AP-9, preferentes ou Angrois: asuntos galegos que o Congreso pode desatrancar sen agardar polo orzamento

Autoestrada AP-9 e protesta das vítimas de Angrois reclamando a comisión de investigación CC-BY-SA Praza Pública

Boa parte dos acordos de investidura están condicionados á aprobación duns novos orzamentos xerais, pero hai decisións que xa contan con apoios suficientes e que o Congreso podería acelerar

Boa parte dos acordos de investidura acadados entre o PSOE e Unidas Podemos-Galicia en Común, por unha banda, e o BNG, por outra, están condicionados á posterior aprobación duns novos Orzamentos Xerais do Estado, prorrogados desde 2018, os últimos do PP. A incapacidade dos socialistas de obter apoios suficientes para aprobar os de 2019 provocou que Sánchez convocase as eleccións xerais e, malia obter agora apoio á súa investidura, as contas públicas requirirán de novas negociacións que nada garante que resulten exitosas. Porén, hai decisións, algunhas incluídas nos acordos de investidura, que poden comezar a materializarse no Congreso sen ter que agardar por uns novos orzamentos. 

Polo pronto, esta XIV Lexislatura estatal que comezou o 3 de decembro xa conta en pouco máis dun mes con 15 proposicións de lei presentadas para a súa tramitación no Congreso, entre elas dúas procedentes do Parlamento de Galicia, onde foron aprobadas por unanimidade: a que pide a transferencia a Galicia da xestión da AP-9 e a que reclama a “devolución íntegra” dos cartos perdidos pola cidadanía en participacións preferentes ou outros instrumentos similares das entidades bancarias. 

O pleno do Congreso, nun intre do pleno da investidura de Pedro Sánchez © Congreso dos Deputados

Tanto a transferencia da AP-9 como a devolución das preferentes contaron en Galicia co apoio de PP e PSOE

As dúas proposicións de lei están pendentes de que o Goberno responda ao Congreso se pon algún impedimento á súa tramitación, algo que no caso da AP-9 xa descartara na anterior lexislatura antes de que esta fose novamente disolta pola convocatoria das novas eleccións xerais. Ademais, o PSOE vén de asinar o seu compromiso coa transferencia “ao longo do ano 2020” no pacto asinado co BNG. Outra cousa serán as posibles rebaixas de peaxe tamén acordadas, que quedarán condicionadas á aprobación dos orzamentos do Estado. Canto á proposición de lei para a devolución das preferentes, é un texto que chegou ao Congreso co apoio unánime do Parlamento de Galicia, polo que se PSOE e PP manteñen a mesma postura en Madrid que en Santiago debería saír adiante.

Vítimas de Angrois amosaron o seu malestar por que nin BNG nin Unidas Podemos tivesen en conta as súas reclamacións nos acordos de investidura

Outra decisión que quedou pendente cando as anteriores lexislaturas foron interrompidas polas convocatorias electorais é a de establecer unhas conclusións para a comisión de investigación política sobre o accidente de Angrois. Posta en marcha grazas ao acordo da maioría dos grupos agás o PP, as súas comparecencias remataron hai un ano pero non deu tempo a elaborar esas conclusións antes das eleccións. Malia que a cuestión non foi incluída nin no acordo de investidura do BNG nin no de Unidas Podemos -cuestión que causou malestar na plataforma de vítimas, que poñen o foco en que a súa prioridade é a investigación técnica reclamada pola UE-, tanto os nacionalistas como Galicia en Común apostaron nas sucesivas campañas por retomar os traballos onde quedaran. 

Manifestación de afectados polas preferentes CC-BY-SA galizavideos.info

O Goberno tamén ten pendente de concretar unha reforma do regulamento da Lei de Costas para reducir os prazos das concesións no litoral

Ademais destas cuestións que dependen do Congreso e que xa contan con iniciativas presentadas ou coa tramitación avanzada e con apoios maioritarios, hai outras decisións políticas con relevancia para Galicia que tampouco dependen da aprobación duns novos orzamentos estatais. Entre elas está a reforma do regulamento da Lei de Costas na que o Goberno leva meses traballando para reducir, pola vía dunha nova interpretación da lei, o tempo das concesións no litoral. 

Os socialistas queren que as prórrogas das concesións se conten desde a data da concesión orixinal en vez de sumarse a continuación, como fixo o Goberno de Rajoy ao ampliar os prazos de Ence. A reforma intentará deixar esa cuestión clara para o futuro, afectando a numerosas instalacións de todo tipo no litoral galego, mentres que o caso de Ence está pendente de dirimirse nos xulgados, onde os socialistas mudaron na pasada lexislatura a postura do Goberno de Rajoy agora veñen de ratificar no seu acordo co BNG que está “a favor do traslado da planta de Ence a outro enclave máis adecuado ambiental en Galiza, a través dunha fórmula que permita manter o emprego”.

A derrogación da reforma laboral ou reforzar a lei contra a violencia de xénero son outras decisións que o Congreso pode ir tomando sen agardar polos orzamentos, pero máis complexas

Nos acordos asinados con BNG e Unidas Podemos hai outras moitas decisións que o Goberno ou o Congreso pode ir tomando sen ter que agardar polos orzamentos do Estado, como derrogar a reforma laboral ou reforzar a lei de loita contra a violencia de xénero, pero ao igual que a reforma do regulamento da Lei de Costas son textos dunha maior extensión e complexidade que os anteditos sobre a AP-9 ou as preferentes ou que a decisión de elaborar as conclusións sobre Angrois.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.