Erros e demoras salpican os dous anos de investigación sobre Angrois

Imaxe empregada na investigación do sinistro © Ministerio de Fomento

Con máis de 25.000 folios repartidos en máis de medio cento tomos, o sumario da investigación xudicial sobre o accidente de Angrois é un compendio de todos os problemas cos que se pode topar unha instrución de tal envergadura. O sinistro atribúese oficialmente a un erro do maquinista, que non freou a tempo antes da curva na que descarrilou sen que existise ningún sistema de seguridade preparado para paliar o seu despiste. Pero a súa instrución xudicial está chea doutros moitos erros, demoras e despistes, potenciados polo cruzamento de centos de escritos e peticións entre xuíz, fiscal, seis peritos e decenas de avogados e procuradores de vítimas, Renfe, Adif e os seus respectivos seguros.

Aos poucos días de producirse o accidente o xuíz instrutor, Luis Aláez, pediu aos colexios oficiais de enxeñeiros de Telecomunicacións, Camiños e Industriais que lle facilitasen posibles nomes de peritos dos que, ao azar, escolleu a tres aos que encargou que analizasen o sinistro. Estes expertos xa comezaran a planificar o seu traballo cando a Xunta tombou os seus nomeamentos argumentando que unha norma autonómica aprobada un ano antes obriga a priorizar, en calquera causa xudicial, que as peritaxes necesarias sexan realizadas por funcionarios da propia Administración para abaratar os custos. Así que o xuíz tivo que anular os nomeamentos de peritos que xa fixera e pedir o Goberno galego que buscara entre o seu persoal. Os dous funcionarios autonómicos finalmente elixidos, sen experiencia previa en materia ferroviaria, non comezaron a traballar ata medio ano despois do accidente.

O maquinista segue sendo o único imputado despois de que cargos de Adif fosen imputados e exculpados por dúas veces á espera de que o novo xuíz decida a validez que dá ás peritaxes

Os peritos tamén viron atrasado o seu traballo ante a negativa de varias empresas implicadas a facilitarlles a información que estes lles pedían ata que llela reclamou o propio xulgado. Igual que son varias as demoras debidas a que o xulgado non pediu correctamente algo a unha das partes, a que estas non o facilitaron axeitadamente ou a unha mestura de ambas as dúas circunstancias. Dous meses despois do accidente, Adif negouse inicialmente a identificar a todos os responsables de seguridade na liña Ourense-Santiago, como lle reclamaba o xuíz Luis Aláez. A empresa pública xestora das rede ferroviaria alegou que estaba pendente de resolverse un recurso que presentara ante a Audiencia contra a intención de Aláez de imputalos en canto soubese os seus nomes e que, de revelarse antes, se danaría a súa imaxe. Días despois, tras unha reprimenda pública da ministra, Adif identificou esas persoas. Logo a Audiencia levantaríalles a imputación.

En decembro de 2013 o instrutor tamén reprochou a Adif que non lle contestase axeitadamente a unha petición de información que lle realizara un mes e medio antes. E en xaneiro de 2014 a empresa entregoulle un listado coas 324 viaxes realizadas na liña antes da súa posta en servizo comercial, pero nel non aparecían dúas viaxes, en ambos os dous sentidos, realizadas oito días antes da inauguración para mostrar a liña aos xornalistas.

En febreiro de 2015 o xulgado apercibiu "de desobediencia" a Renfe por levar sete meses sen entregarlle outra documentación que lle reclamara xa en dúas ocasións

Ese mesmo mes de xaneiro revelouse que un maquinista xefe de Renfe advertira aos seus superiores aos poucos días da inauguración da liña, un ano e medio antes do accidente, do risco dun sinistro como o que acabou acontecendo. Renfe admitiu que "dende os primeiros días do pasado mes de decembro, data na que se tivo coñecemento do asunto," o estaba a investigar a nivel interno. Cando o xuíz soubo que a cúpula de Renfe levaba un mes e medio sendo coñecedora desa información sen trasladarlla esixiu que o fixese antes de tres días xa que “tivo tempo máis que de sobra" tanto para elaborarlle un informe “como para achegar voluntariamente á causa a documentación da que dispón".

En febreiro de 2014, Adif informou o xuíz de que non conservaba nos seus arquivos un documento de 1991 que o instrutor lle reclamaba. En marzo a Avogacía do Estado acusou a Aláez de pretender unha "inquisición xeral" do sistema ferroviario e recorreu contra unha petición de documentación que lle formulara o xuíz. Tivo que acabar entregándolla varios días despois. E en febreiro de 2015 o xulgado apercibiu "de desobediencia" a Renfe por levar sete meses sen entregarlle outra documentación que lle reclamara xa en dúas ocasións, en xuño e outubro do ano anterior. Renfe lamentou o atraso e atribuíuno tanto a un despiste seu como a que o xuíz e a vítima que reclamaba esa documentación non formularan claramente a súa petición.

A gran demora

Pero a gran demora na instrución da causa chegaría a mediados de 2014, cando o primeiro xuíz instrutor, Luis Aláez, pediu cambiar de xulgado por motivos persoais. Despediuse do cargo volvendo imputar 11 exdirectivos de Adif, cifra que logo ampliou a 12 ao recoñecer que se lle esquecera unha persoa. Todos se acolleron ao seu dereito a non declarar e o novo xuíz nomeado para facerse cargo da instrución, Andrés Lago, tomouse varias semanas para estudar o que para el era un caso novo que por entón acumulaba xa 40 tomos e mentres esperaba a que a Audiencia Provincial da Coruña volvese levantar, cinco meses despois de producirse, as segundas imputacións ordenadas polo seu antecesor. Logo o xuíz optou por esperar a que se pronunciasen os peritos antes de tomar ningunha decisión sobre o futuro da causa. Pero se os peritos finalizaron en apenas un par de meses os seus informes preliminares sobre o accidente, que entregaron na primavera de 2014, tardarían un ano máis en culminar as súas peritaxes definitivas, que non remataron ata xaneiro deste ano. E unha vez entregadas no xulgado, o novo instrutor non citou os tres peritos xudiciais para que ratificasen oralmente os seus informes ata catro meses despois, en xuño.

Un dos peritos seleccionados pola Xunta acabou retractándose oralmente de cuestións que plasmara por escrito

Nesa vista, un dos peritos seleccionados pola Xunta acabou retractándose oralmente de cuestións que plasmara por escrito. Previamente, outro dos peritos non designados polo xulgado, o da aseguradora de Renfe, holandés, tivo que pedir que se corrixisen diversas erratas no informe que xa entregara no xulgado. E moito antes, a reconstrución do accidente realizada polo equipo de infografía forense da Policía Científica incluía imaxes retardadas que non se correspondían temporalmente co ritmo dos sons e actividades rexistrados realmente pola caixa negra do tren.

Os erros dos xuíces

Os propios xuíces implicados na causa cometeron erros. No auto co que en outubro de 2013, tres meses despois do accidente, se levantaron as primeiras imputacións realizadas polo primeiro instrutor sobre cargos de Adif, a Audiencia Provincial da Coruña equivocouse ao citar un artigo concreto do Regulamento Xeral de Circulación ferroviaria (RGC). Ao argumentar que non era relevante penalmente a situación nas vías do cartel que establece onde remata a liña de alta velocidade e comeza a convencional, a Audiencia referiuse ao "artigo 230 do RGC que regula tales sinais". Non obstante, ese artigo do RGC refírese a outro sinal que nada ten que ver con esa cuestión. Malia que o erro sustentou unha das principais argumentacións da Audiencia, esta non o admitiu formalmente ata meses despois, cando levantou por segunda vez as imputacións ditadas polo xuíz instrutor, admitindo a equivocación previa pero despachándoa como unha cuestión menor.

Xuíces que citan mal artigos normativos, administracións que atrasan a entrega de documentos e avogados que volven pedir papeis xa achegados son frecuentes nun proceso agora estancado á espera de que o seu segundo instrutor decida o seu futuro

Catro meses despois dese erro da Audiencia, sería o propio xuíz Aláez o que, en febreiro de 2014, cometería o mesmo fallo, no seu caso confundíndose noutro auto na numeración de cinco artigos, o que corrixiría días despois. Ao tempo, a implicación na causa, pola súa magnitude, doutros xulgados tampouco facilitou as cousas. O instrutor tivo que reiterar ao Decanato dos xulgados de Madrid varias peticións para que se efectuasen dilixencias necesarias para que os seus forenses recoñecesen as lesións de numerosas vítimas da capital.

Tamén son numerosas as demoras motivadas por cruces de escritos aclaratorios. Hai partes persoadas que reclamaron a outras documentos que xa foran achegados á causa meses antes. Unha das dúas asociacións de vítimas atribuíuse a representación procesual de varias persoas que logo advertiron o xulgado de que os seus avogados xa eran outros. E o xulgado leva meses pedíndolle á aseguradora de Renfe que indique a que vítima concreta van dirixidos multitude de ingresos non nominais que periodicamente realiza nunha conta xudicial de consignacións. Pero tamén á inversa houbo problemas, porque a aseguradora tamén reclamou ao xulgado un suposto ingreso en sentido contrario "dado que é evidente que se produciu un erro nalgún momento do proceso de devolución".

Outro erro producido neses mesmos momentos e pronto emendado evidencia a honestidade doutras persoas

Non son os únicos problemas que houbo na causa a conta dos cartos. Durante as horas posteriores ao accidente, ademais de problemas na coordinación dos servizos de emerxencias, tamén se produciron erros, descoidos ou roubos durante a atención e retirada dos mortos e feridos e das súas pertenzas das vías, xa que varias vítimas denunciaron ante a policía a desaparición de efectos persoais do interior das súas equipaxes pechadas. Pero outro erro producido neses mesmos momentos e pronto emendado evidencia a honestidade doutras persoas. Un mes despois do accidente, cando a irmá dunha ferida acudiu á policía a recoller os seus efectos persoais, encontrouse con que os axentes pretendían entregarlle máis diñeiro do que a viaxeira levaba consigo. "Obraba a cantidade de 1.050 €, presumiblemente pertencente a [nome da vítima]", di a acta policial, que engade que a persoa que acudiu a recoller o diñeiro informounos do seu erro: "Manifesta que a súa irmá só levaba a cantidade de 450 € (distribuídos en tres billetes de 50 € e 15 de 20 €), entregándoselle a devandita cantidade, sendo ingresado o diñeiro restante (600 €) na conta de consignación xudicial por descoñecerse a súa titularidade".

Persoal traballando nas vías de Angrois tras o accidente © Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.