Vítimas de Angrois critican sete anos despois os obstáculos ás investigacións xudicial, técnica e política

Vítimas de Angrois ás portas da sede de Talgo o pasado novembro CC-BY-SA Praza Pública

Lembran que Renfe e Adif ocultaron información ao xulgado en varias ocasións, que o Goberno non cumpriu coa petición da UE dunha nova análise técnica do sinistro e que está sen pechar a investigación do Congreso iniciada hai agora dous anos

O 24 de xullo, dentro de dúas semanas, será o sétimo aniversario do accidente de Angrois, no que morreron 80 persoas e cuxa investigación xudicial aínda non rematou, pescudando este venres posibles eivas no tren denunciadas despois de que o xuíz xa propuxera xulgar a un cargo de Adif xunto co maquinista por fallos de seguridade da liña. Tamén este venres fixo dous anos do inicio no Congreso o 10 de xullo de 2018 da comisión de investigación política sobre o sinistro, que tras a disolución da Cámara para as eleccións de 2019 nunca concluíu.

Cos dous aniversarios de actualidade, o presidente da Plataforma de Vítimas do accidente, Jesús Domínguez, critica os obstáculos postos desde diversos eidos ás investigacións xudicial, técnica e política, ningunha delas rematada, e lembra que Renfe e Adif ocultaron información ao xulgado en varias ocasións, que o Goberno non cumpriu coa petición da UE dunha nova análise técnica do sinistro e que está sen pechar a investigación política do Congreso.

As vítimas lamentan que non se cumpriron as promesas políticas de colaboración coas investigacións

No eido xudicial, este venres técnicos de Talgo negaron a acusación que lles lanzara un ex-compañeiro de borrar datos do Alvia tras o accidente. O xuíz tamén recolleu dun deles documentación sobre o estado do tren que o técnico de Talgo asegura que trasladou a Renfe tras o accidente pero que o maxistrado admitiu agora tras constatar que non fora aínda achegada á causa. Domínguez lembra que non é a primeira vez que ocorre nin por parte desa empresa pública nin de Adif malia as promesas lanzadas tras o accidente pola daquela ministra popular Ana Pastor de máxima colaboración coa xustiza.

Hai catro meses a comisaria europea de Transportes reiterou que España segue sen realizar unha investigación independente do accidente, como constatou a UE en 2016

A Plataforma de Vítimas tamén vén reclamando colaboración ao actual Goberno central socialista, que segue sen cumprir a reclamación da UE, reiterada hai catro meses pola nova comisaria de Transportes, de que España faga unha nova investigación técnica independente do sinistro, despois de que a realizada no seu momento pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento fose descualificada en 2016 pola Axencia Ferroviaria Europea. Malia que tanto o PSOE como Podemos e os socios destes en Galicia así se comprometeron cando estaban na oposición, Domínguez lamenta que agora, no Goberno, cortaron a comunicación cos afectados.

Informe da Axencia Ferroviaria Europea que ratifica que a investigación de Fomento sobre Angrois non foi independente Dominio Público Praza Pública

As vítimas reclaman a investigación técnica para que a partir dela se poidan establecer as conclusións políticas

Domínguez salienta que esa investigación técnica independente do sinistro que reclama a UE é para as vítimas esencial para que poida reabrirse a comisión de investigación política aberta no Congreso en 2018 despois de que o PSOE deixase de secundar ao PP na súa negativa. Cos datos técnicos sobre a mesa será cando os políticos poidan establecer as súas conclusións, di, que deberan corrixir a “cacería do Goberno ao maquinista” que el mesmo denunciou na Cámara Baixa hai agora dous anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.