Unha nova pandemia con dúas velocidades. A xa ampla cobertura da vacinación contra a COVID-19 na poboación de maior idade está a concentrar os incrementos de incidencia dos últimos días e semanas na poboación máis moza, a que aínda non foi incorporada á vacinación masiva.
Así o volven amosar os datos divulgados este martes polo Ministerio de Sanidade. As cifras acreditan que, en apenas unha semana, o incremento da incidencia acumulada a 14 días en grupos non vacinados chega a quintuplicar o incremento global de Galicia. É o que sucede coa poboación de 20 a 29 anos, con 171 puntos máis de incidencia acumulada a 14 días que hai unha semana mentres que a suba no dato xeral galego queda en 33.
Entre a poboación de 12 a 29 anos, a incidencia acumulada do coronavirus a 14 días rolda os 300 casos novos por cada cen mil persoas mentres que nos grupos con maior cobertura completa da vacina non chega aos 20
Tamén é significativo o incremento entre a poboación de 12 a 19 anos, con case 150 puntos máis que hai unha semana, o que implica cuadriplicar amplamente o incremento medio en toda Galicia. Como amosa a táboa sobre estas liñas, a fenda de incidencia entre poboación vacinada e a que aínda non o está non fai máis que alargarse: arredor de 300 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días entre a poboación de 12 a 29 anos. Mentres, entre a poboación de 50 a 59 anos o dato rolda os 40, de 60 a 69 segue por baixo de 30 e entre maiores de 70 anos non supera os 20 casos novos por cada cen mil persoas neste período.
Todo isto sucede no comezo da semana en que se incorpora de vez á vacinación masiva o grupo de poboación de 30 a 39 anos. Así o amosan os últimos datos do Ministerio, segundo os que neste grupo de idade xa hai un 23,3% de persoas con cando menos unha dose de vacina. Mentres, en grupos de máis idade, seguen aumentando as pautas completas e nesta xornada fano sobre todo no grupo de 60 a 69 anos, na que a cobertura completa medra 7 puntos e chega ao 59,6%. Neste grupo de idade, a poboación que recibiu a vacina de AstraZeneca tivo que agardar máis pola inmunización completa por mor do maior intervalo entre doses estipulado pola farmacéutica.
Na última xornada, o Sergas administrou case 25.500 doses e o total sitúase en 2,9 millóns xa inxectadas. Case o 54% da poboación maior de 12 anos ten xa a pauta completa da vacina.
Unhas 220 infeccións diagnosticadas cada día na última semana
Estes dispares incrementos por idades rexístranse nun contexto no que, cos datos do último día completo dispoñible (o domingo, día 4), o Sergas diagnosticou unha media dunhas 220 infeccións ao día na última semana. Este martes, Sanidade notificou 235 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns. Hai unha semana, cando comezaba a percibirse o impacto do surto importado de Mallorca, foran 201.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o incremento nas cifras de casos novos rexistrados xa supera a lixeira repunta experimentada tras a Semana Santa e está, cando menos de momento, lonxe das cifras totais de anteriores vagas. Con estes incrementos, os casos activos superaban os 2.600 ás seis da tarde do pasado luns (2.638), o que implica un incremento de 1.059 en apenas unha semana.
A evolución é dispar por idades e tamén o é xeograficamente. A incidencia acumulada a 7 días para o conxunto de Galicia rolda os 57 casos novos por cada cen mil habitantes, pero por áreas oscila entre os apenas 27 casos da área de Santiago-Barbanza e os 119 da de Pontevedra-O Salnés, a máis afectada polo foco importado das Baleares, orixinada en viaxes de lecer para estudantes. En todas as demais áreas a tendencia deste indicador é ascendente, pero con intensidades igualmente dispares. O segundo valor máis elevado tras o de Pontevedra é o da área de Ourense, cuns 71 casos novos por cada cen mil habitantes.
Como vén sucedendo nas últimas semanas e na liña do que está a acontecer noutros países con niveis de vacinación semellantes ao de Galicia, o incremento de casos está tendo, cando menos de momento, unha tradución en ingresos hospitalarios moito menor que en anteriores vagas. As 59 persoas con test positivo da COVID que se rexistraban ás seis da tarde do luns eran 7 máis que unha semana antes e 12 delas estaban na UCI (hai unha semana eran 10).