comunidade que máis doses recibiu" (é a terceira) e concluíu que "cando nos igualen a todas as comunidades, estaremos satisfeitos".
Mentres que no mes de xuño e comezos de xullo a media de doses recibida por Galicia superou as 200.000 doses semanais, en xullo o número moveuse entre as 100 mil e 150 mil, unha cifra que en agosto podería ser mesmo inferior
O sentimento de aldraxe chega, en calquera caso, polo desexo de ter inmunizada á poboación canto antes, o que entre outros efectos aliviaría as restricións que sofren algúns sectores económicos, como a hostelaría. A aldraxe percibida aséntase ademais na obxectiva diminución da porcentaxe de vacinas recibidas sobre o total e na propia redución do número de doses enviadas, despois de dous meses -xuño e xullo- nos que Pfizer incrementou os seus repartos por riba do previsto, adiantando envíos previsos para o derradeiro trimestre do ano. Mentres que no mes de xuño e comezos de xullo a media de doses recibida por Galicia superou as 200.000 doses semanais, en xullo o número moveuse entre as 100 mil e 150 mil, unha cifra que en agosto podería ser mesmo inferior.