Dende o inicio da pandemia, un dos conceptos máis repetidos vén sendo o da "inmunidade de rabaño", referida ao mecanismo de control da enfermidade que se produce cando unha porcentaxe significativa da poboación está protexida (conta con anticorpos) contra a doenza, o que limita a súa transmisión. Esta protección acádase cando unha persoa superou a enfermidade ou, aínda mellor, despois de ser vacinada. No comezo do proceso de vacinación falouse da necesidade de chegar a unha cifra (o 70% de poboación vacinada), un límite a partir do cal se podería acadar a desexada inmunidade de grupo.
No inicio da pandemia, barallouse o 70% como a porcentaxe de poboación inmunizada necesaria para conter o virus
Ese 70% era unha estimación, un cálculo, realizado en base á capacidade de transmisión do virus (no caso do sarampelo, por exemplo, moito máis contaxioso, a inmunidade de grupo necesita dun 95% de poboación vacinada) e á propia eficacia da vacinas, situada por riba do 90% no caso de Pfizer, Moderna ou AstraZeneca.
Ao remate deste domingo, a porcentaxe da cidadanía galega maior de 12 anos (os nenos e nenas por debaixo desa idade aínda non forman parte da poboación obxectivo do proceso de vacinación) que recibiu cando menos unha dose das vacinas e que polo tanto conta con protección, roldou o 70%, exactamente o 69,8%. Galicia é a segunda comunidade do Estado cunha maior proporción de poboación vacinada, só por detrás de Asturias. A porcentaxe que conta coa pauta completa (dúas doses no caso de Pfizer, Moderna ou AstraZeneca e unha no de Janssen) é do 52,8%, un indicador no que de novo tan só Asturias supera a Galicia.
A maior capacidade de contaxio das novas variantes do virus elevan ata case o 80% a porcentaxe de poboación vacinada necesaria para acadar a inmunidade de grupo
Cómpre ter en conta dous aspectos, no entanto. En primeiro lugar, que esta porcentaxe do 69,8% se refire unicamente á poboación maior de 12 anos, non á poboación total. Neste caso, a proporción reduciríase ata o 63,46%. En segundo lugar, que os expertos en epidemioloxía levan xa tempo advertindo que a cifra máxica do 70% xa non debe ser a referencia, senón que a cifra debe ser algo superior ao 77%. Isto é debido á maior capacidade de contaxio das actuais variantes do virus dominantes (a descuberta no Reino Unido antes do Nadal e, sobre todo, a variante Delta, cada vez máis prevalente no noso territorio). A eficacia das vacinas ante a variante Delta tamén descendeu un chisco, aínda que de forma moi leve.
A porcentaxe de poboación entre 40 e 49 anos que recibiu cando menos unha dose supera xa o 85%
Así pois, o proceso de vacinación debe continuar para así superar o 80% de poboación protexida coa pauta completa e así limitar ao mínimo a capacidade do virus para transmitirse de forma comunitaria. Está previsto que este obxectivo se acade no mes de setembro, cando mesmo os rapaces e rapazas entre 12 e 19 anos deberían estar xa vacinados e vacinadas.
No seguinte gráfico pódese visualizar o número de persoas que en Galicia xa contan coa protección da vacinación e as que aínda están pendentes de ser vacinadas. 1.712.125 persoas recibiron xa unha dose e 1.295.553 a pauta completa do total de 2.454.497 que compoñen a poboación diana. Numericamente, o grupo de persoas entre 30 e 39 anos é o que contén un maior número de persoas sen protección.
Máis do 85% de persoas vacinadas entre 40 e 49 anos
O proceso de vacinación continúa a un ritmo moi elevado. Entre o venres e o domingo administráronse case cen mil doses en Galicia, mantendo a media dos días anteriores. A porcentaxe de poboación entre 40 e 49 anos que recibiu cando menos unha dose supera xa o 85% e pasa do 90% en todos os grupos por riba dos 50 anos. Mesmo o grupo entre 30 e 39 anos comeza a incrementar notablemente as súas porcentaxes, pasando do 12% ao 23% nos últimos tres días.
Mantense o paradoxo de que un grupo máis vulnerable -entre os 60 e 69 anos- conta unicamente dun 52% de persoas coa pauta completa
En canto á poboación coa pauta completa, nesta fin de semana o incremento máis importante rexistrouse entre as persoas de 40 a 49 anos (pasando do 31% ao 38%). Na poboación maior de 70 anos a porcentaxe de persoas coa pauta completa supera o 99% e tamén rolda o 90% nas persoas entre 50 e 59. Mantense o paradoxo de que un grupo máis vulnerable -entre os 60 e 69 anos- conta unicamente dun 52% de persoas coa pauta completa. Esta xeración sandwich, como xa foi denominada, comezará nas vindeiras semanas a recibir as segundas doses de AstraZeneca, que a Xunta barallou adiantar de 12 a 11 semanas para acadar canto antes a protección deste colectivo.
O groso da vacinación continúa a realizarse con Pfizer, a empresa que dende o comezo do proceso enviou aos países da Unión Europea un maior número de doses, moi por riba dos distintos laboratorios. A pasada semana, por exemplo, chegaron a Galicia máis de 173 mil doses de Pfizer, fronte ás 35 mil de Moderna.