A denuncia de borrado de datos do Alvia de Angrois tardará cinco meses en comezar a ser investigada

Vítimas do accidente de Angrois ante os xulgados de Santiago nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Praza Pública

Un ex-mecánico de Talgo xurou en outubro que tras o accidente se ocultaron avarías do tren, pero os interrogatorios non se realizarán ata marzo tras seis anos de demoras e erros xudiciais

O pasado 10 de outubro a plataforma de vítimas do accidente de Angrois, no que o 24 de xullo de 2013 morreron 80 persoas, rexistrou no xulgado de Santiago que instrúe o caso unha declaración xurada dun antigo mecánico de Talgo na que este asegura, seis anos máis tarde, que media hora despois do sinistro “varios directivos” da empresa “deron a orde taxativa de borrar todas as avarías que tiña o tren da base de datos”. A investigación dese feito non comezará ata o 13 de marzo, coas comparecencias no xulgado como testemuñas do ex-mecánico e os tres responsables de Talgo aos que identificou no seu escrito. Eses interrogatorios veñen de ser adiados por segunda vez nunha causa que acumula diversas demoras e erros do sistema xudicial nos seis anos e medio que xa pasaron desde o accidente.

A declaración xurada do ex-mecánico de Talgo, que a empresa negou anunciando unha querela contra o seu antigo empregado, chegou cando a Audiencia Provincial da Coruña estaba a piques de decidir se avalaba a proposta do xuíz instrutor de levar xa a xuízo como únicos responsables do sinistro ao maquinista do tren, Francisco José Garzón, por despistarse e non frear a tempo antes da curva de Angrois, e ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, por non avaliar e paliar o risco que alí existía como esixía a normativa. 

Fragmentos da documentación achegada polas vítimas de Angrois ao xulgado sobre a declaración xurada do mecánico de Talgo CC-BY-NC-SA Praza Pública

As declaracións foran fixadas para o 12 e 13 de decembro, pero ao pedir varios avogados que se unificasen nun só día foron adiadas ao 23 de xaneiro e agora, tras unha nova petición, ao 13 de marzo

Ao coñecer a denuncia do mecánico do 10 de outubro, a Audiencia, tras consultar ás partes persoadas no caso e co apoio do fiscal, pediu o 12 de novembro ao xuíz instrutor que a investigase. Tres días despois o maxistrado fixou que o mecánico e os tres directivos de Talgo comparecesen no xulgado de Santiago dous deles o 12 de decembro ás 9 e as 10 da mañá e os outros dous ao día seguinte nos mesmos horarios. 

Varios avogados de Madrid solicitaron ao xuíz que concentrase nun único día as catro declaracións para facilitarlles e acurtar os desprazamentos, ao que o instrutor respondeu fixando esas declaracións o 23 de xaneiro, máis dun mes máis tarde, ás 9, 10, 11 e 12 horas. Posteriormente o avogado da plataforma de vítimas solicitou unha nova reprogramación das comparecencias por coincidirlle coa celebración dun xuízo oral por outra causa noutra cidade, cuestión á que este luns o instrutor accedeu. Agora os interrogatorios veñen de ser adiados outros dous meses, ao 13 de marzo, máis de cinco meses despois de coñecerse a denuncia que os motivou. 

Seis anos de erros e atrasos do sistema xudicial

Nestes máis de seis anos o caso cambiou de instrutor e fiscal, os maxistrados cometeron erros nos seus autos e a Xunta impuxo dous peritos sen experiencia en materia ferroviaria

O novo atraso na investigación prodúcese despois de máis de seis anos dunha instrución na que o sistema xudicial evidenciou diversas eivas e demoras. Os propios maxistrados implicados na causa cometeron en varias ocasións erros nos seus autos ao citar normativa ferroviaria ou nomes que eles mesmos acabarían corrixindo posteriormente en novos escritos días, semanas ou mesmo meses despois.

Os peritos xudiciais encargados de analizar o accidente tardaron medio ano en comezar a traballar porque dous dos inicialmente elixidos polo xuíz por sorteo de entre os mellores profesionais de cada colexio de enxeñeiros foron substituídos pola Xunta por dous funcionarios seus sen experiencia previa en materia ferroviaria. Posteriormente un deles plaxiaría partes da súa peritaxe da investigación oficial realizada por Fomento que facía responsable só ao maquinista. E os outros peritos terían que pedir en varias ocasións ao xuíz que lles axudase a reclamar a varias empresas públicas e privadas documentos que non lles querían facilitar.

Fragmentos de autos do primeiro xuíz instrutor e da Audiencia da Coruña recoñecendo erros en anteriores autos seus e do segundo instrutor salientando a demora en recibir resposta dunha axencia europea á que se enviara unha petición a un enderezo trabucado CC-BY-SA Praza Pública

O actual xuíz vén de obter praza noutro xulgado, pero o poder xudicial permitiralle rematar a instrución do accidente de Angrois para evitar as demoras que se producirían cun novo cambio

Un ano despois do sinistro o primeiro xuíz instrutor, Luis Aláez, conseguiu un cambio de xulgado e un novo maxistrado, Andrés Lago Louro, tivo que tomarse varias semanas para facerse cun sumario que xa daquela acumulaba máis de 40 tomos. Posteriormente o segundo instrutor tomaríase o seu tempo para ir chamando a declarar aos peritos (cinco meses desde que entregaron os seus informes ata que os ratificaron verbalmente). E en maio de 2017 cambiaría tamén o fiscal do caso, despois de que o primeiro, Antonio Roma, centrado só en investigar o maquinista, conseguise outro posto. Agora Lago Louro vén de obter tamén praza noutro xulgado, pero o poder xudicial permitiralle rematar a instrución do accidente de Angrois para evitar as demoras que se producirían cun novo cambio de xuíz.

Á folga do persoal da Xustiza de comezos de 2018 engadiuse a demora dun ano en obter un informe relevante da Unión Europea tras trabucarse o xulgado no enderezo

A principios de 2018 unha folga do persoal da administración de Xustiza en Galicia provocaría demoras de catro meses nas declaracións de varios imputados, testemuñas e peritos previstas para comezos daquel ano. Foi nese mesmo ano cando quedou en evidencia unha das demoras máis significativas do caso. En xuño de 2017 o xulgado pedira á Axencia Ferroviaria da Unión Europea un informe para aclarar varias cuestións sobre a normativa a aplicar nas análises de risco ferroviarias nas que discrepaban dous peritos. Pero o xulgado trabucouse inicialmente de enderezo e enviou a súa petición á estación de tren de Valenciennes (Francia) en vez de á sede da axencia europea noutra rúa desa mesma cidade. A petición tardaría cinco meses en chegar ao ente comunitario, que elaborou o seu informe en dous meses e o entregou o 15 de xaneiro de 2018 ao sistema xudicial francés para que o remitise ao español. Porén, non foi ata cinco meses máis tarde, en xuño, que o xuíz informou ás partes de que ese informe aínda non lle chegara.

Emprazamentos en Valenciennes (Francia) da praza da estación de tren á que o xulgado enviou o seu escrito e da axencia europea CC-BY-SA Praza Pública sobre Google Maps

Ao coñecerse a demora, vítimas do sinistro e a eurodeputada do BNG Ana Miranda puxéronse en contacto coa axencia ferroviaria, que en só dous días fixo chegar o seu informe de xeito directo ao xulgado de Santiago. Nel desmontábanse boa parte dos argumentos que viñan empregando Fomento, Adif e Renfe para facer responsable do sinistro só ao maquinista e sinalábase que eran preceptivas varias análises de risco que, segundo declararon no xulgado varios técnicos da consultora pública Ineco, non se realizaron na curva de Angrois.

Coa causa xudicial centrada desde aquela na responsabilidade do director de Seguridade de Adif por non realizar correctamente esas análises de riscos na liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente, a declaración xurada do ex-mecánico de Talgo pon agora o foco no tren, no que os peritos xudiciais non atoparan ningunha eiva que considerasen causa do sinistro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.