A Audiencia da Coruña avala que un cargo de Adif sexa xulgado polos 80 mortos de Angrois ao mesmo nivel que o maquinista

O ex-director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, e o maquinista do Alvia, Francisco Garzón, nas súas comparencias no Congreso CC-BY-SA Praza Pública

A Audiencia da Coruña ratifica a proposta do instrutor, apoiada polo fiscal, de rematar a investigación e ir a xuízo case oito anos despois do sinistro

A Audiencia Provincial da Coruña vén de avalar a proposta do xuíz instrutor da causa, apoiada polo fiscal, de dar por rematada a instrución do accidente do tren Alvia do 24 de xullo de 2013 e que poida ser xulgado polo ocorrido non só o maquinista, Francisco Garzón, senón tamén o daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte. Segundo a investigación, se o primeiro se despistou e non freou a tempo antes da curva de Angrois, o segundo non analizou como obrigaba a normativa o risco que alí había dun exceso de velocidade por erro humano do condutor. Por iso, a Audiencia avala agora a proposta do xuíz de dar por rematada a instrución mantendo aos dous de cara ao xuízo como acusados en similar grao de 80 delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e de 144 delitos de lesións polo mesmo tipo de imprudencia. Contra a decisión da Audiencia non cabe recurso.

Tras esta decisión da Audiencia, que volve socavar a versión oficial de que o único responsable do sinistro fora o maquinista, o seguinte paso por parte do xulgado instrutor debera ser solicitar ás partes os seus escritos de acusación como paso previo a emitir o auto de apertura do xuízo oral.

Fragmento do auto da Audiencia da Coruña sobre a actuación do cargo de Adif CC-BY-SA Praza Pública

O auto sinala tanto o "desentendemento da tarefa que lle correspondía" por parte do maquinista como a "enorme lesividade do resultado e a relevancia da actuación" do cargo de Adif

O auto, de 25 páxinas, mantén a acusación sobre o maquinista, que desatendeu a condución para atender unha chamada telefónica que lle realizara o interventor do tren. Del di que “ao depender dos seus actos a vida e integridade física das persoas transportadas e atendido o seu grao de desentendemento da tarefa que lle correspondía, debe cualificarse provisionalmente a súa neglixencia como grave ou temeraria”. Similar cualificación mantén para o cargo de Adif, do que desestima que a súa imprudencia poida ser considerada “leve” pola “enorme lesividade do resultado e a relevancia da actuación do investigado, polo que ha de ser no eventual xuízo oral onde se examine, se é o caso, a definitiva cualificación da súa gravidade”.

A Audiencia da Coruña considera adecuado atribuír indiciariamente a Cortabitarte a responsabilidade pola “situación de perigo que non se analizou nin avaliou concretamente de forma apta para establecer medidas para excluílo”

Sobre a responsabilidade de Cortabitarte e non doutra persoa nas medidas de seguridade con que contaba a liña, a Audiencia di que o seu intento de exculpación deitando a responsabilidade noutros departamentos “non permite apreciar coa debida claridade que respecto da entrada en servizo da liña fose outra persoa ou órgano o que debera constatar o cumprimento das medidas de seguridade”. Noutro punto o auto insiste, a respecto do xeito en que Adif “exportou” ou “transferiu” o risco dos seus propios sistemas de seguridade ao maquinista, que “non cabe excluír a indiciaria responsabilidade da persoa competente en Adif –que non hai indicios de que sexa outra distinta do recorrente [Cortabitarte]- sobre o modo de transferencia do risco -non formalmente comunicado nin aceptado-”.

Fragmento do auto da Audiencia da Coruña que avala a proposta do instrutor de xulgar o maquinista o cargo de Adif como responsables do accidente de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

A Audiencia reitera que non se trata de que o sistema de seguridade propio do AVE, o ERTMS, non fose imperativo, senón de que a súa eliminación foi o que xerou “unha situación de perigo que non se analizou nin avaliou concretamente de forma apta para establecer medidas para excluílo”. Tamén fala ou auto dun "risco especial de descarrilamento que non foi percibido e atendido por Adif". O argumento de Cortabitarte de que, ao contrario do que manteñen os peritos, el non era o responsable de facer iso, di a Audiencia, será dilucidado no xuízo.

A decisión da Audiencia chega tras case oito anos dunha instrución que sufriu todo tipo de obstáculos, tanto por parte das administracións como polo propio funcionamento da xustiza

A decisión da Audiencia avala así o auto co que o pasado 22 de setembro o xuíz instrutor propuxo dar por rematada a investigación co maquinista e o cargo de Adif como únicos acusados tras estar a causa centrada no último ano en analizar unha denuncia sobre posibles eivas no tren que rematou arquivada por falta de probas, decisión que tamén avala agora a Audiencia. A análise desa cuestión durante o último ano conlevou novas demoras para unha instrución que nestes case oito anos sufriu todo tipo de obstáculos, tanto por parte das administracións (ocultacións de Renfe e Adif ou imposición por parte da Xunta de peritos sen experiencia) como por erros no propio funcionamento da xustiza.

A denuncia sobre eivas no tren chegou en outubro de 2019, cando a Audiencia estaba a piques de resolver (mesmo fixara a súa deliberación para o día 11 dese mes) sobre unha proposta similar á actual de pechar o caso con Garzón e Cortabitarte como únicos acusados que o instrutor xa formulara un ano antes, en decembro de 2018. Tanto naquel auto como no deste pasado setembro o xuíz instrutor puxo o foco na falta de avaliación de riscos por parte de Cortabitarte tanto da liña de AVE Ourense-Santiago antes da súa inauguración en 2011 como da desconexión do sistema de control da velocidade a bordo dos Alvia en 2012, un ano antes do sinistro.

O xuíz xa propuxera rematar a investigación e ir a xuízo nunha terceira ocasión anterior, a finais de 2015, daquela co maquinista como único acusado, pero a Audiencia ordenáralle investigar mellor se Adif analizara como debía os riscos existentes na liña de AVE. Froito desas novas investigacións obrigadas pola Audiencia foi como acabou novamente imputado Cortabitarte, do que o instrutor salienta que foi el “o que emite o Certificado de Seguridade da vía, requisito previo imprescindible sen o cal non sería posible dar inicio á súa explotación, e emíteo sen previamente conxurar o risco de fallo humano que non foi obxecto dunha debida avaliación previa de conformidade co esixido pola normativa europea aplicable”.

A Audiencia rexeita manter a imputación contra o daquela director de Seguridade de Renfe, único cargo que dimitiu tras o accidente, cinco anos máis tarde, en setembro de 2018

Nos diversos recursos presentados polas partes á proposta do xuíz de levar a xuízo ao maquinista e o cargo de Adif as vítimas tamén pedían que se acusase igualmente ao homólogo de Cortabitarte en Renfe, o daquela director de Seguridade na Circulación da operadora, Antonio Lanchares, que foi quen solicitou a desconexión do sistema de seguridade a bordo dos Alvia. Lanchares é o único cargo que dimitiu tras o accidente, en setembro de 2018. A Audiencia rexeitou eses recursos e Lanchares queda así fóra da causa.

Cortabitarte tras unha das súas comparecencias nos xulgados de Santiago seguido por vítimas do sinistro CC-BY-SA Praza Pública

Cortabitarte negou en varias ocasións que as súas decisións se debesen a presións políticas

Pola súa banda, Cortabitarte, que deixou de ser Director de Seguridade na Circulación de Adif apenas unhas semanas antes do sinistro, seguiu ocupando desde aquela postos de inferior nivel pero igualmente de libre designación dentro de Adif, situación que a empresa xustificou argumentando que na súa actuación non houbo intencionalidade. O propio Cortabitarte, en cargos a dedo tanto co PSOE como co PP, negou nas súas declaracións ante o xuíz e na comisión de investigación aberta no Congreso que as súas decisións se debesen a presións políticas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.