O BNG leva o 'Día da Patria' ás sete cidades, nun acto político "expansivo" que quere abrir ás persoas non nacionalistas

Manifestación do BNG no 25 de xullo de 2018 © BNG

Este 25 de xullo será moi distinto ao de anos anteriores, tamén no que atinxe aos actos organizados polo BNG. A formación nacionalista anunciou a pasada semana que, atendendo á situación de pandemia que seguimos a vivir, apostaba por descentralizar o evento, que ademais de Compostela, pasaba a celebrarse tamén nas outras seis cidades do país.

Os encontros de Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Pontevedra e Ferrol conectarán ás 12.45 co acto político que terá lugar na Praza da Quintana

Así, baixo o lema "Construíndo unha nova Galiza", a Praza da Quintana seguirá a acoller un acto político e o remate dunha marcha dende a Alameda da cidade compostelá. Pero, ademais, Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Pontevedra e Ferrol acollerán tamén ás 12 do mediodía candanseu acto, coa participación de responsables do BNG nestas comarcas, así coma de cargos electos. E, así mesmo, ás 12.45 horas nestoutras seis citas conectarase en directo coa transmisión en vivo dende a Praza da Quintana, onde intervirá a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, ademais de Paulo Ríos, secretario xeral de Galiza Nova e deputado electo, e Iria Carreira, deputada electa.

Ana Pontón, no acto organizado por Galiza Nova este venres en Bonaval © BNG

Na véspera, este venres 24 de xullo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou no acto de homenaxe de Galiza Nova a Rosalía e Castelao

Na véspera, este venres 24 de xullo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou no acto de homenaxe de Galiza Nova a Rosalía e Castelao. Pontón apelou ao "empuxe da xente moza" para "conseguir o cambio galego en 2024". Para a líder nacionalista “son milleiros” os mozos e mozas "dispostas a defender o seu futuro da man dunha forza que está do seu lado". "Temos o reto de chegar a elas e eles explicando que o futuro témolo que construír desde aquí e que temos un proxecto moderno, aberto, plural,  innovador, sustentable, feminista”, engadiu.

"É unha celebración dirixida a todos os galegos e a todas as galegas na súa diversidade e pluralidade, sexan ou non nacionalistas, votasen ou non polo BNG o pasado 12 de xullo", dixo Xavier Campos

“Concibimos o Día da Patria dunha maneira inclusiva non só da militancia do Bloque ou das persoas que se senten nacionalistas, porque este é o día da nación que compartimos", destacou hai uns días Xavier Campos -secretario de Comunicación da Executiva Nacional- na presentación deste acto "expansivo". "Neste sentido, é unha celebración dirixida a todos os galegos e a todas as galegas na súa diversidade e pluralidade, sexan ou non nacionalistas, votasen ou non polo BNG o pasado 12 de xullo", explicou.

"É o día que nos une o amor que temos polo noso país, para poñer en valor a nosa identidade e a vontade de garantir unha Galiza con futuro”, engadiu. Neste senso, o Bloque convidou a cada un dos sete actos a persoas que representan colectivos sociais, culturais, veciñais, económicos do país, “un convite aberto á participación da cidadanía”.

Neste .25 de xullo o BNG apostou por descentralizar nas sete cidades os seus tradicionais actos do Día da Patria © BNG

A conmemoración vai estar acompañada dun reparto masivo de bandeiras galegas. En Compostela non haberá manifestación e será substituída por unha marcha dun milleiro de persoas dende a Alameda, "seguindo de xeito escrupuloso as medidas de seguridade sanitaria".

 

Convocatorias do BNG

  • Compostela. 12.00 horas: Marcha de mil persoas con saída dende a Alameda. Remate na praza da Quintana con acto político.
  • A Coruña. 12.00 horas: Acto político nos xardíns de Méndez Núñez.
  • Ferrol. 12.00 horas: Acto político no Cantón de Molíns.
  • Pontevedra. 12.00 horas: Acto político no parque Rosalía de Castro.
  • Vigo. 12.00 horas: Acto político na praza da Estrela.
  • Lugo. 12.00 horas: Acto político na praza Maior.
  • Ourense. 12.00 horas: Acto político no parque Barbaña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.