"Si no abrante d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicions, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única". Así comezaba o histórico discurso que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao pronunciou hai xusto hoxe 70 anos, noutro Día Nacional de Galicia, pero de 1948, en Bos Aires.
Foi Alba de Groria a derradeira peza oratoria que enunciou o escritor e político rianxeiro, ano e medio antes do seu falecemento na cidade arxentina, daquela capital da emigración galega e do exilio galeguista e republicano en plena posguerra. Fíxoo co gallo do festival do Centro Gallego de Bos Aires, celebrado no Teatro Argentino da cidade. Unhas verbas que foron máis aló dunha reivindicación da "festa maor de Galiza, a festa de todol-os galegos" ou do país, senón que tornou, pola súa relevancia e as circunstancias históricas, nun símbolo político do soberanismo e do nacionalismo galego, un texto que reflicte como poucos os propósitos e o ideario de todo este movemento político.
O histórico 'Alba de Groria' cumpre 70 anos: Castelao pronunciou o discurso no 25 de xullo de 1948 en Bos Aires
Os dous primeiros parágrafos do discurso xa foran escritos un ano antes e forman parte do primeiro capítulo do libro IV de Sempre en Galiza. Pouco despois da morte de Castelao, no ano 1951, o Centro Gallego quixo homenaxear a histórica figura publicando a versión orixinal de Alba de Groria --xunto cunha tradución ao castelán de Eduardo Blanco Amor--, un exemplar que foi divulgado pola Real Academia Galega e que se pode consultar e descargar aquí mesmo. "Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares".
Exemplar do Alba de Groria de Castelao editado polo Centro Galego de Bos Aires en 1951. Divulgado pola Real Academia Galega