O intento dos populares por acceder a información xudicial que comprometa ao Concello de Vigo evidencia, como no sinistro do Alvia, onde non quixeron participar, intereses particulares máis alá da investigación do ocorrido
A portavoz do PP de Vigo, Elena Muñoz, anunciou este luns que a súa formación pedirá persoarse na causa xudicial que investiga o accidente no festival do Marisquiño no que resultaron feridas varios centos de persoas para “participar de modo activo na depuración de responsabilidades”. O mesmo anunciou hai unhas semanas o Goberno galego, que pola contra optou por non facelo no seu momento no moito máis grave accidente de Angrois, no que morreron 80 persoas. Naquel caso si que o tentara facer o pseudosindicato Manos Limpias, que se atopou coa negativa do ex-xuíz Baltasar Garzón, tamén persoado na causa. Uns movementos que evidencian que por tras dalgúns persoamentos xudiciais hai intereses particulares que van máis alá da investigación do ocorrido.
Ser unha parte persoada nunha causa xudicial permite acceder de primeira man e ao mesmo tempo que as demais partes ao sumario da mesma, sempre que este non estea baixo segredo, como é o caso dos accidentes do Marisquiño e Angrois. No caso do sinistro de Vigo, o desexo de PP e Xunta de participar evidencia o seu interese por acceder á información xudicial que se vaia xerando que poida cuestionar a actuación do goberno local de Vigo e do seu alcalde, o socialista Abel Caballero, ao que os populares culpan do accidente nun espazo que o xulgado deberá determinar se era responsabilidade do Concello ou da Autoridade Portuaria.
No caso do Marisquiño, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, chegou a argumentar que o Goberno galego reclamará o custo que tivo para o sistema sanitario galego a atención dos feridos. Porén, ao igual que no caso de Angrois, moito máis custoso e no que a Xunta non se persoou, ese custo debera ser asumido en último termo, cando remate a causa xudicial, polo seguro de quen sexa considerado culpable do sinistro.
Baltasar Garzón, avogado dunha vítima de Angrois, enleouse en recursos e impugnacións cando tentou persoarse na causa Manos Limpias, que previamente lograra a súa suspensión como xuíz
A Xunta non se persoou na causa polo accidente de Angrois ao tempo que intentaba rebaixar o perfil político da mesma, culpando só ao maquinista do tren, polo temor de que o caso salpicase á daquela ministra Ana Pastor. Pero quen si tentou participar no caso do Alvia hai cinco anos, como facía daquela en moitas outras causas de relevancia mediática, foi o pseudosindicato Manos Limpias, cuxos máximos responsables acabarían detidos acusados de extorsións a cambio de retirar acusacións noutros casos como o Nóos contra a infanta Cristina. No caso de Angrois tamén estaba persoado, como avogado dunha vítima, o ex-xuíz Baltasar Garzón, ao que Manos Limpias conseguira suspender do seu posto na Audiencia Nacional uns anos antes por investigar os crimes do franquismo -Garzón sería absolto por ese caso antes de ser condenado e apartado da carreira xudicial por ordenar escoitas ilegais a varios detidos do caso Gürtel-.
Con eses antecedentes de loita entre eles, Garzón e Manos Limpias acabarían enleados en recursos e impugnacións sobre o dereito ou non do sindicato a participar na instrución do accidente de Angrois. Cando os xuíces resolveron a disputa esixindo 3.000 euros de fianza para que Manos Limpias puidese seguir na causa, o sindicato desapareceu da mesma e Garzón deixou de ter protagonismo como avogado de vítima.