- DOCUMENTO | Os indultos, no BOE do 23 de xuño
"Tomamos a decisión porque é a mellor para Catalunya, para España e a máis conforme co espírito de concordia e de convivencia da Constitución", di Sánchez
O Consello de Ministros concedeu este martes os indultos parciais aos nove líderes independentistas encarcerados desde novembro de 2017 polo procés. O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, compareceu pouco despois da aprobación desta medida na Moncloa para explicar as principais razóns que levan o Executivo a indultar a Oriol Junqueras, cinco ex-consellers, a ex-presidenta do Parlament e os líderes de Òmnium e ANC nunha declaración institucional sen preguntas que durou uns cinco minutos.
Sánchez, segundo publica eldiario.es, insistiu na motivación política da decisión e en que o Goberno central "non pon en cuestión" a sentenza do Supremo. "Tomamos esta decisión porque é a mellor para Catalunya, a mellor para España e a máis conforme co espírito de concordia e de convivencia da Constitución", dixo, tras insistir no intento de buscar unha solución ao conflito político.
Así, nos informes do Executivo sobre os indultos destácase que son unha medida para "responder á profunda crise social e política".
Os indultos suporán a liberdade inmediata dos presos, aínda que se mantén a pena de inhabilitación e o perdón pode ser revertido de cometeren delitos graves
Esta medida de graza suporá a posta en liberdade inmediata dos presos soberanistas, aínda que sobre eles se mantén a pena de inhabilitación polas súas condenas de sedición e malversación. Ademais, este perdón pode ser revertido de cometeren delitos graves nun prazo de entre tres e seis anos segundo cada condenado.
Nos expedientes, o Goberno central xustifica os indultos na utilidade pública e na mellora da convivencia nunha España unida. Ademais, baséase na actual normalizaicón das relacións entre o Executivo e a Generalitat, o que supón unha mudanza total con respecto ao que ocorría en 2017. Tras aceptar a petición de indulto de varios persoeiros, advirte tamén que rexeitalo afondaría na fractura.
"As razóns de utilidade pública que motivan esta decisión ten que ver coa necesidade de restablecer a convivencia e a concordia no seo da sociedade catalá e no conxunto da sociedade española", dixo Sánchez, que está convencido de que o xesto suporá unha mensaxe de concordia.
"Neste día ollamos ao futuro con máis optimismo. Hoxe, con esta acción, queremos abrir unha nova etapa de diálogo e reencontro e pechar unha de división e enfrontamento", dixo Sánchez, que advertiu de que nin espera nin pretende que os independentistas muden as súas "ideas".
Con todo, Moncloa espera tamén unha reacción do Govern aos indultos. "A democracia española amosa hoxe a súa grande e é unha boa ocasión para que demostren a súa tamén aqueles que a cuestionan", dixo Sánchez, que cre que é "o momento da política, de pasar páxina, de volver á vía que nunca se debeu abandonar". Atoparanse "dificultades", adveritu, pero "paga a pena intentalo".
O Govern din que os indultos dan "credibilidade" á vía negociada pero cren que "é a hora dun referendo pactado co aval internacional"
Desde a Generalitat, os indultos foron recibidos cunha dobre mensaxe: son unha boa nova pero son insuficientes. Así, o president Pere Aragonès nunha comparecencia xunto aos membros do seu Executivo cre que a medida contribúen a dar "credibilidade" á vía negociada, pero pediu ir máis aló.
"É a hora dun referendo pactado co aval internacional", dixo Aragonès, que se comprometeu a poñer todos os esforzos na "vía dialogada". "A decisión del Goberno é un recoñecemento de que as condenas foron inxustas", insistiu.