Tres horas despois da publicación da sentenza do procés que condena a ata 13 anos de cadea aos líderes independentistas cataláns, o presidente do Goberno de España en funcións e líder do PSOE, Pedro Sánchez, mostrou o "respecto e o acatamento por parte do Goberno" á sentenza do procés e avisou de que ese "acatamento significa o cumprimento íntegro" do ditame. Nunha comparecencia sen preguntas no Palacio de La Moncloa, Sánchez asegurou que "todos os cidadáns somos iguais ante á lei" e que "nunha democracia" omo a española "ninguén é xulgado polas súas ideas ou por un proxecto político senón por delitos recollidos no ordenamento xurídico".
Sánchez defende que "ninguén" foi "xulgado polas súas ideas" nunha comparecencia na que tenta afastar a posibilidade de que o Goberno de España conceda indultos aos líderes cataláns condenados
Sánchez defendeu que acatar o ditame do Tribunal Supremo supón o "cumprimento íntegro" da sentenza. O Goberno central fai especial fincapé nesa mensaxe despois de que as posibilidades de indultos pairan sobre diversos contextos políticos. Nese mesmo sentido, o ministro de Fomento en funcións e secretario de organización do PSOE, José Luis Ábalos, afirmaba antes en TVE que "non procede en absoluto falar de indultos" e "desde logo, o Goberno non ten esa vontade".
Con este pano de fondo, Pedro Sánchez subliña que a súa aposta é aplicar "a legalidade", se ben isto implica non "excluír ningunha posibilidade que o ordenamento xurídico outorga". Tamén na resposta ás "transgresións" da lei que poidan producirse nos próximos días como resposta ao ditame do Supremo en Catalunya. Para iso, Sánchez reiterou que o Goberno actuará con "firmeza" e "proporcionalidade" sen excluír "ningún escenario", o que mantén enriba da mesa medidas como a aplicación da Lei de Seguridade Nacional ou do artigo 155 da Constitución. Por todo isto, avanzou, chamará os líderes das principais forzas políticas con representación no Congreso.
O líder do PP promete reformas do Código Penal e varias leis para que "isto non se volva producir"
Nun contexto claramente marcado pola proximidade das eleccións xerais do 10 de novembro, dende que actualmente é principal partido da oposición española, o PP, o seu líder responde á sentenza clamando por un endurecemento das leis sobre as que os políticos cataláns veñen de ser condenados. Primeiro nunha entrevista en Antena 3 e despois en rolda de prensa, Pablo Casado eloxiou o "traballo" do Supremo, tras o cal "o que temos que facer agora é pór as medidas para que isto non se volva producir".
Neste sentido, alén de asegurar que apoiará o Goberno de España se impulsa a aplicación do 155, Casado asegura que o seu partido volverá propoñer "introducir no Código Penal a convocatoria de referendo ilegal, modificar a Lei de indultos para prohibilos aos condenados por rebelión e sedición, e introducir o delito de sedición impropia". Alén disto, esixe a Sánchez "afirme que non vai indultar os condenados".
Feijóo congratúlase porque "quen a fai, págaa"; Urkullu ve "un nefasto desenlace"
Tamén chegaron reaccións á sentenza do procés por parte de diversos gobernos autonómicos, aínda que con visións dispares. É o caso das primeiras análises do presidente da Xunta e do lehendakari vasco. Para Alberto Núñez Feijóo, a sentenza "pode gustar menos a uns e máis, a outros", se ben cabe subliñar que fica demostrado que "se un político a fai, págaa".
Feijóo nega a existencia dun "problema catalán" e chama á aplicación da sentenza con "normalidade"
Para o tamén líder do PP galego "calquera demócrata" debe limitarse a "acatar" o ditame do Supremo nun contexto no que "os políticos" non poden ser "impunes ante a lei". Para o presidente da Xunta, non existe un "problema catalán", senón que algunhas forzas políticas catalás "non asumen a lexislación". Agora, conclúe, o que corresponde é aplicar a sentenza con "normalidade".
O lehendakari subliña que "a xudicialización da política só conduce, como neste caso, a resultados negativos"
Unha ollada ben diferente é a do lehendakari, Íñigo Urkullu. O líder vasco observa na sentenza "un nefasto desenlace a un proceso político e xudicial que constituíu un despropósito". A "xudicialización da política só conduce, como neste caso, a resultados negativos", lamentou nunha reflexión feita pública a través das súas contas nas redes sociais.
Alén de expresar a súa "solidariedade coas persoas encarceradas e condenadas" dende o "convencemento" de que "non quixeron mal para ninguén", o lehendakari subliña que "o desenlace xudicial non pecha nada". Por iso ve "imprescindible impulsar unha estratexia capaz e eludir o choque de trens" que pase polo "diálogo e o acordo". Debe ser, conclúe, unha "mesa de negociación política dende a asunción das pluralidades internas nun Estado-nación heteroxéneo".