O BNG 'expadiu' os seus actos do 25 de xullo polas sete cidades, facendo virtude da necesidade motivada polas medidas de prevención ante a pandemia de coronavirus. A tradicional manifestación dende a Alameda ata a Praza da Quintana foi substituída por unha marcha dun milleiro de persoas que gardaron en todo momento a distancia mínima de seguridade. E o mesmo sucedeu no acto político na Quintana, con todas as persoas asistentes sentadas con dous metros de separación e máscaras de protección.
"O 12 de xullo non é un punto de chegada, é un punto de partida. Non nos conformamos, haberá goberno do BNG", dixo Ana Pontón na Quintana
Porén, esta circunstancia permitiu descentralizar as celebracións, organizando a formación actos nas outras seis cidades galegas, onde interviron líderes locais e cargos electos e que, finalmente, ao redor da unha do mediodía conectaron en directo coa Praza da Quintana.
Alí a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, agradeceu e celebrou os resultados electorais obtidos o pasado 12 de xullo, que lle permitiron ao Bloque obter o seu mellor resultado histórico en número de escanos no Parlamento galego. Porén, Pontón subliñou que "o 12 de xullo non é un punto de chegada, é un punto de partida, onde conseguimos un resultado histórico". "Non nos conformamos, haberá goberno do BNG", engadiu.
"Temos que sumar máis galegas e galegos. Dirixámonos con sorriso e man tendida a todas aquelas persoas que queren un futuro mellor para o noso país"
Así, a líder do BNG fixo un chamamento a toda a cidadanía, mesmo ás persoas non nacionalistas, como xa fixera a formación nos días previos e tamén na campaña dos últimos comicios: "Temos que conseguir pasar do conformismo á ilusión por unha Galiza mellor. Temos que sumar máis galegas e galegos. Dirixámonos con sorriso e man tendida a todas aquelas persoas que queren un futuro mellor para o noso país".
No seu discurso, Pontón afirmou que "defender Galiza é termos unha tarifa eléctrica galega, defender Galiza é loitar contra a violencia machista, defender Galiza é loitar pola nosa lingua". E destacou igualmente que "estou contenta pola capacidade do BNG para reaxir. Somos unha organización áxil, con capacidade de resposta, pero sen renunciar aos nosos principios. Estou orgullosa de ser unha militante máis desta gran organización".
"Non hai incienso nin botafumeiro que tape a podremia da Casa Real", dixo Ana Pontón
Francisco Jorquera (concelleiro na Coruña), Iván Rivas (concelleiro en Ferrol), Rubén Arroxo (concelleiro en Lugo), Luís Seara (concelleiro en Ourense), Xavier P. Igrexas (concelleiro en Vigo) e os deputados e deputadas electas Daniel Pérez, Mercedes Queixas, Montse Prado, Luís Bará, Carmela González, Alexandra Fernández, Olalla Rodil ou Noa Presas estiveron entre as persoas que interviron nos outros seis actos celebrados polo BNG este sábado, Día Nacional de Galicia.
No acto de Compostela tamén se puido ler unha mensaxe, construída con letras de gran tamaño: "Galicia non ten rei", que coincidía coa visita de Felipe VI a Compostela para realizar la Ofrenda al Apóstol Santiago. Para el tivo tamén Ana Pontón unha mensaxe, sinalando que "non hai incienso nin botafumeiro que tape a podremia da Casa Real".
Podes ver aquí o vídeo das intervención na Praza da Quintana de Ana Pontón, Paulo Ríos, secretario xeral de Galiza Nova e deputado electo, e Iria Carreira, deputada electa.