Primeira consecuencia da segunda reapertura da instrución xudicial sobre o accidente ferroviario no que faleceron 80 persoas e outras 144 resultaron feridas o 24 de xullo de 2013 no barrio compostelán de Angrois. Esta mesma semana a Audiencia da Coruña considerou que "procede" reabrir o caso para, como reclamaron as vítimas, procurar información sobre a denuncia formulada por un ex-mecánico da empresa Talgo segundo a cal, horas despois do sinistro, foron borrados do sistema informático da compañía "avarías críticas" no convoi sinistrado que el mesmo detectara pouco antes. E o xuíz instrutor disponse a facelo.
O xuíz instrutor do caso tomará declaración ao ex-mecánico de Talgo que denuncia o borrado de datos sobre "avarías críticas" do tren horas despois do accidente e a outros tres traballadores da compañía no momento dos feitos
Nun auto ditado este 15 de novembro o xuíz instrutor da causa, Andrés Lago Louro, atende a petición da Plataforma Víctimas Alvia 04155, apoiada pola Fiscalía, e chama a declarar como testemuña ao ex-mecánico que facilitou ao colectivo de persoas afectadas polo accidente unha declaración xurada na que revelaba o presunto borrado das avarías por orde de "varios directivos", que a compañía ferroviaria negou. Tamén terán que comparecer nos xulgados de Santiago outros tres traballadores de Talgo no momento dos feitos, sinalados polo propio ex-mecánico.
O xuíz pide asistencia a un dos peritos do caso, un enxeñeiro industrial da Xunta que estudou o estado do tren
Dado que se trata de avaliar "un presunto borrado informático de datos técnicos relativos ao tren accidentado" e tendo en conta que o Alvia sinistrado "foi obxecto específico de estudo por parte dun dos peritos do caso", o enxeñeiro industrial da Xunta José Manuel Lamela, o xuíz instrutor pide de novo a súa participación nas pescudas. Lamela terá que "asistir" o xuíz durante a toma de declaración ás novas testemuñas para "esclarecer" uns feitos "eminentemente técnicos". Alí, especifica o auto, o perito mesmo poderá "formular as cuestións que estime necesarias" para "dispoñer da maior e máis precisa información".
Dada a complexidade técnica, acrecenta o auto, o propio xuíz non desbota que Lamela teña que redactar "un novo informe pericial ampliatorio" no que se esclareza se, como asegura o ex-mecánico de Talgo, foron borrados do sistema informático os sinais de "avarías críticas" no tren. As declaracións desenvolveranse os vindeiros 12 e 13 de decembro.
Se as pescudas sobre a denuncia de borrado de datos resultan "infrutuosas", a instrución volverá ao punto no que se atopaba, co maquinista e un ex-cargo de Adif como únicos acusados
Con este auto Lago Louro dá cumprimento ao ordenado pola Audiencia da Coruña. O tribunal instou a investigar a denuncia do borrado de datos e, no caso de que as pescudas resulten "infrutuosas", a causa "volverá ao mesmo punto no que se atopaba". Isto é, a instrución quedará pechada co maquinista e un ex-cargo de Adif como únicos imputados como presuntos responsables de 80 homicidios por imprudencia e a Audiencia terá que resolver sobre se valida ou corrixe esa resolución.
Todas estas dilixencias supoñen, en calquera caso, un novo adiamento para o proceso, que xa se prolonga durante máis de media década. Nestes máis de seis anos a propia lentitude dos tribunais, unida a ocultacións de Adif e Renfe, entre outros factores, dificultaron o avance da instrución xudicial.