O Servizo Galego de Saúde notificou este 9 de xullo 559 novos casos da COVID-19, os rexistrados entres as seis da tarde do mércores e a mesma hora do xoves. Hai que remontarse á primeira quincena de febreiro para atopar unha xornada con máis novos casos rexistrados. En termos de días naturais, o mércores, 7 de xullo, foi igualmente cos seus 482 novos casos o día cun rexistro máis elevado dende o 12 de febreiro (523).
Nos días de febreiro cun número semellante de casos novos ao actual, en Galicia puxéranse apenas 125.000 doses de vacinas e este venres superáronse os 3 millóns
Estas cifras elevan a media semanal de casos novos diagnosticados mediante probas de infección activa (PCR ou antíxeno) a case 300. É o valor máis elevado dende o 22 de febreiro. Pero todas estas comparacións non serían completas sen ter en conta outra variable: a mediados de febreiro ían administradas apenas 125.000 doses de vacinas contra a COVID-19 en Galicia. Este venres, 9 de xullo, o Sergas administrou en Pontevedra a dose que supuxo a simbólica cifra do número 3 millóns.
Unhas horas antes de que fose administrada esa dose número tres millóns, a sanidade galega finalizou a xornada do xoves con case trinta mil doses máis inxectadas. Foron, concretamente, 29.268 que elevaban o total de persoas con cando menos unha dose a 1,76 millóns e supuñan chegar xa a 1,35 millóns de persoas coa pauta completa. Ou, o que é o mesmo, superar a metade da poboación galega (2,69 millóns de persoas, segundo o dato provisional a 1 de xaneiro; e 2,70 segundo os datos definitivos de 2020) coa vacinación contra o coronavirus xa completada.
Os avances na vacinación durante o xoves producíronse, sobre todo, en dous grupos de idade pendentes de completar a pauta. Comezan, á fin, a percibirse avances na vacinación pendente ás persoas de entre 60 e 69 anos que recibiran a primeira dose de AstraZeneca e, por ese motivo, tiveron que agardar máis pola segunda. Neste grupo a vacinación completa medra en torno a un punto e achégase ao 62%. Mentres, no grupo de 40 a 49 a pauta completa avanza case cinco puntos e supera o 43%. A muller que recibiu a vacina número tres millóns foi, precisamente, deste grupo de idade.
Isto supón que, a peche do xoves, case o 72% da poboación diana (a maior de 12 anos) teña xa posta cando menos unha dose de vacina e que o obxectivo de vacinación completa estea xa cumprido en Galicia ao 55%. Esta variable é clave para entender as características da actual situación epidemiolóxica, na que as taxas de incidencia acumulada entre os grupos non vacinados triplican amplamente as xerais de toda Galicia e, no caso do grupo de 20 a 29, chegan a cuadriplicalas.
A maior incidencia segue na área de Pontevedra-O Salnés, pero a peor evolución e agora a de Ourense
Territorialmente -e sempre tendo en conta a concentración dos novos casos nos grupos máis mozos, os aínda non incorporados á vacinación masiva- a situación é de incidencias á alza en xeral, pero non é homoxénea. Así, a incidencia acumulada a 14 días para o conxunto de Galicia rolda os 120 casos novos por cada cen mil habitantes e o dato a sete días sitúase por riba dos 77, pero con notables diferenzas territoriais.
A sete días, as incidencia máis alta segue sendo a da área de Pontevedra-O Salnés (por riba dos 130 casos novos por cada cen mil habitantes), pero a peor evolución nos últimos días é a da área de Ourense. O empeoramento ourensán procede, en boa medida, da capital da provincia: a cidade de Ourense xa é a que marca unha maior incidencia acumulada a 14 días das sete principais, con case 320 casos novos por cada cen mil habitantes en dúas semanas. Mentres, a cidade de Pontevedra e o conxunto da súa área sanitaria semellan comezar a moderar os seus incrementos.
Entre o resto de áreas, os datos máis baixos a sete días son os de Santiago-Barbanza (algo menos de 50) e Ferrol (un chisco por riba dos 40). Así e todo, cando menos de momento a tendencia das sete áreas é ascendente con claridade.
En vésperas da entrada en vigor do novo mapa de restricións da Xunta [podes consultalo aquí, coas correspondentes ligazóns ao DOG], a devandita concentración dos novos casos en persoas mozas non vacinadas segue sendo clave para que a presión hospitalaria siga notablemente contida. As 60 persoas con test positivo do coronavirus que estaban ingresadas nos hospitais galegos ás seis da tarde do xoves eran 5 máis que unha semana antes e as 10 que estaban na UCI, unha máis que sete días antes. Os datos de mortalidade asociada á pandemia tamén seguen en niveis moi baixos (unha media de 0,4 falecementos ao día na última semana), co total en 2.439 falecidas con test positivo da COVID.
Cómpre ter en conta, non obstante, que a suba de positivos activos si incrementa a presión noutros puntos do sistema, como a Atención Primaria ou os servizos de rastrexo. O dato notificado este venres polo Sergas sitúase en 3.670, 1.676 máis que sete días antes.