Ás cero horas deste sábado, 17 de xullo, entraron en vigor os últimos cambios no mapa de restricións da Xunta pola COVID-19. Entre os aspectos que a Xunta cita para xustificar a súa orde ao respecto figura un que os datos epidemiolóxicos fornecidos polo Ministerio de Sanidade -o Goberno galego dispón destes detalles, pero non os publica- veñen acreditando dende hai semanas e que responsables da propia Xunta veñen citando tamén en diversas declaracións: "dous terzos dos novos casos" da COVID "estanse a dar entre os 15 e os 39 anos de idade", isto é, entre os grupos de idade menos protexidos pola vacinación masiva.
O Sergas suma este sábado 1.338 novos casos e plasma no DOG que dous de cada tres casos novos se rexistran en persoas de entre 15 e 39 anos
Mentres o Sergas continúa coa administración de primeiras doses ao grupo de 30 a 39 anos -e completando pautas en grupos de maior idade-, este sábado notificou 1.338 casos novos do coronavirus, os rexistrados entre as seis da tarde do xoves e a mesma hora do venres. Nos últimos sete días con datos completos, a media diaria de infeccións activas diagnosticadas xa supera as 800. Ambos indicadores sitúan estas cifras globais en niveis de principios do pasado febreiro.
O obvio incremento das últimas dúas semanas deixa a incidencia acumulada a 14 días no conxunto de Galicia por riba dos 300 casos novos por cada cen mil habitantes e o dato a 7 días xa supera os 200. O ritmo de incremento de ambas taxas segue sendo notablemente alto, máis que tras a eclosión de contaxios posterior ao Nadal.
Incremento da hospitalización, pero menor que noutras vagas e con idades diferentes
Na súa xustificación das medidas adoptadas, Sanidade indica tamén que o feito de que os novos casos se estean a concentrar en poboación moza, a aínda non cuberta pola vacinación masiva, provoca que exista "un menor risco de padecer enfermidade grave" entre a maior parte das persoas que agora se infectan. Esa é a razón, detalla, pola que á hora de establecer restricións "axusta" o indicador da incidencia acumulada con outros como a presión nos hospitais, que segue sendo moito menor que en anteriores vagas.
As 99 persoas ingresadas coa COVID ás seis da tarde do venres eran 40 máis que unha semana antes
Os datos de hospitalización que ofrece o Sergas -co total de persoas ingresadas cada día- e tamén os que divulga o Ministerio de Sanidade referentes a Galicia -cos datos de novos ingresos, que a Xunta envía ao Goberno de España pero non publica- amosan que, efectivamente, a presión hospitalaria é nesta vaga moi inferior ás anteriores e está moi por baixo doutras ocasións nas que os novos casos aumentaron dun xeito tan brusco como o actual. Sendo isto certo, non o é menos que as 99 persoas ingresadas ás seis da tarde do venres eran 40 máis que unha semana antes, o maior incremento semanal dende febreiro. Ademais, vinte delas estaban na UCI, o dobre que unha semana antes.
Ata o pasado xuño, a maior parte das persoas hospitalizadas coa COVID tiñan máis de 50 anos
Como amosa o segundo gráfico baixo estas liñas, o avance da campaña de vacinación tamén é perceptible nos datos de hospitalización. Centrando o foco no acontecido dende o pasado 1 de xaneiro -e tendo en conta que os datos dos últimos sete días adoitan estar incompletos-, é claro que a poboación maior de 50 anos supuña o groso dos novos ingresos coa COVID ata o pasado maio. De xuño en diante, cando as coberturas das vacinas nestas franxas de idade pasaron a ser maioritarias, máis do 60% dos novos ingresos de persoas infectadas polo virus son de persoas menores de 50 anos e, máis recentemente, menores de 40.
As maiores incidencias, en Ourense e nas Rías Baixas
Coa variable da cobertura da vacina -e daquela, da idade- sempre presente para observar os datos, o empeoramento asociado a esta nova vaga da pandemia segue sen ser territorialmente homoxéneo. Concellos da contorna das comarcas do Salnés e da Barbanza, así como a cidade de Ourense e a súa área de influencia, conforman a contornas con incidencias acumuladas a 14 días máis elevadas.
O avance dos novos casos é claro tamén na drástica diminución da cifra de concellos sen novos casos. Agora son apenas 45 sen casos novos nas últimas dúas semanas e uns 60 nos últimos 7 días. Hai apenas un mes, os concellos libres da COVID chegaran a ser máis de 200.
Por áreas sanitarias, as maiores incidencias acumuladas a 7 e 14 días seguen sendo as de Ourense e Pontevedra-O Salnés. No que atinxe ás sete principais cidades, a tónica é a mesma, pero cun protagonismo aínda máis destacado para o dato da cidade de Ourense, que xa supera os 900 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días. A segunda urbe cunha taxa máis alta, Pontevedra, rolda os 493.
Todos estes datos de incidencia por áreas e concellos cómpren ser lidos cunha cautela adicional. Como evidenciou esta mesma semana a Consellería de Sanidade, os novos positivos son rexistrados na área sanitaria de orixe de cada paciente. Daquela, se unha persoa se infecta nun concello diferente ao seu por, por exemplo, estar a pasar nel as súas vacacións, o seu positivo será computado no municipio de orixe con independencia de que si sexa tido en conta no de destino para, por exemplo, adoptar medidas restritivas.
Entre os novos casos notificados este sábado inclúense tamén 15 persoas usuarias da Residencia de Gravemente Afectados Valverde, da Fundación San Rosendo en Allariz. Foron detectados, segundo informou La Región, polo cribado realizado tras o positivo nun membro do cadro de persoal xa que, grazas á vacinación, a sintomatoloxía dos residentes é leve ou inexistente. Engádense outras 7 persoas residentes da residencia Campolongo de Pontevedra.
O 60% da poboación galega, con pauta completa da vacina
Con todos estes datos sobre a mesa, o avance da vacinación adquire, se cabe, aínda máis relevancia. A actualización de datos divulgada polo Sergas este sábado indica que 1,61 millóns de persoas recibiron xa a pauta completa da vacina, o que supón practicamente o 60% do total da poboación do país. Case 1,8 millóns teñen xa posta cando menos unha dose tras os avances dos últimos días, concentrados nas primeiras doses do grupo de 30 a 39 e nas segundas do grupo de 40 a 49 anos.
En ausencia de actualizacións do Ministerio durante a fin de semana e dado que a Xunta non ofrece a información con este nivel de detalle, o cadro da situación complétase coa última información relativa á incidencia por idades e a súa cobertura vacinal. Como todos os demais datos, esta correlación é clara: fóra da poboación infantil, nos grupos menos cubertos pola vacina as incidencias acumuladas superan os 1.000 casos novos por cada cen mil persoas, o que supón mesmo cuadriplicar a taxa global de Galicia.