“Durante oito anos coñecemos feitos moi graves que xamais se xulgarán pero que si teñen responsabilidade política”, di a plataforma de afectados, que este sábado maniféstase en Santiago no oitavo aniversario do accidente
Tras o auto deste mércores que decreta a apertura de xuízo oral contra o maquinista e un ex-cargo de Adif polo accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013, a plataforma de vítimas do sinistro manifestarase este sábado pola mañá polas rúas de Santiago, no oitavo aniversario, poñendo o foco na responsabilidade política dos ex-ministros José Blanco e Ana Pastor. “Durante oito anos fomos coñecendo feitos e condutas moi graves que xamais se xulgarán nos tribunais, pero que si teñen unha clara responsabilidade política”, di a plataforma de vítimas, que pregunta a Blanco e Pastor “por que non asumides xa a vosa responsabilidade?” Así o transmiten nun vídeo que veñen de divulgar.
A plataforma de vítimas xa admitiu hai tempo que non se pode facer responsables directos aos ex-ministros socialista e popular do accidente, e o propio ex-cargo de Adif acusado por non garantir a seguridade da liña de AVE Ourense-Santiago asegurou que non recibiu presións políticas para tomar as decisións que tomou. Pero os afectados critican varias das decisións políticas de Blanco e Pastor.
Á ex-ministra popular cualifícana como “a persoa que máis traballou desde as institucións públicas para ocultar as causas dunha traxedia”, con feitos como non garantir unha investigación técnica independente do accidente ou non cumprir coa súa promesa de que os departamentos baixo as súas ordes colaborarían coa xustiza.
Do ex-ministro socialista salientan que “publicitou a bombo e platillo que a nova liña de alta velocidade contaba cos sistemas de seguridade que evitarían o accidente” pero que “quedou demostrado que non era verdade”.
“Unha proba máis das responsabilidades políticas de ambos os dous son os procedementos de infracción que a UE abriu a España por incumprir a normativa de seguridade: deficiencias en análises de riscos e investigacións...”, ende a plataforma, que acusa aos dous de “contaminar á opinión pública, culpabilizando ao último elo da cadea, o maquinista”.
“Ao longo destes anos vítimas e familiares tivemos que ir a Europa para ser tratados como verdadeiros cidadáns e loitar moito para desmontar a verdade oficial, mentres unha está de vicepresidenta no Congreso e outro de conselleiro de Enagás, empresa controlada polo Estado”, conclúen as vítimas.
Na mañá deste sábado as vítimas manifestaranse entre a estación de tren e o Obradoiro e pola tarde concentraranse na curva de Angrois
Con estas críticas de pano de fondo, este sábado a plataforma iniciará ás 11.00 horas a súa tradicional marcha entre a estación de tren e a praza do Obradoiro, onde ás 12.00 horas lerán o seu comunicado. Pola tarde, ás 18.00 horas haberá unha misa na colexiata do Sar e a partir das 19.00 horas unha concentración na curva de Angrois na que ocorreu o accidente.