As áreas de Pontevedra e Ourense encabezan a incidencia da COVID na xornada con máis casos rexistrados dende febreiro

Mapa de incidencia a 14 días con datos do 7 de xullo sobre unha imaxe dun cribado da COVID en Barbadás CC-BY-SA Foto: Concello de Barbadás | Montaxe: Praza Pública

Tantos casos como a mediados de febreiro, pero un proceso de vacinación que o cambia case todo. O Sergas notificou este 8 de xullo 412 novos casos da COVID-19 en Galicia, os rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores. Hai que remontarse case cinco meses para atopar unha cifra semellante, que é tamén parecida ás dos primeiros días do ano, cando comezaban a agromar os efectos dos contactos do Nadal.

As persoas menores de 30 anos, aínda fóra da vacinación masiva, seguen concentrando os novos casos da COVID

Pero ningún destes datos se pode ler sen atender á vacinación Galicia xa ten máis do 70% da poboación maior de 11 anos con cando menos unha dose de vacina e, dentro deste grupo diana, só as persoas menores de 30 anos están fóra do proceso de inmunización masiva (o grupo de 30-30 está nel dende esta semana). É neste grupo, como veñen acreditando os datos do Ministerio de Sanidade por idades nos últimos días (a Xunta dispón deles, pero non os publica) no que se concentra o groso dos novos casos, cunha incidencia acumulada a 14 días que, no caso galego, triplica amplamente a media xeral. 

Con este feito sobre a mesa e mentres segue avanzando a vacinación, o escenario muda e tamén o fan as medidas dos Gobernos fronte ao virus (o vindeiro sábado, por exemplo, entra en vigor a posibilidade de acudir a pubs e discotecas en concellos en nivel medio de restricións sempre que se presente un test negativo ou un certificado de inmunidade). Todo mentres o empeoramento das cifras segue sen ser homoxéneo xeograficamente.

Boa parte dos concellos con maiores incidencias acumuladas a 14 días concéntranse no eixo atlántico e, máis concretamente, nas contornas de Pontevedra e do Salnés. Alén destas áreas, existen outros municipios con incidencias acumuladas aínda máis elevadas, pero con focos máis locais. É o caso de Sarria, Oia, Ribadavia, Castrelo do Val, Curtis ou Lourenzá, como amosa o mapa baixo estas liñas.

Por áreas sanitarias, a incidencia acumulada é ascendente en todas elas, pero destacan os valores e os ascensos das de Pontevedra-O Salnés e Ourense. A área pontevedresa, aínda entre ecos do surto importado de Mallorca, marca 128 casos novos por cada cen mil habitantes a sete días, se ben nas últimas xornadas semella comezar a moderar o seu crecemento. Por tras dela é rechamante o dato de Ourense, que supera os 100 casos novos por cada cen mil habitantes a sete días nun contexto no que destaca o empeoramento da capital ourensá, que a 14 días xa rolda os 250 casos novos por cada cen mil habitantes.

A mudanza no perfil dos novos contaxios por mor da vacinación, cos novos casos concentrados na xente máis moza aínda non vacinada, provoca que polo momento o empeoramento non traia consigo incrementos significativos na presión hospitalaria. Así, os 58 ingresos de persoas con test positivo do coronavirus que rexistraban os hospitais galegos ás seis da tarde do mércores eran os mesmos que un día antes (con 3 persoas menos na UCI e 3 máis en planta) e apenas cinco máis que unha semana antes.

O Sergas comunicou o pasado mércores a morte dunha paciente de 38 anos que contraera a COVID e tiña tamén outras doenzas

Deste xeito, a presión sobre o sistema sanitario trasládase dos hospitais a outros puntos, como a Atención Primaria ou os servizos de rastrexo. Non en van, os casos activos que o Sergas debe monitorizar seguen aumentando ata superar os tres mil por primeira vez dende o pasado maio. Ás seis da tarde do mércores eran 3.231, isto é, 1.394 máis que unha semana antes.

O feito de que os novos casos se rexistren en xente máis moza mentres os grupos de idade máis avanzada están protexidos pola vacina segue repercutindo tamén nas cifras de mortalidade asociadas á pandemia, as máis baixas dende case un ano. Non obstante, as autoridades sanitarias veñen advertindo que entre persoas de menor idade tamén pode haber algúns casos de infección cuxas complicacións (ou en combinación con outras patoloxías) poden derivar no falecemento. É o que sucedeu cunha paciente de 38 anos ingresada no CHUAC, cuxo falecemento notificou o pasado mércores o Sergas, elevando o total a 2.439 persoas. A muller tiña tamén outras doenzas.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.