Os socialistas salientan na súa tradicional ofrenda a Castelao en Rianxo o seu “compromiso galeguista e federalista”
O PSdeG celebrou o Día Nacional co seu xa tradicional acto de homenaxe a Castelao ante o seu busto en Rianxo. Alí o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, apelou a que a súa formación sexa “a bandeira da reforma do Estatuto de Autonomía”.
Caballero dixo que este 25 de xullo non ía “poñer deberes ao señor Feijóo” senón que a si mesmo e ao PSdeG para impulsar a reforma do Estatuto. “Este 25 de xullo non basta con celebrar, hai que facer, e só os e as socialistas podemos construír a Galicia do século XXI, unha Galicia moderna, que reclama o seu papel en España e en Europa, innovadora, sostible, desenvolvida, aberta ao mundo”, asegurou.
“Non queremos ser parte nin da Galicia acomplexada de Feijóo, nin da Galicia illada do nacionalismo galego”
O socialista, en todo caso, si tivo mensaxes para as outras formacións políticas. “Non queremos ser parte nin da Galicia acomplexada de Feijóo, nin da Galicia illada do nacionalismo galego”, dixo senón dunha “Galicia protagonista en España e en Europa, e para iso necesitamos un PSdeG forte, federalista, socialdemócrata e galeguista”.
Este venres, de cara ás celebracións do 25 de xullo, Caballero reivindicou o “compromiso galeguista e federalista” do PSdeG. “Traballamos en Galicia, por Galicia e para Galicia”, asegurou, para engadir que “a historia do PSdeG é tamén a historia de Galicia e que “o galeguismo ten que seguir impregnando ao socialismo galego cara os retos de futuro”.
Caballero salientou que este ano é o corenta aniversario do Estatuto de Autonomía e avanzou que, superada a pandemia, tocará “o reto de actualizar” o texo para “así garantir novos dereitos para os galegos e galegas do século XXI”. “Cómpre facelo para dar compromiso e esperanza ás novas xeracións de galegos e galegas que queren vivir nun modelo actualizado ao século XXI”, engadiu.
Xa este sábado, en Rianxo, o acto dos socialistas en lembranza de Castelao, contou coas intervencións, ademais de Caballero, entre outros, do ex-ministro de Xustiza Francisco Caamaño, da ex-presidenta do Parlamento Dolores Villarino ou do presidente do PSdeG e senador Xoaquín Fernández Leiceaga. O acto rematou cunha actuación de Luis Emilio Batallán.