Catro testemuñas e diversos avogados tiñan que desprazarse desde Madrid, o que levou ao xulgado a adiar a citación ao 29 de maio e por videoconferencia
As medidas de precaución contra o coronavirus comezan a afectar tamén á actividade xudicial. Aínda que Galicia non se atopa aínda no escenario de maiores restricións existente noutras comunidades, para o que o Consello Xeral do Poder Xudicial estableceu diversas medidas graduais de protección, tamén se está a ver afectada indirectamente.
Este venres estaba prevista a declaración no caso sobre o accidente de Angrois dun ex-mecánico de Talgo que denunciou hai cinco meses o suposto borrado de datos do tren tras o sinistro. Canda el estaban tamén citadas outras tres testemuñas, pero a petición de diversos avogados que tamén se tiñan que desprazar como elas desde Madrid, onde non están recomendadas as viaxes, o xulgado decidiu aprazar esas declaracións e fixalas para o 29 de maio por videoconferencia. O caso acumula así máis de cinco meses sen sequera comezar a investigar esa denuncia, atraso que se suma aos xa rexistrados previamente tras o accidente, ocorrido hai case sete anos.
Ademais dese caso tan significativo, a actividade nos xulgados está a experimentar outras restricións. O Consello Xeral do Poder Xudicial estableceu este mércores diversas medidas para zonas máis ou menos afectadas polo coronavirus. Para casos como o de Galicia, situado nun “escenario xeral” sen grandes restricións, estableceuse “a realización dos sinalamentos con tempo suficiente entre eles para que non haxa unha gran afluencia de partes e de profesionais agardando a celebración de vistas nun espazo común” ou a “utilización na medida do posible do sistema de videoconferencia”
Están suspendidas as visitas aos xulgados "que non estean directa e exclusivamente relacionadas coa actividade xurisdicional e dispensado o uso de toga"
A nivel galego, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o seu presidente, José María Gómez y Díaz Castroverde, comunicou este mércores pola tarde á carreira xudicial as instrucións acordadas polo Consello Xeral do Poder Xudicial “facendo constar que a súa aplicación é de carácter inmediato”. Ademais, tomou a decisión, ratificada pola Sala de Goberno este xoves, de “suspender as visitas individuais ou colectivas a dependencias xudiciais que non estean directa e exclusivamente relacionadas coa actividade xurisdicional ou as condicións para que esta se poida realizar”, como visitas escolares, universitarias ou de calquera outra persoa que non teña sinalamentos xudiciais ou administrativos aos que acudir. Tamén se dispensa a avogados e procuradores do uso de toga.
O acordo tamén deixa “á responsabilidade individual” de cada un “a asistencia do persoal xudicial a actos organizados por corporacións, institucións ou administracións que impliquen a presenza masiva de persoas” e lembra “a importancia que ten” o traballo dos xuíces e “a necesidade de evitar situacións que poñan en risco” a súa función.