A postaldraxe

Feijóo e Sánchez, co presidente do Parlamento, o alcalde de Santiago, membros do Goberno de España e o presidente do TC, no exterior da Cidade da Cultura antes da entrega da Medalla de Galicia, no Día Nacional deste 2021 CC-BY-SA Ana Varela / David Cabezón | Xunta

O termo "aldraxe" quedou gravado na política galega a finais de 1979 para cualificar o intento das direccións estatais da gobernante Unión de Centro Democrático (UCD) e do PSOE aspirante a gobernar para utilizar Galicia como tapón para o Estado das Autonomías. Ambas forzas acordaran descabezar o proxecto de Estatuto pactado en Galicia por todos os partidos que participaran na súa redacción -incluídas UCD de Galicia e PSdeG-, dando lugar a un texto que nacía, na práctica, sen competencia ningunha. 

A mobilización -interna no PSdeG, e de moitas máis organizacións e entidades na rúa- contra o Estatuto da Aldraxe logrou frear parcialmente o recorte e o esfarelamento da UCD tamén contribuíu a facelo. En 1980, o Pacto do Hostal permitiu recuperar boa parte do Estatuto recortado e ese foi o texto referendado nas urnas e que finalmente entrou en vigor. Polo camiño quedaran, entre outras cousas, o entusiasmo autonomista dos anos inmediatamente posteriores á morte do ditador.

Reunión da Conferencia de Presidencias Autonómicas co Goberno de España, este 30 de xullo en Salamanca © Juanjo Martín / EFE (Pool) | Remitida pola Xunta

O termo "aldraxe" quedou gravado na política galega durante o intento de baleirar de competencias a nacente autonomía, a comezos dos 80. Agora, dende o Goberno galego ecoan denuncias de aldraxe despois da aldraxe. A postaldraxe.

Os ecos daquela aldraxe, como case todo o vinculado coa historia política do país no nacemento da actual autonomía, seguen pasando desapercibidos no ano do cuadraxésimo aniversario do Estatuto, practicamente ignorado polo actual Goberno galego -coa excepción, cando menos ata agora, da organización dunha discretísima exposición-. Así e todo, a aldraxe cara a Galicia é unha denuncia política recorrente por parte do gabinete de Alberto Núñez Feijóo dende que, en 2018, virou o signo político do Goberno de España coa chegada ao poder do PSOE de Pedro Sánchez, dende 2020 en coalición con Unidas Podemos. A aldraxe despois da aldraxe. A postaldraxe.

Como no período 2009-2011, cando lle tocou cohabitar cun goberno de José Luis Rodríguez Zapatero abafado pola crise económica e financeira internacional, Feijóo manexou con soltura a postaldraxe nos meses máis duros da pandemia da COVID-19. Xa fose a conta da escaseza de máscaras ou doutros equipos de protección, da modulación das restricións e da desescalada ou dos tempos do primeiro Estado de Alarma, a confrontación co Goberno do PSOE e UP resultoulle especialmente útil ao líder dos populares galegos naqueles meses preelectorais de recorrentes comparecencias televisivas ante a poboación confinada.

Nestes últimos días, máis dun ano e medio despois do comezo da pandemia e tras a celebración, no congreso do PPdeG, do primeiro aniversario da cuarta maioría absoluta de Feijóo, algúns deses tema sinalados como aldraxe por parte da Xunta foron esvaendo pola vía dos feitos. E o Executivo do PP, pola súa banda, procurou algúns outros.

Feijóo saúda ao rei antes do comezo da Conferencia de Presidencias Autonómicas en Salamanca, este 30 de xullo © Casa Real / José Jiménez | Remitida pola Xunta

A pasada semana finalizou, no Día Nacional, co acto de entrega das Medallas de Galicia pechado protocolariamente por Pedro Sánchez, que aproveitou o seu discurso para anunciar a inmediata aprobación dos descontos na autoestrada AP-9. Os descontos están en vigor dende o 29 de xullo e a Xunta procurou, con eco limitado, contrarrestar o tanto político do BNG (por arrincalos na súa negociación do pacto de investidura de Sánchez) e o do Goberno do PSOE e UP (por executalo) asegurando que non son dabondo para os transportistas e anunciando, o mesmo día, que as bonificacións para familias numerosas nas dúas autoestradas autonómicas, prometidas por Feijóo en 2019, estarán en vigor en agosto.

Esta semana tenderon a esvaecer algúns dos temas que Feijóo veu sinalando como aldraxes do Executivo central: da AP-9 á reforma sanitaria. O presidente da Xunta tamén denunciou escaseza de vacinas e Pedro Sánchez anunciou na Conferencia de Presidente 3,4 millóns máis. Feijóo considerounas "insuficientes"

Case ao mesmo tempo, os populares ficaban sen outros dos argumentos que esgrimiron como aldraxes nos últimos tempos. O mércores, a Xunta admitía que vai corrixir a súa reforma da lei de saúde para que no texto fique evidenciado que non contempla a vacinación obrigatoria. A corrección foi pactada co Goberno de España, que recorrera a reforma ante o Tribunal Constitucional, se ben dende San Caetano a retirada do recurso -unha vez admitida a corrección- foi presentada como unha claudicación do equipo de Sánchez fronte ao de Feijóo. 

O xoves, o Goberno galego presentou as principais cifras do seu proxecto de Orzamentos para 2022 e incluíu nelas os 200 millóns de euros pendentes de compensar polo mes de recadación do IVE non ingresado polo Goberno de Rajoy en 2017 e ao que, segundo o Supremo, a Xunta ten dereito -trátase dun axuste contable ou financeiro, xa que eses recursos xa foron gastados-. Unha aldraxe menos xusto antes de que, este venres, Feijóo acudise á Conferencia de Presidencias Autonómicas convocada por Pedro Sánchez en Salamanca levando baixo o brazo a esixencia de máis doses de vacinas contra a COVID pouco despois de dar en cuestionar o sistema de compra centralizada de doses no seo da UE: "Non foi o máis brillante que fixemos", declarou a Onda Cero

Antes da sesión, Sánchez anunciou a chegada de 3,4 millóns de doses de vacinas máis das previstas. Ao termo da xuntanza o presidente da Xunta, que nas horas previas se negara a cualificala como "conferencia" e valorara como unha simple "reunión", avaliou o anuncio de Sánchez como unha "boa noticia" pero "insuficiente". Todo, dixo, nunha Conferencia de Presidentes que ao seu xuízo consistiu en "monólogos" dos que non saíron excesivas "novidades". Entre os anuncios formulados por Sánchez destacou que, segundo os cálculos do seu Executivo, o 55% dos fondos de recuperación serán xestionados polas comunidades autónomas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.