A denuncia de borrado de datos do Alvia de Angrois non será investigada ata nove meses despois, ás portas do 12X e do sétimo aniversario

Vítimas de Angrois na sede de Talgo, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Praza Pública

A paralización da Xustiza polo coronavirus só está detrás da metade da demora acumulada polas comparecencias pendentes e de dous dos seus catro aprazamentos, nunha causa con múltiples erros e atrasos

O pasado 10 de outubro o xulgado instrutor do accidente de Angrois foi coñecedor dunha declaración xurada dun ex-mecánico de Talgo que aseguraba, seis anos despois do sinistro, que á media hora do descarrilamento “varios directivos” da empresa “deron a orde taxativa de borrar todas as avarías que tiña o tren da base de datos”. Ese mecánico e os tres responsables de Talgo aos que identificou aínda non foron interrogados, e non o serán cando menos ata o 10 de xullo, nove meses despois da denuncia, só dous días antes das eleccións galegas do 12X e ás portas do 24 de xullo, sétimo aniversario do accidente no que morreron 80 persoas

Neste tempo, a paralización da Xustiza polo coronavirus só está detrás da metade da demora acumulada por esas comparecencias pendentes e de dous dos seus catro aprazamentos, nunha causa que xa acumulaba múltiples erros e atrasos. "A Xustiza lenta non é xustiza", lamenta o presidente da Plataforma de Vítimas do accidente, Jesús Domínguez, quen pon o foco máis alá do coronavirus e lembra que as demoras "veñen de atrás, toda a instrución está chea de atrasos".

Fragmentos da documentación achegada polas vítimas de Angrois ao xulgado sobre a declaración xurada do mecánico de Talgo CC-BY-NC-SA Praza Pública

"A Xustiza lenta non é xustiza", lamenta o presidente da Plataforma de Vítimas do accidente, Jesús Domínguez, quen pon o foco máis alá do coronavirus e lembra que as demoras "veñen de atrás, toda a instrución está chea de atrasos e erros"

A declaración xurada do ex-mecánico de Talgo, facilitada ao xulgado pola Plataforma de Vítimas e que a empresa negou anunciando unha querela contra o seu antigo empregado, chegou cando a Audiencia Provincial da Coruña estaba a piques de decidir se avalaba a proposta do xuíz instrutor de levar xa a xuízo como únicos responsables do sinistro ao maquinista do tren, Francisco José Garzón, por despistarse e non frear a tempo antes da curva de Angrois, e ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, por non avaliar e paliar o risco que alí existía como esixía a normativa.

Ao coñecer a denuncia do ex-mecánico do 10 de outubro, un mes despois a Audiencia da Coruña ordenou ao instrutor que a investigase antes de decidir sobre o remate ou non da instrución. Tres días despois o xuíz fixou os días 12 e 13 de decembro para tomar declaración ao denunciante e a tres cargos de Talgo, pero varios avogados de Madrid solicitaron ao xuíz que concentrase nun único día as catro declaracións para facilitarlles e acurtar os desprazamentos e o xuíz adiou as comparecencias ao 23 de xaneiro. 

O segundo aprazamento chegou despois de que o avogado da plataforma de vítimas advertise de que ese día tiña un xuízo por outra causa noutra cidade, e o instrutor pasou as declaracións ao 13 de marzo, cinco meses despois da denuncia. Para daquela xa había dificultades de movemento polo coronavirus que afectaban especialmente a Madrid, de onde son varios avogados, e o xuíz adiou por terceira vez as comparecencias ata este venres 29 de maio, e fixounas por videoconferencia nun xulgado de Majadahonda. Ese xulgado di agora que non se poden facer alí as declaracións e o instrutor volve adialas, por cuarta vez, para o 10 de xullo, xa de novo en Santiago, “unha vez cesado o estado de alarma”.

Nestes preto de sete anos o caso cambiou de instrutor e fiscal, os maxistrados cometeron erros nos seus autos e a Xunta impuxo dous peritos sen experiencia en materia ferroviaria

Neste tempo o sistema xudicial evidenciou diversas eivas e demoras na instrución, na que os propios maxistrados implicados na causa cometeron en varias ocasións erros nos seus autos ao citar normativa ferroviaria ou nomes que eles mesmos acabarían corrixindo posteriormente en novos escritos días, semanas ou mesmo meses despois.

Os peritos xudiciais encargados de analizar o accidente tardaron medio ano en comezar a traballar porque dous dos inicialmente elixidos polo xuíz por sorteo de entre os mellores profesionais de cada colexio de enxeñeiros foron substituídos pola Xunta por dous funcionarios seus sen experiencia previa en materia ferroviaria. Posteriormente un deles plaxiaría partes da súa peritaxe da investigación oficial realizada por Fomento que facía responsable só ao maquinista. E os outros peritos terían que pedir en varias ocasións ao xuíz que lles axudase a reclamar a varias empresas públicas e privadas documentos que non lles querían facilitar.

Concentración de vítimas de Angrois nos xulgados de Santiago nunha imaxe de arquivo © Plataforma Víctimas Alvia 04155

Un ano despois do sinistro o primeiro xuíz instrutor, Luis Aláez, conseguiu un cambio de xulgado e un novo maxistrado, Andrés Lago Louro, tivo que tomarse varias semanas para facerse cun sumario que xa daquela acumulaba máis de 40 tomos. Posteriormente o segundo instrutor tomaríase o seu tempo para ir chamando a declarar aos peritos (cinco meses desde que entregaron os seus informes ata que os ratificaron verbalmente). E en maio de 2017 cambiaría tamén o fiscal do caso, despois de que o primeiro, Antonio Roma, centrado só en investigar o maquinista, conseguise outro posto. Agora Lago Louro vén de obter tamén praza noutro xulgado, pero o poder xudicial permitiralle rematar a instrución do accidente de Angrois para evitar as demoras que se producirían cun novo cambio de xuíz.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.