"Transcorreron máis de dous mil cincocentos días. Houbo catro gobernos e catro ministros de Fomento diferentes. E aínda non hai unha investigación técnica independente, como reclama a Unión Europea. Nin sequera no xulgado, porque a Xunta impuxo, no seu día, a dous dos tres peritos xudiciais sen experiencia na materia".
A reclamación da investigación independente apoiada pola UE encabeza a reivindicación das vítimas, que na súa mobilización anual din sentirse "ninguneadas" polos sucesivos gobernos de España
Son as principais premisas que, presididas pola lembranza das 80 persoas falecidas e as 144 feridas no sinistro, volveron levar este 24 de xullo ás vítimas do accidente de Angrois a manifestárense polas rúas de Santiago. Outra volta dende a estación á que o Alvia 04155 non chegou e ata a praza do Obradoiro nunha marcha marcada este ano polas medidas para evitar contaxios do coronavirus. "Investigación independente; non están olvidados, están moi presentes", repetiron.
O termo da mobilización, o manifesto da Plataforma Víctimas Alvia 04155 sintetizou por que as persoas afectadas polo sinistro se senten abandonadas. "Di moi pouco das nosas institucións e dos nosos gobernantes que aínda non cumprisen coa obriga de poñer en marcha" unha nova investigación técnica sobre o acontecido. Sentíronse así cos pasados gobernos do PP e PSOE en solitario e tamén agora, lamentan, coa coalición dos socialistas con Unidas Podemos "malia ao apoio amosado inicialmente".
"Merecemos saber toda a verdade" tanto as vítimas como o conxunto da cidadanía, defenden, porque "non investigar correctamente" impide adoptar medidas para que "feitos tan terribles poidan volver suceder". Ese, subliñan, é precisamente "un dos obxectivos sinalados" pola normativa europea.
"A comisión parlamentaria pechouse en falso e esperamos que se retome, pero antes é imprescindible a investigación técnica independente"
A investigación técnica independente pola que claman, especifican as vítimas, tamén tería outro propósito: ser incorporada ao proceso xudicial que continúa a dilatarse e no que deben dilucidarse responsabilidades que, advirten, van paralelas ás políticas. Neste eido, lembran, "a comisión parlamentaria pechouse en falso, sen conclusións" nunha fin acelerada polo adianto das eleccións xerais.
"Esperamos que se retomen os traballos, pero antes é imprescindible que se faga a investigación técnica independente", entre outros aspectos porque "moitos deputados retrucaban e argumentaban en base a unha investigación técnica que Europa invalidou" e cuxa ausencia de independencia tamén sinalou a Audiencia da Coruña.
"Primeiro foi o PP, con Rajoy á fronte e os seus ministros; despois o PSOE de Sánchez e por último, o vicepresidente Pablo Iglesias quen se sumou ao ninguneo que vimos recibindo", conclúe a Plataforma Víctimas Alvia 04155. Os actos da xornada en Santiago, como en anos anteriores, continúan tras a manifestación cunha misa na memoria das víctimas e un acto de lembranza, ao pé da curva da Grandeira, xa contra o serán.
Á mobilización deste 24 de xullo en Santiago uniuse unha representación do BNG encabezada pola súa portavoz nacional, Ana Pontón, xunto a, entre outros, a voceira da formación no Parlamento Europeo, Ana Miranda, o deputado Néstor Rego, a deputada electa Alexandra Fernández. Pontón lamentou que "as institucións traballen para ocultar o que sucedeu" e, sete anos despois, asegura que o Bloque continuará apoiando a procura de "responsabilidades políticas, porque é evidente que as hai", así como unha nova investigación independente.
Tamén acudiron á marcha membros do goberno local do PSdeG de Santiago, como a edil Mercedes Rosón, e o ex-deputado de Común da Esquerda e líder de Anova, Antón Sánchez. Igualmente, secundaron a reivindicación como en anos anteriores membros de Ciudadanos.