Na última década, a Xunta tendeu a rebaixar o seu perfil en todo o vinculado ao Día Nacional de Galicia, denominación oficial da conmemoración do 25 de xullo que o actual Goberno galego emprega en contadas ocasións. Dende o accidente do Alvia en Angrois, hai agora sete anos, a xunta non celebra no Día Nacional nin sequera a entrega das Medallas de Galicia, trasladada ao día 24 tamén neste 2020, cen anos despois de que as Irmandades da Fala celebrasen por primeira vez o 25 de xullo como "Día de Galicia".
Dende hai sete anos, a Xunta entrega a súa Medalla na véspera do Día Nacional. Neste 2020, o galardón distinguiu ao persoal sanitario pola crise da COVID-19
Nun acto condicionado polas restricións para evitar contaxios do coronavirus, Feijóo entregou a única Medalla de Ouro concedida nesta ocasión a unha representación do persoal sanitario composta por 18 profesionais de diferentes categorías que tiveron como voceiro ao médico Manuel José Vázquez Lima, coordinador de Urxencias do Hospital do Salnés e membro do comité que aborda a crise da COVID-19 na Consellería de Sanidade, quen advertiu da "marca indeleble" que esta crise deixa en todo o persoal do Sergas.
Mentres, no exterior do edificio da Cidade da Cultura onde se celebraba o acto, representantes das Enfermeiras Eventuais en Loita advertían da necesidade de "máis recursos e menos medallas", Feijóo sinalou que "en cada paciente" que padeceu a COVID-19 "estaba Galicia" e "en cada membro do persoal sanitario estaba Galicia". "Galicia soubo coidar de Galicia" alén das "estritas responsabilidades administrativas".
O presidente en funcións encadrou o sistema sanitario no que definiu como "concepción galega do autogoberno", que "implica, esixe e demanda a defensa do público" e "supón combinar a defensa da identidade coa eficacia na xestión do público". A autonomía, proclamou, é "un fin no que culminan os nosos desexos de liberdade" e tamén "un medio para xestionarnos mellor".
Feijóo, que desta volta si mencionou o accidente de Angrois no seu discurso -o pasado ano non o fixera-, considerou tamén na súa intervención unha "casualidade significativa e afortunada" que "un dos pais do galeguismo, Alfonso Rodríguez Castelao, fose médico de profesión e que un dos seus colegas, Xerardo Fernández Albor, fose elixido primeiro presidente democrático de Galicia". Castelao, non obstante, deixou dito "fíxenme médico por amor a meu pai; non exerzo a profesión por amor a humanidade".
Actos polo Día Nacional nos concellos da Coruña e Vigo
Inés Rey defende un "coruñesismo profundamente galeguista" nunha cidade que "se presenta como o que é: cabeza, garda, chave, forza e antemural do Reino de Galicia"
A entrega da Medalla de Ouro de Galicia non foi o único acto institucional ligado ao Día Nacional na súa véspera. Tamén o Concello da Coruña recuperou a celebración dun acto de seu. No salón de plenos do Pazo de María, a alcaldesa da cidade encadrou o evento na celebración "do centenario do Día de Galicia", que naquel 1920 tivera á Coruña como principal escenario.
Este "fito", defendeu Inés Rey, foi "unha conquista máis do espírito" dunha cidade que "hoxe se reivindica como faro de Galicia, como berce e futuro, como actualidade dun país vizoso ao que lle queda moito por facer". E na que o "coruñesismo actual", asegurou, debe ser "fondamente galeguista" para "dicir que a Galicia do 2030 non pode construírse sen contar coa cidade, e viceversa".
"Somos vangarda. A Coruña volve presentarse como o que é, o que loce nas palabras que presiden a fachada do noso Pazo Municipal: Cabeza, Garda, Chave, Forza e Antemural do Reino de Galicia", reinvindicou Rey. Eses principios, asegurou, son compatibles cunha cidade aberta e unha gobernanza que defende a "reactivación" económica con proxectos como a Cidade das TIC, mais tamén "a sustentabilidade, a industria, a sensibilidade socail, o feminismo, o progreso e a cultura como motor".
"Se Vigo tira, Galicia tira", defendeu Abel Caballero no acto institucional do Concello vigués
Tamén o Concello de Vigo celebrou o seu tradicional acto do Día de Galicia en Vigo, no seu caso na tarde do xoves, día 23. No evento, de aforo limitado polas restricións da COVID-19 -o BNG local non asistiu ao considerar arbitraria a limitación que impediu asistir ás deputadas electas da formación orixinarias da cidade-, o alcalde asegurou ter "man tendida" á Xunta sempre e cando sexa para que Vigo sexa "tratada como se merece".
"A nosa forma de vivir Vigo e vivir Galicia dende Vigo", afirmou Caballero, é "estar máis unidos ca nunca" no marco da pandemia do coronavirus. Nesta crise, asegurou, o comportamento da veciñanza foi digno de aplauso, "valente" no caso do persoal sanitario, "heroes do cotián" protagonistas dunha nova "reconquista" da cidade, dixo ante unha crise tamén económica ante a que, advertiu, cómpre ter en conta que "se Vigo tira, Galicia tira".