A axenda oficial da Xunta para este sábado, 25 de xullo, non recolle ningún acto propio do Goberno galego que teña como obxectivo a celebración do Día Nacional de Galicia. O presidente en funcións, Alberto Núñez Feijóo, acompaña os reis de España na ofrenda da Casa Real ao Apóstolo Santiago, que o xefe do Estado realiza persoalmente en Compostela no canto de delegar noutra autoridade, como é habitual. Pola tarde, o conselleiro de Cultura en funcións, Román Rodríguez, asiste co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, á Misa de Rosalía en San Domingos de Bonaval. E aí remata a axenda.
Coa Medalla de Galicia entregada o pasado venres, día 24 -como cada ano dende o accidente de Angrois-, o actual Goberno en funcións mantense na súa liña de reducir ao mínimo a conmemoración do que dende hai corenta e un anos é oficialmente o Día Nacional de Galicia, denominación que o actual Executivo apenas emprega na aprobación do calendario laboral de cada ano. Nunca na discreta campaña institucional ligada ao 25 de xullo, que este ano mestura a xa habitual iconografía en clave turística con referencias, na súa versión audiovisual á crise do coronavirus.
Non hai celebración ningunha do Día Nacional por parte da Xunta tampouco neste 2020, cando se fan cen anos dende a primeira vez que o 25 de xullo foi conmemorado como "Día de Galicia" por impulso das Irmandades da Fala
Non hai, daquela, acto ningún da Xunta durante o Día Nacional tampouco neste 2020, cando se fan cen anos dende a primeira vez na que a xornada, alén das celebracións relixiosas e populares en torno ao Apóstolo Santiago, foi sinalada como "Día de Galicia". Así sucedera pola decisión -xa na altura controvertida- adoptada polas Irmandades da Fala na II Asemblea Nazonalista do outono de 1919, no compostelán colexio de San Clemente.
Algúns dos irmandiños non vían clara a data, precisamente polo seu significado relixioso. Pero o certo é que así foi decidido cunha xustificación -máis ou menos- consensuada. O "Día de Galicia" sería o 25 de xullo non "pol-a súa sinificación relixiosa, pois o noso movemento non é confesional nin aconfesional", senón "pol-á sinificación mítica e simbólica" da data.
Co acordo adoptado, o 25 de xullo de 1920, hai agora cen anos, o número 124 d'A Nosa Terra, o boletín decenal das Irmandades, saía do prelo na Coruña -a súa redacción situábase no número 17 da praza de María Pita, sede da Irmandade coruñesa- "cumprindo o acordo da II Asemblea Nazonalista" e festexando "chea de ledicia reloucadora o Día de Galicia" dirixíndose na "data do 25 de santiago" a "todol-os logares do mundo onde latexa un peito galego".
O propósito, explicaban as Irmandades naquel 25 de xullo de hai cen anos, era "facer canto seia abranguibre, para que dentro de poucos anos, non haxa fogar galego, aldeán ou vilego, que deixe d'esteriorizar o seu patriotismo no Día de Galicia"
O propósito, explicaba aquela Alborada, era "facer canto seia abranguibre, para que dentro de poucos anos, o 25 de Xulio, non haxa fogar galego, aldeán ou vilego, que deixe d'esteriorizar o seu patriotismo no Día de Galicia". Coa Diada Nacional catalá no horizonte, aquel primeiro 25 de xullo considerado "Día de Galicia" as irmandades lanzaban tamén "unha lembranza cordial ás nazonalidades irmás da Iberia, Portugal libre e Cataluña i-Euskadi arelosas de se ceibaren pra conseguir o réxime de seu que pra nós tamén nosco cubizamos".
Aquela publicación gardaba outra lembranza "máis do íntimo", do "fondo da nosa ialma" dirixíase a Irlanda, "irmá nosa e nosa mestra anaco latexiante i heróico do tronco celta". Había apenas catro anos do levantamento de Pascua a prol da independencia irlandesa e na altura aquel país libraba aínda duros enfrontamentos coa coroa británica, que tentaba evitar pola vía das armas a perda dunha parte do seu imperio.
Noutro treito daquela publicación, as Irmandades facían votos por que aquel primeiro "Día de Galicia" fose un novo comezo da "cruzada dos povos traballadores" para "conquerir a libertá de traballar e a sobranía nazonal". "Séculos de saqueos e rapiñas caciquís depauperaron unha raza escelsa", lamentaban, "condenando xenerazón tras xenerazón, sin rozar siquera os máis pequenos probremas de vida da nazón galega".
Aqueles primeiros pasos das Irmandades para instauraren unha festa nacional galega atoparon atrancos pouco despois. En 1921 e 1922 continuaron as conmemoracións dirixidas a "irmáns, amigos i-enimigos" con izados da bandeira, edicións de propaganda ou actos culturais e lúdicos. Pero despois, a partir de 1923, a ditadura de Primo de Rivera considerou "perigosa" por "separatista" calquera celebración en clave nacional que non exaltase a España. O 25 de xullo, cando menos en público, volveu ser unicamente Día do Apóstolo.
A partir dos anos 60, as formacións soberanistas aínda clandestinas na ditadura recuperaron o 25 de xullo como xornada de reivindicación política, o Día da Patria Galega
Foi na II República, especialmente de 1932 en diante, co Partido Galeguista xa fundado dende decembro de 1932, cando a data volveu adquirir maior significado político. Actos políticos e culturais, festas ou, dende 1934, o Mitin das Arengas das Mocidades Galeguistas na noite do día 24, pretendían asentar unha celebración que volveu ser interrompida na Galicia terriotrial á forza co golpe de Estado de 1936 e a posterior ditadura. Esta foi a razón pola que algúns dos fitos ligados á xornada, como o histórico Alba de Groria de Castelao, tivesen como escenario a emigración e o exilio.
A data volveu adquirir discretos e mesurados trazos galeguistas a partir dos anos 50, con actos como a Misa de Rosalía impulsada por, entre outros, os membros do grupo Galaxia. Xa contra finais dos 60, a clandestina Unión do Povo Galego dá en lle outorgar outra volta significado netamente político ao 25 de xullo como Día da Patria Galega, denominación que o nacionalismo político continuou empregando ata a actualidade. Así o fai o BNG dende a súa fundación en 1982.
A autonomía tentou sen éxito, nos seus primeiros pasos, darlle un carácter de celebración cívica a un día que o actual Goberno obvia a efectos prácticos, sen acto público ningún e ignorando a súa denominación oficial
En 1979, o presidente preautonómico Antonio Rosón recolleu parte de todo este legado no decreto "polo que se declara Día Nacional de Galicia o 25 de xullo de cada ano". Aquel decreto nunca foi derrogado e algúns dos primeiros Gobernos da autonomía procuraron darlle un carácter cívico e galeguista que nunca acabou por callar, sen sequera dar reunido tanta xente como a que si xuntaban as organizacións soberanistas que celebraban o Día da Patria. Aqueles actos, como tales, nunca foron recuperados alén da entrega das Medallas de Galicia ou do acto A Véspera que o Goberno de coalición de PSdeG e BNG organizaba o día 24 na residencia oficial de Monte Pío.
Neste 2020, cen anos despois, o Goberno galego obvia a efectos prácticos un día que, a efectos oficiais, ten esquecido ata o seu apelido "nacional". Como cada ano, non obstante, algúns concellos si animan a celebrar a data e as dúas formacións da oposición parlamentaria resultante das eleccións do 12X, BNG e PSdeG, volven organizar actos de seu, adaptados nesta ocasión ás restricións da pandemia.