“Galiza non pode xogar na liga das rexións, nós xogamos na liga das nacións para poder avanzar”, di a portavoz nacional do BNG
A tradicional manifestación do 25 de xullo polas rúas de Compostela comezou este domingo entre apupos dos presentes á Patrulla Águila de acrobacias do exército do aire que xusto nese momento debuxaba a bandeira de España sobre o ceo da cidade. E rematou cun discurso na praza da Quintana da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no que salientou, ao tempo que o rei apelaba no interior da Catedral á “unidade de España”, que “Galiza non pode xogar na liga das rexións, nós xogamos na liga das nacións para poder avanzar”.
Pontón puxo o foco este domingo na “xente grande” de Galicia. “Quen nos saca as castañas do lume non son os directivos do Ibex, son as traballadoras precarias deste país coas que temos unha débeda inmensa”, dixo. “Son esa xente grande, a maioría mulleres, quen colleron da man aos nosos maiores nas residencias fronte a empresas que só pensaban en facer caixa”, salientou. Unha “xente grande” que “fixo, fai e fará este país máis grande”, para a que “a estas alturas non chegan nin as boas palabras nin as medallas”, dixo en referencia velada á entrega tamén este domingo pola Xunta da Medalla de Galicia ao persoal do dispositivo de vacinación contra a COVID.
A nacionalista dixo que hai que poñer “o colectivo por riba do individual” e que “esa Galiza máis grande só terá futuro tendo en conta a mocidade”, unhas visións das que dixo que son “incapaces” no Goberno galego. Por iso, dixo, agora que “caen os dogmas do liberalismo, do centralismo”, o BNG vese en disposición de presidir a Xunta.
O sábado, ante delegacións dunha trintena de formacións nacionalistas e cun especial protagonismo de Oriol Junqueras, Pontón apelou á cooperación fronte "a involución e dereitización do Estado español", que atribúe a poderes económicos que se benefician do centralismo político
Antes da manifestación deste domingo, este sábado o BNG organizou un acto de recepción dunha trintena de forzas políticas nacionalistas e soberanistas de fóra de Galicia, tanto do resto do Estado como mesmo doutros continentes, no que deu un especial protagonismo ao presidente de ERC, Oriol Junqueras, saído da cadea hai un mes tras o indulto do Goberno de España aos líderes independentistas cataláns. Na súa intervención nese acto Pontón salientou o papel destas forzas na defensa da democracia, as liberdades e os valores progresistas fronte “a involución e dereitización do Estado español”. “Por unha razón moi fácil de entender: porque os lobbys económicos, eses que pretenden gobernar sen pasar polas urnas, necesitan do centralismo político, xudicial e financeiro para seguir engordando as súas contas de resultados a costa dos orzamentos públicos”, denunciou a portavoz do BNG.
“Ante esta involución acelerada, temos que reaccionar forxando unha alianza en defensa da democracia, da plurinacionalidade e do dereito á autodeterminación, crear alianzas amplas, desde o respecto ás diferentes realidades”, argumentou Pontón este sábado, para engadir que “estamos ante un debate político de primeira orde ao que non se pode responder desde a represión, como fai o Estado español, senón desde a política con maiúsculas para dar solucións ás lexítimas demandas dos pobos”.
Na súa intervención no acto do sábado, Junqueras apelou a que “ninguén mellor que a cidadanía galega para decidir o seu propio futuro” e amosouse “seguro de o BNG presidirá o Goberno de Galiza da man de Ana Pontón e será un futuro republicano, de liberdade e de xustiza”.