O BNG denuncia "intereses persoais e partidistas" tras o "escuro pacto" da moción de censura en Ribeira

Rolda de prensa do alcalde de Ribeira, Luis Pérez Barral, acompañado de edís e militantes © BNG Ribeira

O aínda alcalde da localidade, Luís Pérez Barral (BNG), salienta que a razón pola que "tumban este goberno" é porque "saben que funciona”

A moción de censura presentada por PP e PBBI en Ribeira que previsiblemente entregará aos populares a alcaldía o vindeiro 13 de outubro segue a xerar reaccións e duras críticas entre as forzas de esquerda. En rolda de prensa o aínda alcalde da localidade, Luís Pérez Barral (BNG), salientou que a razón pola que "tumban este goberno" é porque "saben que funciona” e cualificou de "bochornosa" a moción de censura, que responde "unicamente" a "intereses persoais e partidistas" e a "un pacto escuro, tecido ás costas da cidadanía"

Neste senso, o rexedor alertou da existencia de "coaccións" e posibles "intereses económicos persoais" para asinar a moción e lembrou que "moitos dos que hoxe asinan esta moción recoñeceran no 2023 que sufriran presións e mesmo tentativas de suborno para impedir que chegáramos a un acordo co BNG".

Mariño, líder do PBBI, terma do bastón de mando durante a toma de posesión de Pérez Barral (BNG) © PBBI

O rexedor alertou da existencia de "coaccións" e posibles "intereses económicos persoais" para asinar a moción 

"É vergoñento comprobar como o Partido Popular é capaz de facer o que sexa para acadar o poder, mesmo a costa de poñer en risco a estabilidade do noso concello e de traizoar a confianza depositada polos veciños", afirma o alcalde, que denuncia o "bloqueo" exercido dende a Xunta nos últimos meses

Pérez Barral conclúe que esta moción se presenta "contra un goberno que funciona, un goberno transparente, dialogante e que sempre puxo os dereitos e os intereses da veciñanza por diante das siglas e dos intereses particulares", engadindo que "a cidadanía de Ribeira non merece que se antepoñan ambicións persoais nin que regresen as vellas formas de gobernar".

Pontón: o PP, "disposto a todo para frear un BNG á alza"

Para Ana Pontón a moción "é a proba tamén de que o PP está disposto a todo para frear un BNG á alza"

Neste mesmo senso, a líder do BNG, Ana Pontón, concordou en que a moción de censura "é a proba de que o goberno municipal do BNG que lidera o alcalde Luís Pérez está facendo un bo traballo”. E engadiu que "é a proba tamén de que o PP está disposto a todo para frear un BNG á alza".

Pontón sinalou que “ao alcalde fáiselle unha moción de censura por facer ben o seu traballo, por ser un alcalde que abriu un tempo novo no Concello, que estaba gobernando con transparencia, con igualdade e modernizando Ribeira”. A voceira nacional do BNG amosouse convencida de que “dentro de dous anos a cidadanía responderá democraticamente a esta bochornosa moción de censura.

Ana Pontón, este martes en Ferrol © BNG

PSdeG: o PP ten "urxencia por recuperar o poder sen pasar polas urnas"

"A moción promovida polo PP demostra que non teñen un proxecto para Ribeira, senón unha urxencia por recuperar o poder sen pasar polas urnas", denuncian o PSdeG

Pola súa banda, o PSdeG de Ribeira, que ata agora formaba con BNG e PBBI o tripartito que gobernaba o concello, manifestou o seu "firme rexeitamento á moción de censura anunciada polo Partido Popular e o PBBI, unha manobra de reparto de poder entre bastidores que non responde ao interese xeral da cidadanía, senón a cálculos partidistas".

"A moción promovida polo PP demostra que non teñen un proxecto para Ribeira, senón unha urxencia por recuperar o poder sen pasar polas urnas", denuncian os socialistas, que engaden que "mentres eles pactan no escuro, nós estamos na rúa, escoitando, propoñendo e traballando día a día por un futuro mellor para o noso concello".

O PSdeG anuncia "o inicio dunha nova etapa política en Ribeira, cunha ofensiva social e política para lograr a alcaldía nas municipais de 2027 aberta a toda a cidadanía, construíndo unha alternativa real de goberno que devolva a dignidade, a igualdade de oportunidades e o progreso ao Concello". "O noso obxectivo é claro, construír o mellor proxecto político para que Ribeira teña unha alcaldía socialista", conclúen

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.