Un acto da Xunta no Día Nacional de Galicia, nove anos despois e co rei

Bandeira galega no complexo administrativo de San Caetano, sede central da Xunta CC-BY-NC-SA Praza Pública

A última vez que a Xunta organizou un acto de seu durante o Día Nacional de Galicia, Alberto Núñez Feijóo só gañara unha vez as eleccións como candidato do PP á presidencia. Mariano Rajoy encabezaba o Goberno de España dende había apenas medio ano e Caixa Galicia e Caixanova conformaban unha única entidade chamada Novacaixagalicia que, pouco antes, se vira obrigada a bancarizarse e que aínda non precisara un rescate milmillonario.

Estas referencias temporais son unha boa mostra do tempo que o Goberno galego leva ausente da conmemoración dun día que, dende o retorno do PP ao poder en 2009, evita adxectivar como "Nacional" malia ser a nunca derrogada denominación oficial da celebración. Aquel afastado 25 de xullo de 2012, a Xunta entregou a Medalla de Ouro de Galicia a tres axentes de policía que morreran nun rescate na Coruña, á Academia de Medicina e Cirurxía e ao grupo MIlladoiro. No acto, o mesmo Feijóo que un mes despois adiantaría as eleccións gabárase de que o seu Goberno estaba a recortar menos ca outros.

Entrega das Medallas de Galicia o 25 de xullo de 2012, último ano ata este 2021 no que o evento se celebrou durante a xornada do Día Nacional Dominio Público Xunta

Ao ano seguinte, en 2013, a entrega da Medalla de Ouro tamén se ía celebrar o 25 de xullo, pero o acto foi suspendido polo accidente de Angrois. En 2014, a Xunta decidiu retomar a entrega do galardón, concedido a vítimas e persoal que interveu no sinistro,  pero trasladándoa ao día 24 malia á oposición de parte dos afectado. Nos seguintes seis anos, ata o pasado 2020, ese único acto do Goberno galego seguiu no mesmo 24, sen actividade ningunha da Xunta durante o Día Nacional de Galicia.

Tras a suspensión da entrega das Medallas en 2013 polo accidente de Angrois, o Goberno galego alegou a lembranza do sinistro para trasladar ao día 24 o acto que viña facendo as veces de celebración dun día ao que o actual Executivo retira o cualificativo oficial de "Nacional"

Esa xeira interrómpese neste 2021. A Medalla de Ouro de Galicia, concedida nesta ocasión ao persoal do dispositivo de vacinación contra a COVID, volve ser entregada na tarde do 25 de xullo, como sucedeu cos gobernos que precederon ao de Feijóo e como fixo tamén o gabinete do actual presidente no seu primeiro trienio. O Executivo galego adiantou que na cerimonia estaría o rei Felipe VI, presente nese día en Santiago para participar na ofrenda da Casa Real ao Apóstolo e mais encabezar xunto a Pedro Sánchez unha sesión do Real Padroado da cidade, órgano que non se reúne dende 2003.

Retorna así, condicionada pola presenza do monarca, unha entrega das medallas que dende a volta do PP á Xunta fixo as veces de celebración oficial do Goberno polo Día (Nacional) de Galicia. Todo, malia á limitada repercusión pública que o evento adoita ter, o situarse na segunda metade da tarde dun día festivo. Esta era a dinámica tamén no Goberno de coalición de PSdeG e BNG, que non obstante desenvolvía durante o día 24 o acto d'A Véspera, unha recepción o día 24 a diferentes colectivos cidadáns na residencia oficial de Monte Pío, onde se izaba a bandeira galega para a ocasión. 

Breve historia do Día Nacional, nun vídeo producido por Praza.gal en 2017 CC-BY-NC-SA Gonzalo Ballesteros

Agora, a residencia oficial apenas é utilizada e o acto foi suprimido no propio 2009. A Xunta do PP tampouco utilizou ningún 25 de xullo ata agora outro recurso que ten á súa disposición para conmemorar a data. Cando, no ano 2010, a Igrexa católica recuperou a titularidade do convento compostelán de San Domingos de Bonaval -fóralle retirada na desamortización de 1835-, que alberga o Panteón de Galegos Ilustres, a Xunta asinou un acordo co Arcebispado de Santiago que lle permite celebrar "determinados actos" no recinto cinco días ao ano. "Unha das datas nas que se reservará expresamente para a súa posible utilización para a celebración de actos institucionais será o 25 de xullo, día de Galicia", dicía un precepto daquel acordo. Ata agora, segue sen utilizar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.