Coa campaña centrada nas segundas doses ás persoas de 40-49 anos e nas primeiras doses ás de 30-39, a próxima semana só poderán pedir cita os maiores de 50 que aínda non fosen vacinados e os menores de 30 estudantes Erasmus
A citación automática por parte do Sergas a través de mensaxes SMS a cada persoa seguirá sendo a vía principal de convocatoria á poboación para vacinarse fronte á COVID-19, coa idade como criterio para priorizar os chamamentos. Porén, a próxima semana a Xunta activará un segundo sistema de autocita, ao que destinará “unha parte das primeiras doses dispoñibles, o 5%, que pode variar en función das doses que recibamos”, en palabras do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. O uso dese sistema de autocita estará condicionado a determinados colectivos, que na primeira semana en funcionamento serán as persoas maiores de 50 anos que aínda non fosen vacinadas (inicialmente o conselleiro verbalizou que serían maiores de 80 pero posteriormente a consellería indicou nunha nota de prensa que serían 50 anos) e os menores de 30 anos que sexan estudantes Erasmus.
O novo sistema de autocita, que deberá ser empregado a través da web ou da aplicación móbil do Sergas, abrirase en semanas sucesivas a novos colectivos en función de como funcione nesta primeira semana, que o Sergas presenta como unha proba. Porén, “non se poderá pedir cita se a persoa está na campaña activa”, como denomina o Sergas aos chamamentos masivos por SMS, centrada actualmente nas segundas doses ás persoas de 40-49 anos e nas primeiras doses ás de 30-39.
En xullo o Sergas prevé dedicar ao sistema de autocita uns 2.000 ocos á semana, pero non poderá recorrer a el ningunha persoa incluída na "campaña activa" por idade de cada momento
Nesta primeira semana de proba da autocita, a Xunta opta por permitir o sistema para as persoas cuxa "campaña activa" xa pasou pero que non puideran ser contactadas ata agora polo Sergas ou que non acudisen ás chamadas previas que se lles realizaran, e os estudantes Erasmus, que deben desprazarse ao estranxeiro e que calcula nuns 2.000, segundo os datos facilitados polas universidades galegas, que colaboran para identificalos. Segundo indicou o conselleiro, o propio sistema informático do Sergas identificará se a persoa que intenta acceder ao sistema de autocita non está xa vacinada e cumpre as condicións, no caso dos Erasmus grazas aos datos cruzados coas universidades.
Comesaña indicou que a previsión, en función do volume de vacinas que se esperan recibir, é que o sistema de autocitas poida ofrecer ocos nas axendas da campaña activa “da orde de 2.000 á semana”, para un total de 8.000 no total do mes. Tras a primeira semana de proba, o conselleiro indicou que se estuda aínda que outros colectivos poden incorporarse ao sistema de autocita en función de se teñen “algunha circunstancia especial”.
O novo sistema chega con preto de 1,3 millóns de galegos e galegas, case a metade da poboación, xa vacinada coa pauta completa, pero con outro millón de persoas aínda sen sen recibir a primeira dose. Este sábado o conselleiro indicou que na vindeira semana a previsión é administrar outras 178.000 doses (64.000 primeiras doses e 114.000 para completar a pauta vacinal).
O Sergas sumou na última xornada 230 novos casos, algo menos que nos dous días previos, e xa hai 2.136 casos activos, o que supón volver a niveis dos que se baixara hai un mes
Canto aos datos actualizados da evolución da pandemia en Galicia, na última xornada o Sergas sumou 230 novos casos, algo menos que nas dúas xornadas anteriores, o que non evita que a cifra de casos activos volva superar os 2.000 (son 2.136), punto do que se baixara hai agora un mes. Porén, a diferenza do que ocorría na última ocasión en que se rexistraron varios días con máis de 200 novos casos, agora estes concéntranse na mocidade non vacinada, colectivo no que incidiu especialmente o surto importado dende Mallorca por mor das viaxes estudantís.
Hai once persoas hospitalizadas máis que hai unha semana, pero as UCI mantéñense estables con 11 casos
Nos hospitais, na última xornada pasaron ás UCI dúas persoas máis, ata un total de 11, mentres que se reduciron en catro as hospitalizacións ordinarias, 42. O total de persoas hospitalizadas son polo tanto 53, 11 máis das que había hai unha semana, aumento que se produciu na hospitalización convencional. Porén, nesta última semana tamén se sumaron tres novas mortes ao rexistro de persoas falecidas con COVID-19.
Agás Ferrol todas as cidades vén aumentar en maior ou menor medida nas últimas xornadas a incidencia
Canto á distribución xeográfica, agás Ferrol todas as cidades vén aumentar en maior ou menor medida nas últimas xornadas a incidencia de casos por 100.000 habitantes nos anteriores 14 días. O caso máis significativo é o de Pontevedra, a onde chegaron o groso dos primeiros casos importados de Mallorca, e onde a incidencia acumulada pasou en dez días de 32 a 156 casos.
Estes datos rexístranse ás portas da primeira fin de semana con pubs e discotecas abertos, pero tamén no inicio da vacinación masiva do grupo de 30 a 39 anos.