O auditorio municipal de Ribeira é unha infraestrutura politicamente significativa na principal vila do Barbanza. Foi financiada pola Xunta e o PP agardaba poder inaugurala dende a alcaldía da localidade en 2023. Pero acabou entrando en servizo en 2024 co bastón de mando nas mans de Luís Pérez Barral (BNG) e co Goberno galego optando por un perfil institucional baixo no evento.
"A dignidade deste concello non se negocia", proclama Pérez Barral pouco antes de perder unha alcaldía á que Pontón augura que volverá en 2027
O algo máis de milleiro de localidades do auditorio quedaron escasas este pasado xoves para o último gran acto público de Pérez Barral como rexedor. O vindeiro luns 13 perderá a alcaldía por mor da moción de censura formulada polo PP (10 concelleiros) canda 3 dos 5 edís do Partido Barbanza Independiente (PBBI), formación xurdida en 2019 como escisión dos populares e que en 2023 propiciou un histórico cambio político da man do Bloque (5 edís) e do PSdeG (1). O rexeitamento á operación virou en concorrido acto do Bloque en apoio ao aínda alcalde, descualificado acto seguido con mofas da dirección galega do PP.

Vén sostendo Pérez Barral que non existen motivos "obxectivos" para a censura vinculados á xestión do goberno. "Está sustentada en intereses particulares e partidistas", proclamou acompañado por Ana Pontón nun mitin onde a concorrencia eu en lle provocar as bágoas de emoción en varias ocasións. Pero "a dignidade deste Concello non se negocia" e por iso animou a militantes e simpatizantes nacionalistas a recoñecer con aplausos "a quen non se deixa corromper", os ata agora edís do PBBI Juan Furones e Tania Redondo, que se desmarcaron da censura, "persoas valentes" que "souberon antepoñer a súa dignidade e defender a veciñanza".
Pontón ve na moción a "constatación de que o BNG estaba a facer un excelente traballo" que a "dereita caciquil" quere frear. "A choromicada coa moción de censura de Ribeira deixa ben claro que non saben onde están", retrucan os conservadores
De "dignidade" falou Pérez Barral en varias ocasións, tamén para augurar que será unha "marea" desa calidade a que permita ao BNG "volver gobernar en Ribeira" en 2027. "Sorride, porque imos gañar!", alentou a unha concorrencia ante a que a portavoz nacional da formación soberanista tamén ase amosou convencida de que "Luís Pérez volverá ser o gran alcalde que Ribeira merece" tras o seguinte paso polas urnas.
"Poderán quitarnos o goberno cunha moción vergoñenta, pero non a razón nin a vontade de facer de Ribeira un lugar mellor para a maioría", di Pontón. A censura dos populares xunto a parte do PBBI non é máis, cre, que a "constatación de que o BNG estaba a facer un excelente traballo" á fronte do Concello, ante o que a "desesperación" do PP actúa cun intento de "volver aos tempos escuros da dereita caciquil". Pero "gobernar para a maioría sempre é máis digno que calquera interese oculto".
Apenas unha hora despois do acto do Bloque en Ribeira, a dirección galega do PP saía ao paso a través da súa secretaria xeral, Paula Prado, peza clave en movementos municipais coma este que o partido intensifica nos últimos meses. "A choromicada do BNG coa moción de censura de Ribeira deixa ben claro que non saben onde están. En que momento poden pensar que con 5 concelleiros de 21 teñen un goberno estable e contan co apoio dos veciños?", pregúntase a 'número dous' de Alfonso Rueda.