O avance do proceso de vacinación, grazas ao que a maior parte da poboación máis vulnerable quedou máis protexida ante a COVID, unido á relaxación nas medidas de precaución, vén mudando dende hai un tempo as características da pandemia. As persoas novas son, con moita diferenza, as que máis se contaxian, incrementándose a súa incidencia acumulada ata niveis de mediados de febreiro. E, aínda que só unha parte sofre os efectos máis graves da enfermidade, tamén está a aumentar de forma moi importante o número de ingresos hospitalarios das persoas de menos de 40 anos.
Case o 40% de todos os ingresos hospitalarios corresponden a persoas de 40 anos ou menos, unha porcentaxe que chega ao 60% se engadimos ás persoas entre 40 e 49 anos, só parcialmente protexidas pola vacina.
De feito, os e as menores de 40 anos representan xa máis do 75% de todos os casos de COVID detectados en Galicia e son o groso da escalada de contaxios que se está a rexistrar nas últimas semanas, dende o comezo do verán e o inicio da desescalada das restricións. De igual xeito, case o 40% de todos os ingresos hospitalarios tamén corresponden a persoas de 40 anos ou menos, unha porcentaxe que chega ao 60% se engadimos ás persoas entre 40 e 49 anos, só parcialmente protexidas pola vacina.
Este mércores, ademais, coñeceuse o falecemento na Coruña dunha muller de 38 anos que enfermera de COVID e que presentaba patoloxías previas. Casos coma o seu son estraños e, de feito, dende o inicio da pandemia tan só cinco das persoas falecidas en Galicia tiñan menos de 40 anos. Porén, a súa morte puxo o foco unha vez máis nos perigos que a Covid-19 ten para as xeracións máis novas, que tamén pode sufrir nalgúns casos os efectos máis adversos da enfermidade.
Ademais das hospitalizacións (mesmo nas UCI), máis frecuentes, son moitos os mozos e mozas que sofren ou sufrirán secuelas relacionadas coa COVID, un amplo abano de doenzas clasificadas baixo o nome de COVID persistente, e que van dende fatiga e dor de cabeza ata problemas respiratorios e neurolóxicos.
A incidencia acumulada en 14 días nas persoas entre 12 e 30 anos supera os 400 casos por cada 100.000 habitantes, triplicando a media galega
Os datos de incidencia acumulada por grupos de idade amosan o efecto que nas últimas semanas está a ter a COVID entre a mocidade, cunha explosión de contaxios que tamén comeza a estenderse nos restantes grupos de idade. Aínda que lonxe dos indicadores máis elevados que se rexistran noutras comunidades autónomas, a incidencia acumulada en 14 días nas persoas entre 12 e 30 anos supera os 400 casos por cada 100.000 habitantes, triplicando a media galega. Tamén os datos das persoas entre 30 e 39 anos (outro grupo non vacinado) superan amplamente as cifras do conxunto da poboación.
As persoas de máis de 50 anos suman pouco máis do 10% dos casos detectados e os mozos entre 10 e 30 representan ao redor da metade dos contaxios
O gráfico seguinte amosa a evolución da porcentaxe de casos de COVID rexistrados en Galicia por grupo de idade dende o inicio da pandemia. No último ano e medio pasamos por fases moi distintas, dende uns meses iniciais nos que se detectaban moitos máis casos entre as persoas de maior idade (xa que os aínda débiles esforzos de detección se centraban nelas), un inicio de verán de 2020 con poucos contaxios (e cifras polo tanto moi variables), ata un período central, entre setembro do 2020 e abril do 2021, no que as persoas de máis de 60 anos representaban un 30% dos contaxios, as persoas de 40 a 60 outro 30% e os menores desa idade o 40% restante.
Porén, a vacinación mudou por completo o panorama, ata deixar un esquema no que as persoas de máis de 50 anos suman pouco máis do 10% dos casos detectados e os mozos entre 10 e 30 representan ao redor da metade dos contaxios, chegando ao 75% se engadimos as persoas entre 30 e 40 anos.
As persoas de máis de 60 anos, que representaban o 75% dos ingresos hospitalarios, hoxe suman pouco máis do 20%
O gráfico anterior reflicte a evolución do peso das hospitalizacións por COVID de cada grupo de idade. Durante a maior parte da pandemia (agás durante o pasado verán, con poucos ingresos e polo tanto datos moi variables), os grupos de idade máis vulnerable sumaron a maior parte dos casos máis graves. Entre setembro de 2020 e marzo de 2020 as persoas de máis de 80 anos eran entre o 30% e o 40% dos ingresos hospitalarios. Outro 20% correspondía ás persoas entre 70 e 79 anos e un 15-20% ás persoas entre 60 e 69 anos. En conxunto, máis do 75% dos ingresos.
En cambio, nas últimas semanas do mes de xuño, os ingresos hospitalarios deste grupo de idade foron menos do 20%, unha porcentaxe que comezou a medrar nos últimos días. Os dous grupos de idade con máis persoas ingresadas por COVID neste momento son os dos pacientes entre 30 e 39 anos e entre 40 e 49 anos. Xuntos, suman máis do 40% do total.
En xuño houbo máis ingresos en UCI de persoas con COVID entre as menores de 40 anos (8) que entre as maiores de 60 (6).
Os datos correspondente ao mes de xuño son moi reveladores a este respecto. As persoas entre 10 e 50 anos sumaron a inmensa maioría do contaxios detectados, sumando tres de catro casos. Mentres, as persoas de máis de 70 anos só tiveron 131 dos positivos detectados, menos aínda que os sufridos polos nenos e nenas de 9 anos ou menos.
O efecto esténdese ás hospitalizacións, lideradas polas persoas de 40 a 49 anos e polas de 30 a 39, que suman máis da metade destes casos graves. Os 16 ingresos hospitalarios das persoas menores de 30 anos en xuño igualan as rexistradas entre as persoas de máis de 80 anos. Mesmo nos casos máis graves, que necesitaron ser ingresados nas UCI dos hospitais galegos, atopamos máis pacientes entre os menores de 40 anos (8) que entre os maiores de 60 (6).
Máis do 50% dos ingresos hospitalarios por COVID son de persoas entre 30 e 50 anos, superando os 20 ingresos semanais
Finalmente, no gráfico anterior pódese observar a evolución seguida dende o inicio do mes de maio polos ingresos hospitalarios, en canto á idade dos pacientes. Mentres que nas primeiras semanas a maioría dos ingresos correspondían a persoas entre 50 e 80 anos (ao redor de 90 ingresos semanais), hoxe tan só se rexistran ao redor de 10 ingresos hospitalarios semanais entre os pacientes COVID destas idades.
Pola contra, máis do 50% dos ingresos por COVID son de persoas entre 30 e 50 anos, superando os 20 ingresos semanais (que chegaron a ser máis de 30 por semana a mediados de xuño).