Pedro Sánchez confirma a concesión dos indultos aos líderes do 'procés' catalán para "buscar a concordia"

Pedro Sánchez intervén no acto 'Reencuentro: un proyecto de futuro para toda España', este 21 de xuño en Barcelona © Pool Moncloa / Fernando Calvo

O terreo político víñase preparando dende hai semanas e o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, confirmouno nun acto solemne no teatro do Liceu de Barcelona vinte e catro horas antes de darlles luz verde en Consello de Ministros. O Executivo vai conceder este martes, 22 de xuño, o indulto aos nove líderes independentistas que permanecen presos en cumprimento das condenas impostas polo Tribunal Supremo no xuízo do procés. Vaino facer, defende o líder socialista, para "buscar a concordia".

Ante unha representación de diferentes entidades políticas e sociais catalás -o presidente Aragonès e os seus conselleiros non asistiron-, Sánchez expuxo un discurso no que considerou no que non hai que "esperar un momento máis propicio" para a medida de graza. "Se hai un momento para unirnos, é este", dixo como informan Arturo Puente e Irene Castro para eldiario.es

Os líderes independentistas cataláns, no inicio do xuízo do 'procés', no Supremo o 12 de febreiro de 2019 CC-BY-SA Praza Pública

Mentres PP, Vox e C's e diversas cabeceiras mediáticas redobran a súa ofensiva política contra os indultos, Sánchez di non "ignorar" que "hai persoas contrarias a esta medida". "Tampouco ignoro as súas razóns", asegura, se ben di considerar que neste momento "pesan máis as expectativas de futuro que os agravios do pasado. E na balanza das decisións políticas, o futuro debe importar máis que o pasado". "Estamos onde estamos, e é desde aquí desde onde temos que arrincar o camiño para recuperar a convivencia e a normalidade, sinalou.

O indulto "nin cuestiona nin revoga a sentenza; simplemente é outro plano, xa non o xudicial", defende Sánchez, en cuxa opinión "a confrontación non serviu para resolver ningún problema"

O discurso de Sánchez serviu tamén como resposta ás acusacións dos líderes da dereita como Pablo Casado, mais tamén doutros como Alberto Núñez Feijóo, segundo as cales o Goberno de España está a pasar por riba do poder xudicial. O indulto, resalta o presidente do Goberno central, "nin cuestiona nin revoga a sentenza firme condenatoria. Simplemente trátase doutro plano, xa non o xudicial". E diríxese a quen "asumiron a responsabilidade dos seus actos" nos sucesos de 2017.

Sánchez di considerar que a "confrontación non serviu para resolver ningún problema", senón que "os fixo máis numerosos". Por iso, defende botar man dun recurso "legal e constitucional" pola súa "utilidade para a convivencia". "Estou convencido -proclamou- de que sacar estas nove persoas do cárcere, que representan a miles de cataláns, é unha rotunda mensaxe da vontade de concordia e de convivencia da democracia española", defendeu.

Asistentes ao acto de Pedro Sánchez en Barcelona sobre os indultos este 21 de xuño © Pool Moncloa / Fernando Calvo

"O único que esiximos é que uns e outros nos ateñamos ao pacto constitucional", sinala Sánchez. Para o Goberno catalán, os indultos son "un paso no camiño do diálogo", pero insuficiente

E unha vez concedidos, que? Segundo Pedro Sánchez, "o único que esiximos é que uns e outros nos ateñamos ao pacto constitucional, porque fóra da lealdade e da legalidade democrática non hai espazo para a política". "A miña proposta, a do Goberno de España, é dar paso a un novo proxecto de país" no que propiciar "un reencontro da propia sociedade catalá consigo mesma e de toda ela co resto da sociedade española". Nesta liña, Sánchez finalizou a súa intervención cunha mensaxe bilingüe en catalán e castelán: "Catalunya, catalans i catalanes, us estimem; Catalunya, catalanes y catalanas, os queremos "

"A miña proposta, a do Goberno de España, é dar paso a un novo proxecto de país", dixo. "Un reencontro da propia sociedade catalá consigo mesma e de toda ela co resto da sociedade española" porque non pode haber nova España sen unha nova Catalunya á fronte". Sánchez pechou a súa intervención afirmando: "Catalunya, catalans i catalanes, us estimem; Catalunya, catalanes y catalanas, os queremos ". Durante o acto, un grupo de persoas que portaban unha bandeira independentista catalá increparon a Sánchez, na liña da mobilización que se desenvolveu no exterior do recinto. Dende a Generalitat, Pere Aragonès considerou os indultos "un paso no camiño do diálogo", pero insuficiente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.