"Catro gobernos e catro ministros de Fomento e aínda non hai unha investigación técnica independente como reclama a UE", lamenta a plataforma de vítimas
Como en cada un dos sete aniversarios anteriores, este 24 de xullo vítimas e familiares de falecidos na curva de Angrois en 2013 manifestáronse polas rúas de Santiago, entre a estación á que nunca chegou o tren Alvia e a praza do Obradoiro, para reclamar xustiza e responsabilidades políticas polas 80 persoas falecidas e 145 feridas.
Oito anos despois a instrución xudicial vén de rematar agora co maquinista do tren e un ex-cargo de Adif acusados pero aínda non hai data para o xuízo, o que fai que xa levase máis tempo investigar o accidente que proxectar e construír a liña de alta velocidade na que ocorreu. No plano político, a plataforma de vítimas segue reclamando que os ex-ministros José Blanco e Ana Pastor asuman responsabilidades por poñer o foco no maquinista e dificultar a investigación do accidente e acusan aos seus partidos de intentar protexelos dificultando as investigacións.
Este sábado, tras a manifestación, no Obradoiro os afectados leron un manifesto no que salientaron que "ao longo destes anos vítimas e familiares tivemos que ir a Europa para ser tratados como verdadeiros cidadáns e loitar moito para desmontar a verdade oficial", un tempo no que xa pasaron "catro gobernos e catro ministros de Fomento e aínda non hai unha investigación técnica independente como reclama a UE".
O BNG anunciou este venres que pedirá no Congreso con outras formacións nacionalistas que se retome a comisión de investigación política do sinistro que quedou interrompida en 2019
Na manifestación deste ano as vítimas estiveron acompañadas por unha representación do BNG encabezada pola súa portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, especialmente activa desde o accidente na asistencia aos afectados en diversos trámites que dependeron da Unión Europea. Este venres o BNG anunciou ademais a presentación, xunto con outras formacións nacionalistas, dunha solicitude formal no Congreso dos Deputados para que se retome a comisión de investigación política do sinistro que rematou a comezos de 2019 sen chegar a emitir as súas conclusións polo adianto das eleccións xerais. Na marcha deste sábado tamén acompañaron ás vítimas, como en anos anteriores, representantes doutras formacións como Anova, Compostela Aberta ou Ciudadanos.
Este ano o Goberno galego decidiu obviar o aniversario do sinistro na súa axenda oficial
Pola tarde, a partir das 19 horas, as vítimas concentráronse novamente na curva de Angrois nun acto en lembranza dos falecidos. Poesías, música e intervencións en lembranza das persoas que xa non están precederon a unha ofrenda floral no cruceiro do lugar coas tradicionais 80 rosas brancas simbolizando as 80 vidas perdidas, ás que se engadiu unha rosa vermella lembrando tamén as mortes pola COVID-19.
Foi nunha xornada na que, por primeira vez nos últimos sete anos, a Xunta deixou de lembrar o accidente coa propia data de entrega das súas Medallas de Galicia, que devolveu ao día 25.Tras sete anos adiantando o acto ao día 24 co argumento de lembrar o accidente de Angrois e malia as críticas da plataforma de vítimas polo que consideraban un intento de desviar a atención mediática das súas protestas, este ano o Goberno galego decidiu obviar o aniversario do sinistro na súa axenda oficial.