Adif dille ás vítimas de Angrois que non cesa ao seu cargo imputado porque non houbo intencionalidade

Representantes das vítimas de Angrois na sede de Adif antes do seu encontro coa súa presidenta CC-BY-SA Praza Pública

A presidenta da empresa pública di que agardará ao que decida a xustiza e comprométese ante os afectados a colaborar cunha nova investigación técnica independente, que a Comisión Europea vén reclamando sen éxito a España, pero salienta que non é competencia súa

Adif non cesa do seu posto de libre designación ao seu cargo imputado por 80 homicidios por imprudencia no accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013 porque na súa actuación non houbo dolo ou intencionalidade e agardará ao que decida a xustiza. Así llo transmitiu este xoves a presidenta da empresa pública, Isabel Pardo de Vera, no cargo desde o pasado xullo, á plataforma de vítimas do sinistro, coa que se reuniu. Pardo de Vera tamén se comprometeu ante os afectados a colaborar cunha nova investigación técnica independente, que a Comisión Europea vén reclamando sen éxito a España, pero salienta que non é competencia súa.

Na investigación penal do accidente o xuíz instrutor e o fiscal propoñen xulgar ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, como responsable do sinistro en igual grao que o maquinista do tren, que se despistou e non freou a tempo antes da curva de Angrois sen que houbese ningún sistema de seguridade que evitase ou paliase o seu previsible erro humano. Cortabitarte xa non está nese cargo nin en ningún outro relacionado coa seguridade, pero segue a ocupar un posto de libre designación en Adif do que as vítimas reclaman o seu cesamento e a súa degradación ao posto base que lle corresponda como traballador público. Na reunión deste xoves, segundo confirma Adif, a presidenta informoulles de que a política da empresa pública é a de aplicar accións disciplinarias nos casos nos que hai dolo ou intencionalidade por parte do implicado, mentres que neste, que está a ser analizado na vía penal como imprudencia, a decisión é a de esperar a que resolva a xustiza.

Andrés Cortabitarte, ex-director de Seguridade na Circulación de Adif imputado por Angrois, durante a súa comparecencia no Congreso co seu avogado Dominio Público Congreso dos Deputados

Ademais da investigación penal, que está pendente de que a Audiencia Provincial da Coruña valide ou corrixa a proposta do instrutor e do fiscal de xulgar tanto ao maquinista como ao cargo de Adif, está por realizarse tamén unha investigación técnica independente do sinistro. Tras o accidente a análise realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento concluíu apuntando só ao maquinista, pero tanto a xustiza como a Axencia Ferroviaria Europea descualificárona pola súa falta de independencia. 

A Comisión Europea leva meses reclamando a España unha investigación técnica independente, pero Fomento argumenta que non pode dar esa orde ao órgano que as fai porque atentaría contra esa independencia e ese ente rexeita facelo

A Comisión Europea leva meses reclamando a España que realice esa investigación técnica independente que esixe a normativa comunitaria, pero Fomento argumenta que a CIAF agora xa si é independente e non lle pode ordenar que faga esa investigación. E á súa vez a CIAF considera que a súa anterior investigación foi correcta e rexeita refacela. Ante esa situación, tanto Fomento como Adif non son quen de dar unha solución á reclamación tanto das vítimas como da UE de que se realice esa investigación. Este xoves Pardo de Vera transmitiulle ás vítimas, segundo confirma tamén Adif, que apoiaría e colaboraría con esa investigación técnica se se abre, pero que non é competencia súa nin facela nin decidir que se faga. 

Carta da comisaria europea de Transporte, Violeta Bulc, ás vítimas de Angrois na que sinala que pediu por escrito ás autoridades españolas unha investigación técnica independente do accidente que aínda non se realizou CC-BY-SA Praza Pública

Isabel Pardo de Vera é presidenta de Adif desde o pasado xullo, pero a plataforma de vítimas lamenta que neste tempo non fose quen de interesarse máis polas circunstancias que rodearon o accidente e polos obstáculos á investigación postos posteriormente e antes da súa chegada a la presidencia tanto por esa empresa pública como por Renfe. No encontro deste xoves, critican as vítimas, Pardo de Vera non foi quen de dar resposta a varias das preguntas que lle formularon. Desde Adif sinalan que a presidenta comprometeuse a estudar a documentación que as vítimas lle trasladaron. 

Segundo as vítimas, Pardo de Vera tamén xustificou que Adif gastase, como revelou este diario, 14.900 euros en “asesorar” aos comparecentes na comisión de investigación política creada no Congreso polo nerviosismo que as citacións tería xerado entre o persoal da empresa pública. Asesoramento para o que Adif elixiu ao avogado dun bufete privado que defende a Cortabitarte na causa penal, o que a presidenta xustificou ante as vítimas, segundo o seu relato, porque é o que mellor coñece o caso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.