Un dos múltiples asuntos vinculados con Galicia que ficaron aparcados no Congreso dos Deputados polo adianto electoral de abril de 2019 e as novas eleccións xerais de novembro do mesmo ano foi a comisión de investigación sobre o accidente de Angrois, no que faleceron 80 persoas o 24 de xullo de 2013 en Santiago. No inicio da nova lexislatura o deputado do BNG, Néstor Rego, avanzou a súa intención de reclamar a súa reapertura para finalizar os traballos e redactar as conclusións. Tras o seu primeiro encontro coa Plataforma Víctimas Alvia 04155 o parlamentario do Bloque reitera esta petición, pero priorizando a esixencia da investigación técnica sobre o sinistro que tamén reclamando a Unión Europea, polo momento sen éxito.
O Bloque acompasa as súas iniciativas sobre o accidente de Angrois á reivindicación das vítimas, que reiteran a necesidade da investigación técnica independente reclamada pola UE
Rego e a voceira do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, recibiron este martes ao colectivo de vítimas en Madrid. Como xa avanzaran a pasada semana en Galicia, prevén iniciativas en ambas Cámaras acompasadas ás reivindicacións do colectivo de persoas afectadas polo accidente. Neste sentido, avanzan, en primeiro termo diríxense ao Ministerio de Transportes -nova denominación do de Fomento- para preguntarlle "cando e como se vai desenvolver a investigación imparcial e independente", a pescuda técnica, por parte da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), o órgano do propio Ministerio cuxa ausencia de independencia no momento de analizar o acontecido en Angrois foi constatado pola Axencia Ferroviaria Europea.
Rego: "O actual Goberno ten que distanciarse da xestión dos anteriores neste tema; ten unha oportunidade histórica de facelo mellor"
A xuízo de Rego, "o actual Goberno ten que distanciarse das xestións dos gobernos anteriores neste tema" e conta cunha "oportunidade histórica para facer as cousas mellor". Neste sentido, coida que "xa non hai escusas para cumprir as directrices que marca Europa e aplicar as medidas de seguridade e control de riscos necesarias para evitar outro accidente". Do seu punto de vista, entre as medidas a aplicar cómpre tamén "destituír os membros da CIAF, por deixadez de funcións tras a modificación normativa de 2015". Esa destitución tamén vén sendo reiteradamente reclamada polas vítimas.
Unha vez realizada esa investigación técnica independente, explica, será o momento de reabrir a comisión política, na liña do reclamado pola plataforma. Como xa fixeran as anteriores representantes do BNG no Congreso, ratifica, esa reapertura terá o seu voto a prol.
Miranda: "É imprescindible que os próximos Consellos de Ministros aproben un plan para responder ao incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria"
Miranda lembra que, como pano de fondo das reivindicacións do BNG sobre o accidente de Angrois está o procedemento de infracción aberto que a UE ten aberto dende o pasado 2019 contra o Estado español pola súa seguridade ferroviaria. "Resulta imprescindible -defende- que nos próximos Consellos de Ministros o Goberno aprobe un plan de acción que dea resposta" a ese procedemento de infracción "por incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria".
Para Miranda, o mellor xeito de facelo é "un decreto co correspondente orzamento" para atender unha demanda comunitaria que, subliña, "foi consecuencia da denuncia presentada na UE polo BNG". Todos estes, conclúe son pasos precioss para que "se depuren as responsabilidades políticas e técnicas do accidente do Alvia, tal e como acaba de acontecer co accidente do metro de Valencia.