O Goberno galego devolve os galardóns á súa xornada tradicional tras sete anos desprazados á véspera malia ás críticas de vítimas por escurecer as súas reivindicacións de xustiza
Tras o accidente do tren Alvia do 24 de xullo de 2013 que deixou 80 mortes e 150 persoas feridas, ao ano seguinte a Xunta decidiu que a Medalla de Galicia, o seu máximo galardón que tradicionalmente viña entregando o propio Día Nacional de Galicia, o 25 de xullo, sería outorgada na véspera, coincidindo co primeiro aniversario, ás vítimas do sinistro, a veciñanza de Angrois e o persoal dos servizos sanitarios e de seguridade que axudaron aos afectados. Desde aquel 2014 e ata o pasado 2020 as Medallas de Galicia, único acto oficial propio da Xunta polo Día Nacional, seguiron entregándose o día 24 de xullo en lembranza de Angrois. Ata este 2021, en que volven ao día 25, rematando así a relación da data co accidente.
En 2014 a policía impediu que afectados polo accidente accedesen ao acto de entrega das medallas que a Xunta outorgou aquel ano a vítimas, veciñanza de Angrois e persoal sanitario e de seguridade que axudara no sinistro
O propio presidente Feijóo argumentou en 2014, cando anunciou o adiantamento ao día 24 da entrega das medallas, que era para as vítimas do accidente “para quen facemos esa data concreta, en honra deles”. Facíao malia que a plataforma de vítimas do accidente se amosaba en contra dese cambio, que consideraba, e seguiu considerando nos anos seguintes, que supuña unha apropiación por parte da Xunta dos aniversarios do accidente mentres tanto o Goberno galego como o estatal non estaban a colaborar coas súas reclamacións de xustiza para que se aclarasen todas as circunstancias do accidente. De feito, tras organizar en 2014 a entrega das medallas o día 24 en contra da opinión da plataforma de vítimas, a policía impediu que varios afectados puidesen acceder ese día ao acto, na Cidade da Cultura.
A Xunta mantivo a entrega das medallas a todo tipo de persoas e colectivos nos anos seguintes no día 24 malia ás críticas da plataforma de vítimas, que vía como as súas manifestacións polas rúas de Santiago ao mediodía e as súas concentracións na curva de Angrois polas tardes, á hora do accidente, tiñan que competir na atención mediática cos galardóns do Goberno galego que en anos posteriores xa non tiñan nada que ver co sinistro. De feito, en 2019 o discurso oficial do presidente Feijóo na entrega daquel día 24 nin sequera lembrou o accidente nin fixo ningunha reflexión sobre a data adiantada na que estaba a entregar uns galardóns que anteriormente se viñan entregando o 25.
A entrega de medallas deste ano contará coa presenza do Rei Felipe VI
Este 2021, tras sete entregas de medallas no día 24, a Xunta volve organizar o acto o 25 de xullo, o Día Nacional. Será ás 18.30 horas na Cidade da Cultura e a cerimonia contará coa presenza do Rei Felipe VI, que pola mañá realizará el mesmo a tradicional ofrenda relixiosa do 25 de xullo ao apóstolo Santiago na catedral, como adoitan facer os monarcas españois nos anos santos xacobeos, fronte á designación dun delegado rexio nos anos non xacobeos. O galardón deste 2021 é para todo o persoal ligado ao dispositivo de vacinación contra a COVID-19.