O auto de apertura de xuízo oral establece ás aseguradoras de Adif e Renfe unha fianza de 57,8 millóns de euros, aínda que parte das indemnizacións ás vítimas xa foron adiantadas
A tres días do oitavo aniversario do accidente e tres meses e medio despois de que a Audiencia Provincial da Coruña avalase a súa proposta de dar por rematada a investigación penal, o xuíz instrutor do sinistro, Andrés Lago, emitiu este mércores o auto no que decreta a apertura de xuízo oral, nunha data aínda non fixada, contra o maquinista do tren Alvia, Francisco José Garzón, e o ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte.
Os dous serán xulgados ao mesmo nivel como presuntos responsables de 80 delitos de homicidio por imprudencia e 145 delitos de lesións. O auto establece que as aseguradoras de Adif e Renfe (QBE Insurance Europe LTD e Allianz Global Corporate), empresas públicas para as que traballan Cortabitarte e Garzón, depositen unha fianza de 57,8 millóns de euros, aínda que parte das indemnizacións ás vítimas xa foron adiantadas.
A Audiencia sinalou o "desentendemento da tarefa que lle correspondía" por parte do maquinista e a "enorme lesividade do resultado e a relevancia da actuación" do cargo de Adif
Segundo a instrución realizada ao longo dos últimos oito anos, avalada o pasado abril pola Audiencia da Coruña, se o maquinista se despistou e non freou a tempo antes da curva de Angrois, o ex-cargo de Adif non analizou como obrigaba a normativa o risco que alí había dun exceso de velocidade por erro humano do condutor. No seu auto a Audiencia sinalou tanto o "desentendemento da tarefa que lle correspondía" por parte do maquinista como a "enorme lesividade do resultado e a relevancia da actuación" do cargo de Adif.
A maioría das partes secundan a petición da Fiscalía de catro anos de cadea para cada un dos acusados
Tras ese peche da instrución, o xulgado foi recibindo os escritos de acusación que formularon as partes presentes na causa, entre elas a Fiscalía a mediados de maio, que pediu catro anos de cadea para cada un dos acusados salientando que no caso de Cortabitarte “tiña que garantir que a liña era segura. Non o era”. Agora o auto de apertura de xuízo oral recompila as acusacións de todas as partes, que formulan peticións de condena similares á Fiscalía.
O auto de apertura de xuízo oral, que chega tras todo tipo de demoras, tamén establece que será o xulgado do penal de Santiago o competente para xulgar o caso, vista oral que aínda non ten data nin lugar de celebración. Por outra banda, en Santiago hai dous xulgados do penal, e nun deles o seu actual titular é o primeiro xuíz instrutor do accidente, Luiz Aláez, polo que o xuízo debera recaer no outro, no que actualmente é titular María Elena Fernández Currás, irmá da ex-conselleira popular de Facenda da Xunta Marta Fernández Currás.