Unha nova fase da pandemia, en dúas velocidades. Ou mesmo dúas pandemias nunha. Os datos do Ministerio de Sanidade feitos públicos este martes acreditan que, tras a administración de case 40.000 doses de vacinas durante a xornada do luns, Galicia pode dar practicamente por pechada a fenda que mantiña na vacinación contra a COVID das persoas de 60 a 69 anos que, por recibiren a inxección de AstraZeneca, tiveron que agardar case tres meses para completar a súa pauta.
Este grupo de idade chega así ao 90% coa vacinación completa e eleva ata case o 62% da porcentaxe da poboación maior de doce anos que xa completou a inmunización prescrita. Son 1,51 millóns de persoas, mentres que 1,76 millóns xa teñen posta cando menos unha dose, case o 72% do obxectivo fixado.
Mentres a vacinación continúa a bo ritmo, as cifras de incidencia e novos casos detectados seguen a empeorar. Pero a empeorar, sobre todo, entre os grupos de idade máis mozos, isto é, entre a poboación que aínda non foi incorporada á vacinación masiva. Este martes, o Sergas notificou 742 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns. É a cifra máis elevada nun período de vinte e catro horas coma este dende principios de febreiro.
Deste xeito, a incidencia acumulada para o conxunto de Galicia xa rolda os 200 casos novos por cada cen mil habitantes e o dato a sete días está na contorna dos 130. O feito de que a incidencia da última semana sexa máis da metade que a das últimas dúas acredita que a tendencia continuará sendo ascendente nas vindeiras xornadas.
Concellos do Salnés presentan algunhas das incidencias acumuladas máis elevadas
Xeograficamente, como xa sucedera tras a Semana Santa, algunhas das contornas con maiores incidencias acumuladas a 14 días sitúanse en puntos das Rías Baixas, con comarcas como a do Salnés con varios dos municipios cos valores mías elevados do país, caso de Sanxenxo, Cambados, Vilanova, Vilagarcía ou Meis. Cara ao interior, destacan os altos valores da cidade de Ourense e a súa contorna máis próxima, que impulsan a área sanitaria ourensá no seu conxunto (que abrangue a toda a provincia) a ser a que marca unha incidencia máis alta e tamén unha peor evolución.
Mentres todo isto sucede, non obstante, as cifras de hospitalización seguen en niveis baixos, unha variable que as autoridades sanitarias atribúen esencialmente ao feito de que sexa a mocidade aínda non vacinada a que concentra o groso dos casos novos. As 63 persoas con test positivo da COVID-19 que estaban ingresadas nos hospitais galegos ás seis da tarde do luns eran apenas catro máis que hai unha semana.
Nos grupos de 12 a 19 e de 20 a 29 anos, os menos cubertos pola vacinación, a incidencia a 14 días aumentou en máis de 400 puntos en apenas unha semana. Entre a poboación máis protexida pola vacina, o incremento rolda os 10 puntos
Esa pandemia de dúas velocidades ou esas dúas pandemias nunha reflíctense con claridade nos datos de incidencia por grupos de idade que fai públicos o Ministerio, cuns valores inversamente proporcionais á cobertura da vacinación. O grupo de 20 a 29 anos achégase xa aos 800 casos novos por cada cen mil habitantes, triplicando amplamente o dato global de Galicia e cun crecemento de case 500 puntos nunha semana. Neste grupo de idade, apenas unha de cada dez persoas teñen a pauta da vacina completa (as que accederon a ela por traballaren en grupos profesionais considerados esenciais ou por padeceren patoloxías de especial risco).
Na banda contraria, as incidencias acumuladas e os seus crecementos descenden conforme avanza a idade e, con ela, a cobertura da vacinación e o tempo que as persoas levan coa pauta completa. Deste xeito, entre a poboación maior de 80 anos a incidencia acumulada non chega aos 30 casos novos por cada cen mil persoas e o incremento semanal é de apenas 8 puntos.