Hai xa máis dunha década que a Xunta volveu meter nunha gabeta a denominación oficial do Día Nacional de Galicia, timidamente recuperada no breve período de Goberno da coalición PSdeG-BNG (agosto 2005 - abril 2009). O Executivo do PP de Alberto Núñez Feijóo, coma os últimos gabinetes de Fraga, opta pola fórmula aséptica Día de Galicia, evitando a alusión á condición nacional galega instaurada oficialmente nos tempos da preautonomía e aínda vixente, en tanto que nunca foi derrogada.
O Goberno de Feijóo tamén levaba máis dunha década optando pola ausencia no Día (Nacional) de Galicia. En 2013, o accidente do Alvia en Angrois derivou na suspensión do que viña sendo único acto do Goberno galego no propio 25 de xullo, a entrega das Medallas de Galicia. Dende o ano seguinte e ata o pasado 2020 mantivo o acto no día 24, polo que no Día Nacional o presidente e os membros do seu Goberno limitábanse a asistir á ofrenda da Casa Real ao Apóstolo Santiago na Catedral e, nalgúns casos, acudiron tamén á tradicional Misa de Rosalía en San Domingos de Bonaval.
Pero neste 2021, mudou o guión. A entrega das Medallas volveu ao 25 e na mesa presidencial, ademais de Feijóo, sentaron o rei Felipe VI (que entregou o galardón como máxima autoridade presente) e mais o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez. O xefe do Estado e o titular do Goberno de España participaran antes na reunión do Real Padroado da cidade de Santiago -organismo interadministrativo que non se reunía dende 2003 e que planificou investimentos por 282 millóns para a vindeira década- e o monarca, acompañado da raíña, a princesa herdeira e a infanta, pronunciara na Catedral compostelá a devandita ofrenda, que leva o apelido "nacional", pero non referido a Galicia. O apóstolo é símbolo da unidade de España, defendeu Felipe VI no templo.
O ritual que acompañou á ofrenda -ligada á Casa Real española dende o século XVII e mantida tamén no século XX polos dous ditadores, Primo de Rivera e Franco- trouxo consigo a habitual parada militar. Desta volta, tamén implicou un voo da coñecida como Patrulla Águila, o escuadrón do Exército coñecido por trazar a bandeira de España no aire con fume vermello e amarelo en diversas celebracións militares.
Nunha capital galega blindada de Policía, tal coreografía aérea cadrou no tempo co inicio da manifestación do BNG, provocando na concorrencia reaccións a medio camiño entre a indignación e a hilaridade -o deputado da formación no Congreso, Néstor Rego, anunciou que preguntará formalmente ao Goberno central "canto custou" e "canto contaminou" esta "exhibición provocadora e desnecesaria". Á mesma hora, o PSdeG (que nos últimos anos si subliña o apelativo "nacional" para o día) celebraba a súa tradicional ofrenda a Castelao en Rianxo.
Monarquía, Exército e Goberno de España estiveron representados na Ofrenda -a vicepresidenta e ministra Yolanda Díaz representou o Executivo neses actos- e tamén no acto de imposición da Medalla de Galicia. Alén da homenaxe ao persoal encargado da vacinación contra a COVID, o acto tivo tamén un aquel de escenificación da dinámica política estatal.
O retorno da Xunta ao 25 de xullo nove anos despois quedou, en boa medida, nun segundo plano nunha xornada protagonizada por un amplo despregamento das principais institucións do Estado en actos que reflectiron parte dos tirapuxas e equilibrios da política estatal
Tras unha semana de duros reproches contra o Goberno do PSOE e Unidas Podemos a conta da vacinación contra a COVID, Feijóo introduciu -entre as habituais alusións á harmonía entre Constitución e Estatuto ou entre a identidade galega e española- un eloxio á colaboración do Executivo central no padroado de Santiago que diversos medios estatais leron como antítese da política de confrontación total contra Pedro Sánchez que personifican en dirixentes do PP como Pablo Casado ou Isabel Díaz Ayuso. Na súa quenda de peche por protocolo, Pedro Sánchez tampouco evitou esta clave de sintonía relativa con Feijóo, pero aproveitou o discurso para anunciar os agardados descontos na autoestrada AP-9, obrigando á Xunta a recompoñer a súa axenda e discurso ao respecto case en tempo real. E desactivando, ao tempo, unha das súas críticas máis recorrentes, a relativa á ausencia de Sánchez en actos vinculados ao Xacobeo.
Concluía así unha xornada na que o retorno da Xunta ao 25 de xullo quedou, en boa medida, nun segundo plano polo protagonismo do rei e polas presenzas e mensaxes da cúpula do Goberno de España. Máis aínda porque, ao contrario do que sucedía no devandito e breve Goberno de coalición de PSdeG e BNG, a axenda Xunta non inclúe máis celebración do Día Nacional que a entrega da Medalla e unha discreta campaña publicitaria. Galicia si viviu no seu día, no entanto, un pouco habitual despregamento das institucións do Estado mentres viraba en teatro de operacións de parte dos tirapuxas e equilibrios da política estatal.