Yolanda Moares foi este pasado domingo o rostro que representou a todo o colectivo sanitario ao recoller no seu nome a Medalla de Ouro de Galicia outorgada ao dispositivo de vacinación. Representante da enfermaría, esta especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria, traballadora da Atención Primaria e vicepresidenta de Agefec amosou a "honra" por poder agradecer o "agarimo e gratitude" da sociedade ao labor de tanta xente contra a COVID. Ela, a muller que vacinou a Nieves Cabo, a primeira persoa vacinada en Galicia contra o coronavirus, o pasado 27 de decembro. "Sentín, como todos os meus compañeiros, que todo comezaba a cambiar, a alegría de empezar a volver á normalidade. Todo mesturábase coa sensación de que era o inicio da fin", dixo ante as autoridades.
Ademais da lóxica emoción, que sentiu cando aquel día, menos de dez meses despois do inicio da pandemia, administrou a primeira vacina contra a COVID en Galicia?
Pensei no gran logro da ciencia, no éxito que supoñía que tan pouco tempo despois desde o inicio de todo aparecesen as vacinas das que, ademais, agora sabemos que funcionan. Os casos que aparecen nas persoas vacinadas son sen síntomas ou leves e esa é a grandeza da vacina.
"Nunca é suficiente o recoñecemento a todo o esforzo que fixeron e fan todos os traballadores sanitarios e non sanitarios na pandemia"
Con esta Medalla de Ouro de Galicia, cre que xa é suficiente o recoñecemento ao traballo do persoal sanitario durante a pandemia?
Nunca é suficiente o recoñecemento a todo o esforzo que fixeron e fan todos os traballadores sanitarios e non sanitarios, en especial as enfermeiras. Sempre é preciso recoñecer o labor que se fai, tanto por parte das institucións como da sociedade.
Na súa intervención aludiu aos momentos de ledicia durante a vacinación, pero tamén á tristura... Cales pesan máis?
Hai un equilibrio entre as bágoas e a pena ao saber que as vacinas non deron chegado para moita xente e a alegría dos que a recibiron, pero hai que quedar coa ledicia, co positivo e mirar para o futuro sempre.
Lembra algún momento especialmente emocionante durante a campaña de vacinación?
Lembro. Cando empezabamos a vacinar o persoal sanitario, unha compañeira escribiu unha mensaxe de agradecemento ao noso traballo con rotulador no seu brazo a modo de tatuaxe. Non nos coñeciamos pero emocionounos a todos.
"O traballo na vacinación é duro, esgotador... Podes botar ata doce horas seguidas vacinando"
É duro o traballo nas campañas de vacinación?
Parece que non pero si o é. É un labor moi sistemático, moi cansado, con dedicación practicamente exclusiva... Esgotador. Depende moito de cada área sanitaria e da organización, pero hai quendas na que podes botar ata doce horas seguidas vacinando.
Esta quinta onda non está a afectar tanto na hospitalización e nas mortes, pero si volve afectar o sistema sanitario...
Está a ser un problema porque impacta nunha Atención Primaria xa saturada. A maioría dos casos que se dan agora son leves ou asintomáticos e son xestionados nos centros de saúde, con todo o que iso supón. Esperemos que coa chegada de máis vacinas esta quinta onda vaia a menos, pero segue a ser moi importante a responsabilidade individual.
Como de saturada está a Atención Primaria?
A situación é complexa porque os centros de saúde levan moito tempo sufrindo o hospitalcentrismo do sistema sanitario. A Atención Primaria precisa investimento porque non se pode seguir así.
"A situación na Atención Primaria é complexa porque leva moito tempo sufrindo o 'hospitalcentrismo' do sistema sanitario"
Que lle diría á xente respecto desa responsabilidade de cadaquén?
Que empreguen todas as medidas de prevención e seguridade e que se vacinen, que se non o facemos todos ben, isto non rematará aínda.
Pero rematará axiña...
Iso nin o sei eu nin o sabe ninguén, pero espero e confío en que si.