A incidencia máis inmediata da COVID xa supera a posterior á Semana Santa mentres comeza a vacinación de menores de 40

Instalacións para a vacinación masiva en Expourense e gráficas de evolución da incidencia a 7 días por áreas sanitairas CC-BY-NC-SA Foto: Expourense | Montaxe: Praza Pública

A incidencia da COVID-19 a 7 días en Galicia rolda, cos datos do último día completo dispoñible (o sábado, 3 de xullo), os 54 casos novos por cada cen mil habitantes. É un valor semellante ao que, hai apenas unha semana, marcaba o mesmo indicador, pero a 14 días. O impacto do surto importado de Mallorca e doutros focos locais provocou unha inversión da tendencia que, para o conxunto de Galicia, deriva en que ese indicador máis inmediato de incidencia, o da última semana, xa supere a repunta posterior á pasada Semana Santa.

Na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, a máis afectada polo surto importado de Mallorca, a incidencia a sete días multiplicouse por dez en pouco máis de dúas semanas

Nun contexto no que os novos casos detectados seguen rexistrándose, sobre todo, en grupos de poboación aínda non vacinada (os máis mozos), a área sanitaria máis afectada polo devandito gromo importado das Baleares, a de Pontevedra-O Salnés, segue sendo tamén a que ten máis disparado este indicador epidemiolóxico. En pouco máis de dúas semanas, os seus apenas 12 casos novos por cada cen mil habitantes multiplicáronse case por dez. Todo, nos días en que principia a vacinación masiva do grupo de 30 a 39 anos.

Como amosa o gráfico sobre estas liñas,  a incidencia a sete días sobe en todas as áreas sanitarias galegas, pero con diferente intensidade. Tras a de Pontevedra, destaca a intensidade da suba na área de Ourense e a continuación, a de Vigo. Así e todo, o dato global galego, con eses arredor de 54 casos novos por cada cen mil habitantes a sete días, está moi lonxe dos valores acadados en anteriores vagas (tras o pasado Nadal, Galicia chegou a superar os 400 neste indicador).

Uns 244 diagnósticos diarios e máis incidencia cara ao eixo atlántico

O devandito surto importado e outros focos locais dan lugar a unha situación epidemiolóxica cuns 244 infeccións da COVID-19 diagnosticadas, de media, cada día da última semana. Este luns, o Sergas notificou 244 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo. Unha semana antes foran 123.

O empeoramento é diferente aos anteriores ao concentrarse nos grupos de idade máis mozos, aínda non vacinados

Como veñen acreditando os datos do Ministerio de Sanidade, o actual empeoramento é diferente aos de anteriores vagas pola súa concentración en xente de idades mozas (os grupos non vacinados). Tamén é diferente porque, cando menos de momento, as localidades con maiores incidencias acumuladas están moi por baixo dos valores acadados hai meses, cando a inmunización aínda non comezara ou a súa extensión era menor. Pero si existen algunhas semellanzas con, por exemplo, o acontecido tras a Semana Santa coas subas de incidencia en contornas turísticas, caso de comarcas como a do Salnés.

Situación asistencial: ao bordo dos 2.500 activos

A menor idade media da poboación afectada polos novos casos da COVID-19 é tamén clave para que, cando menos de momento, o incremento da incidencia non se traduza nun maior incremento da presión hospitalaria. Así e todo, outros puntos do sistema sanitario -como a Atención Primaria ou os servizos de rastrexo- si ven incrementada a súa presión co aumento dos casos activos: 2.466 ás seis da tarde do domingo, 959 máis que unha semana antes.

Mentres, nos hospitais, a cifra de persoas ingresadas ás seis da tarde do domingo (os números das hospitalizacións adoitan aumentar en fin de semana, cando se tramitan menos altas) chegaba ás 61, once máis que unha semana antes, segundo o Sergas. As persoas con test positivo da COVID-19 que precisaban asistencia en UCI eran 11, tres menos que sete días antes.

As cifras de hospitalización aumentan moi lixeiramente mentres os indicadores de mortalidade de persoas coa COVID-19 seguen nos seus niveis máis baixos dende finais do verán de 2020. Nos últimos sete días, o Sergas notificou unha única morte dun paciente co coronavirus -estas cifras consolídanse durante uns días, polo que aínda poden variar- e o total segue en 2.437.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.