Gonzalo Caballero aposta por un novo PSdeG "galeguista, enraizado no país e autónomo"

Acto do PSdeG en Rianxo polo Día Nacional de Galicia © PSdeG-PSOE

Caballero fixo un chamamento a dedicar este Día Nacional de Galicia aos “heroes da sanidade pública que loitaron contra a Covid”

O PSdeG-PSOE levou a cabo o seu tradicional acto en Rianxo polo Día Nacional de Galicia, no que a formación realizou unha ofrenda a Castelao. Alí, o secretario xeral, Gonzalo Caballero, reafirmou “o compromiso galeguista” do partido e subliñou que "socialismo e galeguismo" son as dúas caras "da mesma moeda".

Caballero comezou a súa intervención cunha mensaxe de “afecto” ás familias e vítimas do accidente ferroviario de Angrois e tamén ás persoas afectadas polo coronavirus. Ademais, fixo un chamamento a dedicar este Día Nacional de Galicia aos “heroes da sanidade pública que loitaron contra a Covid”.

Gonzalo Caballero, no acto do PSdeG en Rianxo polo Día Nacional de Galicia © PSdeG-PSOE

O secretario xeral do PSdeG-PSOE chamou a construír “un novo proxecto socialista galego e galeguista forte, enraizado no país e autónomo na defensa dos galegos e das galegas". E afirmou que o PSdeG "vai estar á altura das circunstancias”, porque “Galicia é a nosa causa”.

Caballero destacou que "socialismo e galeguismo" son as dúas caras "da mesma moeda" e dixo que o partido socialista sempre foi “parte fundamental na construción de Galicia”

Ao fío do “compromiso galeguista” do PSdeG, Caballero lembrou que o partido socialista sempre foi “parte fundamental na construción de Galicia”. Citou, neste senso, ao alcalde fusilado de Ferrol, o socialista e galeguista Xaime Quintanilla, afirmando que "desde o primeiro estatuto de autonomía, no ano 36, ata o actual, aprobado no 81, o PSdeG foi sempre un bastión en defensa do autogoberno e do Estatuto fronte a unha dereita que non quería un estatuto de primeira e a un nacionalismo que non quería remar a prol dese recoñecemento que Galicia acadou no ano 1981". 

Así mesmo, Caballero citou como integrantes da “tradición galeguista” do PSdeG a Ramón Piñeiro, defensor dun “galeguismo inclusivo e cultural”, Carlos Casares, Benxamín Casal e Ceferino Díaz, "nunha tradición de facer país" na que Caballero citou tamén aos expresidentes González Laxe e Touriño.

O líder dos socialistas galegos pediu centrar os esforzos no traballo de reconstrución de Galicia trala pandemia 

Gonzalo Caballero pediu centrar os esforzos no traballo de reconstrución de Galicia trala pandemia e afirmou que a cidadanía “contará co PSdeG na aposta polo benestar, os servizos públicos, a innovación e a vangarda”.

Finalmente, sobre as eleccións do pasado 12 de xullo, nas que o PSdeG-PSOE perdeu votos con respecto a 2016, Caballero destacou que os comicios tiveron un nivel “histórico” de abstención, superior ao 50% e só superada pola rexistrada en 1981. “Escoitamos, aprendemos, extraemos leccións e traballamos para que os que non están satisfeitos nos vexan con responsabilidade”, afirmou Gonzalo Caballero, apelando a “aprender das derrotas para chegar ás vitorias cunha mensaxe en positivo”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.