O ex-mecánico que lanzou a acusación en outubro ratifícase no xulgado, que deberá decidir se continúa pescudando no estado do tren ou pon o foco como ata agora só na seguridade da liña, polo que está imputado un cargo de Adif
O pasado outubro, máis de seis anos despois do accidente de Angrois e coa investigación penal polas 80 mortes xa orientada a xulgar xunto co maquinista a un cargo de Adif pola falta de seguridade da liña de AVE Ourense-Santiago, un ex-mecánico de Talgo acusou formalmente a varios técnicos desa empresa de borrar datos sobre posibles eivas do tren Alvia. Este venres, tras varios adiamentos, o acusador ratificouse no xulgado e os tres acusados negárono, ao tempo que o xuíz recolleu dun deles documentación sobre o estado do tren que o técnico de Talgo asegura que trasladou a Renfe tras o accidente pero que o maxistrado admitiu agora tras constatar que non fora aínda achegada á causa.
Os tres acusados de borrar datos negárono e un asegurou que estaba a centos de quilómetros de distancia das instalacións de Talgo
Segundo varias fontes presentes nas declaracións deste venres nos xulgados de Santiago, os tres técnicos de Talgo negaron a acusación do seu compañeiro de borrar datos do Alvia poucos minutos despois de ocorrer o accidente o 24 de xullo de 2013. Un deles chegou a asegurar que nin estaba nas instalacións de Talgo senón nunha vila do Mediterráneo, dato que asegurou poder probar pero sen facelo este venres.
Outro dos técnicos, o de maior rango, director de Mantemento de Talgo, tamén negou a acusación e ante as dúbidas que lanzou o acusador e algún avogado sobre o estado entre outros elementos das rodas do tren, suposta eiva sinalada tanto polo ex-mecánico agora denunciante como en peritaxes previas realizadas durante a investigación, argumentou que os desperfectos puideron producirse como consecuencia do accidente. Para defender a súa postura esgrimiu documentación de Talgo que supostamente detallaría o estado do tren antes do sinistro, asegurando que a súa empresa lla trasladara a Renfe. Porén, durante a sesión deste venres comprobouse que esa documentación non figura entre a que no seu momento achegou Renfe ao sumario, polo que o xuíz decidiu incorporala agora.
Malia prometer colaboración coa xustiza, no pasado Renfe e Adif xa non achegaran ao xulgado diversa documentación que lles acabou sendo requirida
Esta non sería a primeira ocasión en que Renfe, ao igual que Adif e malia as promesas de colaboración coa Xustiza lanzadas no seu momento pola daquela ministra Ana Pastora, non achega ao xulgado algunha documentación que posteriormente lle acaba sendo requirida.
Nas declaracións deste venres tamén se dixo que tras o accidente responsables de Talgo accederon a distancia a datos do Alvia sinistrado, sen quedar claro se só os consultaron ou, como aventuran algúns avogados, puideron modificalos, alterando así a custodia xudicial.
O novo foco da investigación sobre o estado do tren Alvia chega cando o xuíz instrutor xa propuxera hai un ano e medio dar por rematada a investigación centrándose na seguridade da liña de AVE Ourense-Santiago e acusando, ademais de ao maquinista do tren por non frear a tempo antes da curva de Angrois, ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, por non avaliar e paliar o risco que alí existía como esixía a normativa.