O rei, protagonista dos actos institucionais do Día Nacional de Galicia, apela ao apóstolo como símbolo da “unidade de España"

O rei entrega a Medalla de Galicia 2021 ao persoal do dispositivo de vacinación contra a COVID-19 © Casa Real

O xefe do Estado presentou á coroa como "continuidade da nosa nación na historia" que "vive e se expresa en linguas e culturas tan ricas como a galega”

No primeiro Día Nacional en nove anos no que a Xunta organiza un acto oficial propio, a entrega das Medallas de Galicia, que volveron á súa xornada tradicional e deixaron de lembrar o accidente de Angrois, o protagonismo institucional foi para o xefe do Estado, o rei Felipe VI, no relixioso, o político e o económico-cultural. O monarca repetiu a tradición dos seus antepasados de ser el en persoa o que, en Ano Santo Xacobeo, realiza a ofrenda ao Apóstolo na Catedral. Pero tamén é el o encargado de presidir a entrega das Medallas de Galicia que outorga a Xunta así como o Real Padroado que coordina actuacións en Compostela en materia de infraestuturas e conservación do patrimonio por parte dos gobernos estatal, galego e municipal así como do arcebispado e a universidade, reunión que tamén conta coa presenza do presidente Pedro Sánchez, chegado pouco antes dunha viaxe oficial aos Estados Unidos.

Parada militar no Obradoiro, primeiro acto institucional deste domingo antes da misa central do Ano Santo © Patrulla Águila

O primeiro acto institucional do día foi unha parada militar na praza do Obradoiro previa á misa central do Ano Santo que contou cunha pasada a baixa altura da Patrulla Águila de acrobacias das forzas aéreas durante a que pintou a bandeira de España no ceo de Compostela. Xa na Catedral, o rei dixo “renovar” ante o apóstolo “a ofrenda dun pobo que quere ser agradecido” e comezou salientando o papel no último ano das persoas que axudaron a outras persoas durante a pandemia do coronavirus.

O xefe do Estado salientou a “cultura xacobea que inspira desde Galicia a unidade de España”, “esa cultura que nos di que os pobos constrúenese sobre a súa personalidade e tamén co que teñen en común con outros pobos”. A súa intervención, ata ese momento en castelán, pasou nese punto ao galego para “invocar de novo o apóstolo que simboliza a unidade” e salientar que “arredor del, como as apertas que lle dan os peregrinos, uniuse España e únese Europa”.

“Somos unha nación vencellada polo pasado, polo presente e polo futuro, que vive e se expresa en linguas e culturas tan ricas como a galega”, dixo Felipe VI, que engadiu que “a coroa simboliza o seu carácter de ponte entre pasado, presente e futuro” e “a continuidade da nosa nación na historia”.

O arcebispo censurou que "o individualismo e o egoísmo inspiran actitudes insolidarias e escépticas” e dixo rezar polas vítimas de Angrois, os falecidos polo coronavirus e as persoas que “perderon a vida por causa da violencia sempre irracional”

Pola súa banda, na súa homilía o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, apelou a unha “busca paciente da verdade para promover a cultura do coidado común que nos posibilita comprender a unidade e a historia dos pobos de España, vertebrada co común de todos e o específico de cada un”. Barrio asegurou que “nunha civilización occidental coa alma mermada, xa xorden non poucas voces de pensadores fóra do cristianismo que afirman que necesitamos a Cristo” engadindo que “só el dá a esperanza para que a vida non se vexa condenada á insignificancia, pero a esperanza é inseparable do amor solidario”, e sentenciou que “o individualismo e o egoísmo inspiran actitudes insolidarias e escépticas”.

O rei durante a ofrenda ao apóstolo deste 25 de xullo © Catedral de Santiago

Fronte ao esquecemento oficial da Xunta deste sábado, o arcebispo tivo palabras este domingo para “as persoas que morreron no accidente ferroviario” de Angrois así como para “as falecidas na pandemia”, polas que dixo rezar “pedindo que canto antes nos vexamos liberados dela e agradecendo a dedicación e entrega do persoal sanitario”. Tamén reza, di, polas persoas que “perderon a vida por causa da violencia sempre irracional”.

O Real Padroado da Cidade de Santiago planificou actuacións por 280 millóns ao longo da próxima década, entre elas a reforma do perímetro do casco vello

Xa pola tarde, e coa presenza de Pedro Sánchez, a primeira hora a reunión do Real Padroado de Santiago, que non se reunía desde hai 18 anos, saldouse coa planificación de diversas actuacións na cidade ao longo da próxima década por importe conxunto duns 280 millóns de euros. Entre elas destaca o denominado proxecto “dobre anel” que busca reordenar os espazos que rodean a améndoa do casco histórico cun investimento duns 45 millóns. Un primeiro anel sería a histórica travesía da cidade, o eixo norte-sur que atravesa Compostela desde San Caetano ata a Alameda bordeando o leste do casco vello e coa remodelación da céntrica praza de Galicia como actuación máis significativa. Un segundo anel sería o formado polos espazos verdes da cidade, que se pretenden vencellar máis directamente.

Reunión do Real Padroado presidido polo rei e coa asistencia do presidente Pedro Sánchez © Xaime Cortizo

O plan de actuacións tamén prevé mellorar a xestións dos fluxos da cidade histórica, con novas ferramentas tecnolóxicas, e proseguir coa rehabilitación do patrimonio histórico construído. No plan estratéxico do padroado tamén se mantén o sostemento da Real Filharmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais.

O rei entregou a Medalla de Galicia que outorga a Xunta ao dispositivo de vacinación contra a COVID, acto no que Feijóo defendeu a Constitución como marco de garantía do Estatuto e no que Sánchez falou de Galicia como unha “terra cunha identidade orgullosamente rural”

Posteriormente, o último acto institucional do día, coa presenza igualmente do rei e de Pedro Sánchez, foi a entrega da Medalla de Galicia ao persoal do dispositivo de vacinación contra a COVID, novamente no día 25 no que se entregaron tradicionalmente estes galardóns. Ao igual que no resto de actos da xornada, o rei foi o protagonista ao ser el o encargado de entregar fisicamente a distinción que outorga a Xunta, recollida de xeito simbólico pola enfermeira que administrou a primeira vacina en Galicia, o 27 de decembro na residencia Porta do Camiño de Santiago.

Tras un vídeo no que se salientou o ritmo de vacinación de Galicia a respecto do resto do Estado sen sinalar a maior porcentaxe de persoas de máis idade que hai no país, o presidente Feijóo pronunciou un discurso no que empregou durante máis tempo o castelán que o galego e no que presentou Galicia como “unha identidade fraternal” que “forma parte da síntese que é España, o espazo no que nos damos a man con pobos irmáns”. O presidente da Xunta tamén fixo unha defensa da Constitución como “marco institucional” que garante o Estatuto de Autonomía que este ano fai 40 anos. Na súa intervención Feijóo tivo a primeira lembranza oficial deste ano por parte da Xunta ao accidente de Angrois, “traxedia que non esquecemos”.

Entrega a Medalla de Galicia 2021 ao persoal do dispositivo de vacinación contra a COVID-19 © Casa Real

No acto tamén interveu Pedro Sánchez, quen salientou os investimentos do Real Padroado en Santiago e, como Feijóo, o ritmo de vacinación, no seu caso a nivel estatal. Sánchez falou de Galicia como unha “terra cunha identidade orgullosamente rural” que se beneficiará da aposta do Goberno de España polo reequilibrio territorial e avanzou que “a partir da próxima semana” comezarán a aplicarse as rebaixas de peaxes na AP-9, que este luns serán concretadas pola ministra de Transportes na Delegación do Goberno na Coruña.

Compostela está a rexistrar unha notable afluencia de persoas malia as restricións pola pandemia

Todos estes actos institucionais foron producíndose nunha xornada na que, como o resto da fin de semana, a cidade de Compostela está a rexistrar unha notable afluencia de persoas malia as restricións pola pandemia.

Durante toda a fin de semana rexistráronse aglomeracións en distintos puntos de Santiago, como na oficina do peregrino na que se entregan as compostelas CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.