Sanidade critica que o ministerio non fai actas do que fala coas comunidades tras admitir que o comité galego da COVID tampouco as ten

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, nunha comparecencia de prensa CC-BY-SA Xunta

O conselleiro matiza agora a suposta aldraxe a Galicia por non recibir ningunha das 3,4 millóns de doses extra de Pfizer e admite "un axuste" e que tampouco as terán outras 13 comunidades

Con boa parte do Goberno galego e dos seus altos cargos de vacacións sen poder publicitar as súas propias medidas, e tras quedar superadas outras supostas aldraxes previas, a estratexia de comunicación da Xunta nas últimas xornadas está a centrarse nun presunto novo ataque do Goberno central a Galicia por non enviar vacinas do lote de 3,4 millóns de doses extra de Pfizer anunciado por Pedro Sánchez o 30 de xullo. Os datos constatan que Galicia recibiu durante varios meses máis doses proporcionalmente que o resto de comunidades ao ter unha poboación máis envellecida, pero o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, insiste en cargar contra o Ministerio de Sanidad mesmo con argumentos como que “en Galicia hai un enorme interese por vacinarse”, aínda que agora matiza que acepta "un axuste" no reparto.

Reunión por videoconferencia do Consello Interterritorial de Saúde © FEMP

Este mércores, tras unha nova reunión do Consello Interterritorial no que Goberno de España e comunidades coordinan as súas actuacións, Comesaña reclamou “transparencia” ao executivo central sobre o criterio de reparto de vacinas e que o propio consello “teña un regulamento de funcionamento, xa que non existen actas das reunións nin documentos previos, polo que non hai unha constancia do que se fala e se comunica nestas xuntanzas”. No seu comunicado Sanidade insiste noutro punto en que “a día de hoxe, non hai actas das xuntanzas” entre comunidades e Goberno central. 

A crítica chega tres meses despois de que a propia Consellería de Sanidade admitise oficialmente tras unha petición de transparencia de Praza.gal que o comité clínico que asesora á Xunta fronte a COVID non levantou acta de ningunha reunión en toda a pandemia. A Xunta vén deitando nese comité clínico a responsabilidade das restricións que decide e implanta o propio Goberno galego pero hai xeito de saber se estas se corresponden ou non co que asesoran os expertos. Agora, Comesaña reclama actas das reunións dos consellos interterritoriais nos que el mesmo participa e que, no caso dos que se realizan por videoconferencia, mesmo poderían ser gravados pola Xunta.

A Xunta argumenta que “en Galicia hai un enorme interese por vacinarse” pero tamén que “é unha comunidade solidaria” 

Sobre os 3,4 millóns extra de vacinas de Pfizer, Sanidade tamén salienta que, segundo lle confirmou o Goberno central, “só catro comunidades recibirán doses” desa partida, entre as que non está Galicia, polo que segundo eses mesmos datos tampouco outras 13 das 18 comunidades autónomas do Estado as terán. Aínda así, o conselleiro di que “Galicia é unha comunidade solidaria” e “aceptamos, como non pode ser doutro xeito, un axuste, pero é necesaria transparencia”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.