Centrado en culpar o maquinista, o Goberno galego impuxo a funcionarios propios sen experiencia como peritos xudiciais e deu a Medalla de Galicia ás vítimas co rexeitamento de parte delas, que nunca foron recibidas polo presidente
Ata a chegada do coronavirus, o accidente de Angrois era a principal traxedia ocorrida en Galicia durante os mandatos de Feijóo. Porén, a Xunta intenta distanciarse do sinistro malia tomar decisións que dificultaron as investigacións e ofenderon a parte das vítimas. Ao tempo, os partidos chegan a estas eleccións con miradas dispares sobre o accidente, dándolle un tratamento menor nos seus programas electorais.
Para Feijóo que o maquinista do Alvia fose o único responsable do accidente de Angrois é “o sentir maioritario da sociedade” e tentar investigar outras posibles causas, como está a facer a Xustiza cun cargo de Adif tamén imputado, forma parte dos “intereses económicos” de empresas ou países que quererían prexudicar a alta velocidade española, segundo dixo apenas tres días despois do sinistro. Pero máis alá das declaracións persoais do presidente, que sete anos despois a Xunta non teña outra resposta que o maquinista para a traxedia queda reflectido nas decisións que o Goberno galego veu tomando durante este tempo.
Tras o accidente do festival do Marisquiño de Vigo de 2018 que provocou varios centos de feridos a Xunta decidiu personarse nesa causa xudicial, co foco posto na actuación do goberno local socialista. Porén, non fixo o mesmo en Angrois cinco anos antes, con 80 mortos. Tamén permitiu que se crease, a petición de En Marea e BNG, unha comisión de investigación no Parlamento de Galicia sobre o sinistro de Vigo tras rexeitar en varias ocasións que se fixese o mesmo con Angrois co argumento, entre outros, de que xa estaba a ser investigado por un xulgado, o que tamén ocorría no caso vigués.
Porén, cando comezaron a poñerse en evidencia os obstáculos e ocultacións de Adif e Renfe a esa investigación xudicial, Feijóo restoulles importancia e mesmo chegou a advertir de responsabilidades penais ao xefe da investigación técnica do sinistro por parte de Fomento cando este culpou no Congreso á daquela ministra Ana Pastor de non reabrir esa análise como pediu a UE, algo que ese técnico despois rectificou.
Feijóo quería comparecer na comisión de investigación do Congreso para gabar o funcionamento dos servizos de emerxencias galegos, pero os grupos non o citaron, o que evitou que tivese que aclarar as eivas de coordinación
PP e PSOE non querían unha comisión de investigación sobre Angrois para non salpicar aos ex-ministros Ana Pastor e José Blanco, pero cando á fin se creou no Congreso dos Deputados tras cambiar os socialistas de postura, Feijóo amosou o seu desexo de comparecer nela para gabar o suposto bo funcionamento dos servizos de emerxencia galegos na atención ás vítimas tras o sinistro.
Finalmente os grupos parlamentarios optaron por non citar o presidente galego, o que evitou que tivese que aclarar no Congreso as eivas de coordinación detectadas naquel dispositivo de emerxencias e, fundamentalmente, a decisión máis importante das tomadas pola Xunta sobre o accidente de Angrois: impoñer ao xulgado instrutor como peritos xudiciais a dous funcionarios autonómicos sen experiencia previa en materia ferroviaria argumentando motivos económicos para descartar aos mellores expertos independentes propostos polos colexios profesionais. Malia esa decisión, só nos tres anos posteriores ao sinistro a Xunta autorizou aos xulgados que noutros casos encargasen a outros expertos alleos á administración máis de 1.300 peritaxes polas que pagou 1,3 millóns de euros.
Os dous peritos funcionarios da Xunta concluíron, en informes con eivas, que non había fallos de seguridade, o que deitaba a responsabilidade no maquinista
Tras o atraso que supuxo o cambio de peritos, os dous funcionarios da Xunta concluíron, en informes con deficiencias, que nin a seguridade da liña Ourense-Santiago nin o tren Alvia tiñan ningunha eiva, o que deitaba toda a responsabilidade no maquinista. Non é o que consideran outras peritaxes e a Axencia Ferroviaria Europea, o que fai que actualmente estea tamén imputado un cargo de Adif por non habilitar as medidas de seguridade que evitasen ou paliasen un despiste como o que sufriu o condutor do Alvia.
A Plataforma de Vítimas critica que a decisión de Feijóo de adiantar a entrega das Medallas de Galicia ao 24 de xullo é un intento de silenciar as súas protestas
Para chegar ao punto actual foi determinante o traballo que nestes anos vén realizando a Plataforma de Vítimas do accidente pescudando nas diversas eivas que presentaba a liña Ourense-Santiago. Porén, Feijóo nunca recibiu á Plataforma. Un ano despois do accidente decidiu entregar as Medallas de Galicia a vítimas, servizos de emerxencias e veciños de Angrois nun acto que tradicionalmente se celebraba o Día de Galicia pero que adiantou á véspera, coincidindo co aniversario do sinistro.
Varios afectados acudiron a recoller o recoñecemento, pero a Plataforma rexeitouno por considerar que a Xunta pretendía empregar politicamente o sinistro. Malia non querer a medalla, membros da Plataforma si intentaron asistir ao acto, na Cidade da Cultura, pero foron bloqueados pola policía.
Desde aquel primeiro aniversario, a Xunta xa non volveu entregar as Medallas no Día de Galicia e veñen permanecendo no día 24, o que a Plataforma interpreta como un intento de silenciar as protestas que convocan en cada aniversario do sinistro con esa cerimonia, a única coa que o Goberno galego celebra o Día Nacional. De feito, malia mantela no día 24 como suposta homenaxe ás vítimas de Angrois, na cerimonia do pasado ano Feijóo xa non incluíu ningunha referencia ao sinistro no seu discurso, como viña facendo en anos anteriores.
A Plataforma de Vítimas foi recibida polo vicepresidente Rueda nos despachos que o Parlamento pon a disposición da Xunta
Que a Xunta non lles quere dar visibilidade nin ás vítimas nin ao propio accidente (non existe nas súas reclamacións reiteradas sobre os prazos do AVE que obvian as probas de seguridade) evidénciao tamén a única reunión que mantiveron nestes anos membros da Plataforma co Goberno galego. As recepcións institucionais da Xunta adoitan realizarse no Pazo de Raxoi, a sede oficial. As recepcións con connotacións máis persoais, na residencia presidencial de Monte Pío. E as reunións de traballo, na sede administrativa central de San Caetano. Porén, acabaron sendo as oficinas que o Parlamento de Galicia pon á disposición da Xunta o lugar elixido polo vicepresidente Alfonso Rueda para recibir a varios membros da Plataforma de Vítimas coincidindo cunha nova negativa do PP na Cámara galega a crear a comisión de investigación política. Aquela recepción por parte do Goberno galego coincidiu cos días en que tras o nacemento do seu fillo Feijóo rebaixou a súa axenda oficial.
Galicia en Común e Marea Galeguista inclúen no seu programa unha comisión de investigación de Angrois no Parlamento e esixir ao Estado os sistemas de seguridade ferroviaria axeitados, petición esa última similar á que formula o BNG
Neste contexto chegan unhas eleccións nas que as diversas formacións miran de xeito dispar o accidente de Angrois. En liña coa actuación da Xunta ao longo destes anos, o PP óbviao e o seu programa electoral non só non mencionada nada ao respecto senón que nen sequera se pronuncia sobre a seguridade ferroviaria nos diversos puntos nos que reclama ao estado máis investimentos nesas infraestruturas de transporte. Similar distancia manteñen os socialistas malia aceptar finalmente tras varios anos de negativas a creación da comisión de investigación no Congreso en 2018, que rematou coas comparecencias de Blanco e Pastor pero sen que dese tempo a redactar as conclusións pola convocatoria electoral xeral de 2019.
No resto de candidaturas, só as a de Galicia en Común e Marea Galeguista citan de xeito expreso nos seus programas electorais o accidente, as dúas cunha redacción idéntica á que sobre esa cuestión tiña o programa de 2016 de En Marea: “Crearemos unha comisión de investigación no Parlamento de Galicia para estudar as causas do accidente ferroviario acontecido en Angrois (Santiago de Compostela) o 24 de xullo de 2013, e para determinar as condicións de seguridade na rede ferroviaria de alta velocidade en Galicia. Esixiremos ao Goberno do Estado que, de forma urxente, dote ás liñas ferroviarias galegas dos sistemas de seguridade axeitados". No caso de Galicia en Común, esa redacción idéntica á de 2016 é complementada cunha petición máis: "Ao tempo, instaremos ao Goberno español a abrir e realizar unha nova investigación verdadeiramente independente na Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF)”.
O BNG, a formación que máis activamente está a colaborar coa Plataforma de Vítimas para pescudar en todo tipo de eidos, tanto políticos como xudiciais, arredor do accidente, non o cita de xeito expreso no seu programa pero si reclama nel “garantir que as vías e os trens de alta velocidade conten coas máximas condicións de seguranza: sistema ERTMS, sinalización correcta, etc.”, citando así varias das cuestións sobre as que a xustiza ten posto o foco no caso concreto de Angrois. Nos últimos tempos os nacionalistas viñan poñendo o foco na prioridade dunha nova investigación técnica independente, como reclama a UE.
Pola súa banda, malia non coñecerse aínda o seu programa electoral para Galicia, Ciudadanos tamén tivo un papel especialmente activo na comisión de investigación política creada pero aínda sen conclusións no Congreso dos Deputados. Igualmente, diversos dirixentes desa formación veñen amosando o seu apoio desde hai anos ás reivindicacións lanzadas desde a Plataforma de Vítimas.